Unha das funcións interesantes dos blogs é a de someter a crítica a opinión pública publicada nos xornais. Ese xa tópico carto poder, nacido como contrabalanza dos outros poderes, cada vez se atopa máis en mans dos que detentan o poder. Non xa polo control, manipulación, dependencia, que xa dá ata noxo comentar de tan obvio, senón pola ocupación cada vez máis rutilante deses espazos polas mesmas persoas que teñen tribuna e altoparlantes nos parlamentos, nas televisións, nos mítins. Ou sexa: que eses recunchos destinados á crítica política, á censura do poder, están ocupados, case usurpados, polos mesmos que a priori constitúen o blanco dos comentarios, con variantes mal disimuladas, coma a de colocar a xornalistas da corda de espíritu e letra militante, convivinte co partido en cuestión, para tales exercicios.
Non fai falta sinalar a limitación que iso supón para o libre desenrolo da análise política. Por iso aprezo tanto neste formato, ou no do facebook, a crítica aos columnistas de prensa, o comentario aos comentaristas, a resposta aos que ocupan un lugar de privilexio na expresión das súas ideas. O blog debe ser contrabalanza da suposta contrabalanza do poder, unha especie de vixiante atento ás redundancias do sistema político, un incordio para os que cren que emiten e constrúen a opinión pública. Aquí, co gadaño preparado, andamos.
Ilustración: praia de Gulpiyuri, no conceyu de Llanes.
2 commenti:
Don Arumes, conte comigo para darlle ao "gadaño" crítico contra todo e contra todos, incluidos blogs e feisbuses se for preciso, e moito mellor se despois de cada gadañada botamos un baño nesa praia que nos pon como reclamo paradisíaco. E aínda que non interveña, que saiba que sempre ando por aquí, ou polas inmediacións de aquí. E xa postos, aproveito para saudalo, que aínda non o saudara despois do verao. Força Toscana!
Os blogs deberían ser todas esas cousas. O que pasa é que, nestes últimos tempos, constato que a xente fai cada menos comentarios nos blogs. Non sei se, ademais, cada vez se len menos.
Por outra bada, veño tamén observado que cada vez máis os xornais abren as súas noticias aos comentarios dos lectores. Iso, en principio, está ben. O que pasa é que iso non se fai inocentemente. Os xornais teñen unha axenda política e necesitan dos comentaristas para facer opinión pública dicindo cousas que eles, como medios de comunicación, non se atreverían. Bótenlle unha visual ao tipo de comentarios que se verquen en xornais como La Vanguardia. Unha notitcia lixeiramente crítica con Montilla/Zapatero/Hereu ou algún comentario sobre inseguridade cidadá é automaticamente aproveitado por un certo sector dos lectores opinadores do máis reseso para insultar, facer comenarios racistas, etc.
Posta un commento