Caxigalines nella Reguera'l Campizu

11 ottobre 2010

ZAPATERO E A MOCIÓN DE CONFIANZA


As últimas noticias sobre o cariño profesado pola cidadanía española ao seu presidente falan de seria desafección ou de abandono. Falta ano e medio para as eleccións e o panorama non pinta nada ben para Zapatero, comprometido cos remedios para solucionar a crise antes que cos seus electores. Esa teima presidencial, común a case todos os anteriores, de crer que só eles coñecen non só a realidade completa do país senón a solución precisa conduce inevitablemente a esta situación de desamparo político.
Esa mesma conciencia (afín ao do déspota ilustrado) de estar actuando en beneficio dun ente pouco ou nada definido chamado país, España ou nación deixa vulnerables aos seus votantes que prefiren outras maneiras para saír da crise. Non vou continuar por esta vía que me levaría lonxe e non quero eu agora excursión longa. O que si pretendo sinalar é que, se Zapatero está completamente convencido de que esa é a única forma de governar e que esa forma ou non está suficientemente aceptada polo seu partido ou se de forma evidente non conta co apoio necesario no interior das súas ringleiras, debe someter todo ese labor á consideración democrática das súas bases. Non digo que faga a felipada de poñer o seu cargo ao designio do partido co propósito de deixarsee querer ou de facerse imprescindible, pero si debe someter o seu peso político (a súa propia auctoritas) aos militantes para zanxar dunha vez por todas esta crecente fraxilidade de liderazgo.
Onte dicía o propio Zapatero que o anuncio de se volver a presentar era unha cuestión persoal e, como tal, deduzo eu, sometida ao seu único arbitrio. Soaba convincente no amplo marco das relacións humanas e do respecto convencional ás vontades propias, pero eu, que son algo maquiavélico, creo entender que un presidente de governo non pode asumir nada de xeito persoal: que ten un deber asumido no contrato social asinado cos seus electores. Un presidente debe velar porque as súas apetencias non interfiran no que considere oportuno ao ben común e, sobre todo, ao benestar do país. Un presidente do governo é un papel que debe exercer do xeito máis convincente posible: non valen veleidades nin caprichos sobre o que ten que facer. Agora demándase que dea un paso adiante e aclare á cidadanía se vai ser ou non o candidato para as vindeiras eleccións. E, nese caso, que explique e dea a batalla no seo do seu partido onde, ao parecer, non están demasiado contentos cos seus silencios ou coa súa excesiva tranquilidade ao respecto. Se tan a gala ten (ou tiña) respectar, con todos os escrúpulos, os procedementos democráticos clásicos (e eu non dubido diso) debe poñer a súa política, os seus plans concretos, a disposición aberta do seu propio partido, presentarlle unha especie de moción de confianza, se o que quere é ter a suficiente fortaleza política para levar o país durante o tempo que queda para as eleccións. A aprobación dos orzamentos permítelle, polo de agora, non ter que preguntar directamente aos electores e antes de tempo que é o que pensan deste anos últimos ao frente do governo, pero o tempo corre inexorablemente para todo.

1 commento:

ms ha detto...

Ía dicir que a quen tiña que consultar ZP non é ao seu partido senón aos cidadáns, convocando eleccións antecipadas.

Mais pensando no que se nos viría enriba (PP en Galicia e mais en Madrid)...