Caxigalines nella Reguera'l Campizu

14 febbraio 2011

E U É?


As esperas nas consultas traen como consecuencia a lectura indiscriminada de canto papel hai por alí. Eu teño preferencias polas revistas do corazón, pero, cando remato, non queda outra que apandar co que haxa. Pero o outro día houbo sorpresa grande: unhas revistas de automóbiles clásicos. E, dentro delas, un especial sobre os 40 anos do 1430.
Xa falei aquí, creo, deste mítico coche que acompañou as nosas vidas durante anos (incluso os días de estudante en Santiago), pero foi emotivo ver de novo o seu tapizado (o noso foi recuberto cunha dacha infame e o cambio de marchas por un metacrilato con cunchas dentro) e o seu prístino, con sancristovo, salpicadeiro (que non sei que quere dicir, a verdade, salvo que sexa o que antiguamente servía nas carruaxes para evitar que salpicara a auga para adentro: agora a palabra ata parece porno en según que casos de divertimentos de interior). O certo é que non puiden resistir a foto da foto, con flash malamente incluso. A emoción será comprendida e a pifia ilustradora perdoada.
Ese claxon, eses mandos, esa canle redonda de aireación, esa xaneliña batente triangular, ese volante de dirección desasistida... Vaia por el esta cantiga de don dinís: Ai, deus, e u é?

2 commenti:

erre erre ha detto...

:-) Mola.

Eu teño un amigo que ten un r-4, que é o meu coche da infancia, e ás veces vouno visitar só para que me leve a dar unha volta, eu sentado no asento de atrás. O 1430, obvio, mola máis, pero a memoria é a memoria.

Turmano ha detto...

Joder se mola! O da dacha (non era dacha exactamente, pero vale a imaxe) foi de cando o roubaran, que logo daba como noxo sentarse alí (a saber...). E o do cambio foi iniciativa do taller diante da evidencia de que a bola negra pasada de rosca e pegada con imedio íanos levar ao desastre. Agora ben, dáballe un toque espectacular e non estaba mal para empezar unha conversa.