Caxigalines nella Reguera'l Campizu

15 giugno 2011

THE CORUÑA AGAIN (E DESCULPANDO A REITERACIÓN)


Visitas anuais á caixa de reclutas da Maestranza para prórrogas militares fixeron que durante anos A Coruña fose para min un lugar moi hostil. Aparcaba o coche nos cantóns e camiñaba pola parte vella, camiño dos cuarteis, entre garitas e soldadesca que pululaba por aquelas rúas, nas mañáns frescas e case sempre ventadas do verán que se anunciaba. Entraba naquel pequeno cuartel e dirixíame a unha ventaniña, no sentido máis estricto da palabra, onde atendía un home escuro, un tal Martínez, co pelo rapado polo pescozo, cos sinais do sol entre os pelachos recén cortados, capaz de maltratar el só, coa soa presencia do seu careto e o peito descuberto, a varias quintas de mozos estudantes. A miña experiencia coruñesa anual remataba máis ou menos aí, porque nunca quedaban ganas de aproveitar a obrigada visita para coñecer a cidade. As visitas de primos ou de amigos, sempre benvidas con entusiasmo, eran motivo tamén de excursións á Coruña: a dársena, a torre, maría pita, a rúa dos viños e a rúa real eran os nosos habituais destinos. Nin siquera procuraba máis lugares. Un café na Barra, un xantar insólito n'O Piote (existe?), algún prato combinado no Gasthoff, pouco máis. Non teño nin siquera fotos daquelas visitas: se cadra algunha sobre os norais do porto coas galerías resplandecentes sobre un fondo gris de treboada. Máis tarde puiden desfrutar dalgunhas noites inesquecibles (por inusuais) polos pubs do Orzán e dalgúns paseos por san roquiño de afóra, cando aquilo todo era cons e abandono. A chegada do meu irmán, primeiro (memorable o serán en que perdeu a liga o Dépor naquela casa do barrio das flores), e dos meus pais, máis tarde, á Coruña obrigoume a repasar isa cidade pendente. A rivalidade co Vigo no que vivo desde hai tempo podía entorpecer as miñas pretensións. Non é doado escapar aos tópicos parangóns, cargados de xenreira barata e de cansinas cantilenas, entre as dúas cidades. Pero cada vez que ía a Coruña, co simple propósito de visitar á familia, aproveitaba para querer aquela cidade que nunca fixera miña. Non sei cando empecei a estimar esas rúas, ese movemento calmado e provinciano, ese dolce far niente elegante e ás veces algo ensoberbecido da coruñesía. Nin cando contemplei con outros ollos os miles de bares e carnicerías e colmados ultramarinos de Labañou medio baleiros con nomes de vilas luguesas. Nin cando decidín apartar algo da memoria aquelas imaxes de sorchos apurando o paso polas rúas que eles mesmo tiñan ocupadas. Antonte cando paseaba por san andrés e miraba tantos comercios pechados, cos anuncios de alugueres ou traspasos, lembrei aqueles primeiros anos en que Coruña se amosaba bastante máis hostil: a parroquia castrense e o particular celo dos últimos alcaldes por fermosear os entornos das igrexas (serán tan beatos na Coruña?) estaban alí mesmo para mo recordar. Fixen repaso de como cambiei a miña percepción da cidade e mireime desfrutar con aquel paseo longo que antes procuraba acurtar. Quedan reliquias daquela miña primeira impresión, pero agora podo sentir que Coruña é tamén algo miña.

Nessun commento: