Non sei se a estas horas Caballero recunca. Os mesmos edís e tenentes de alcaldías (menos dous) que outrora apoiaran decididamente a unidade de progreso deciden hoxe retirarlle confianza, aínda que cos votos xustiños. Apenas uns meses antes (non máis de tres) sairan ao esceario xuntos en amor e compañía, publicaran un panfleto en papel couché carísimo con fotos de agarimos eternos e negaran contra toda evidencia a non excelente relación entre eles. Insólito parece que sexa agora cando se dean de conta da magnitude do engaño e aínda máis insólito que os mesmos que caeran nel sexan os encargados de decidir non seguiren autoengañándose. Os concelleiros do BNG trabucáronse en apoiar a Abel. Ben. Parece razoable a reflexión. Agora non queren bater noutra pedra. Tamén é razoable a rectificación, aínda que a piada sexa algo serodia. Pero o que resulta menos aceptable, ao meu xuízo, é que sexan eles mesmos/as, é dicir, os trabucados/as, os que cometeron os graves erros que eles mesmos formulan (non eu), os que continúen. Non resulta crible esta mudanza tan repentina na voz dos mesmos que hai ben pouco aseguraban compromiso e esa cousa tan medieval e tan imprecisa da lealdade.
Nessun commento:
Posta un commento