Caxigalines nella Reguera'l Campizu

1 giugno 2011

IRLANDA (13)


Quedan cousas que ver en Dublín. Convén aproveitar o tempo en visitas case obrigatorias. Miramos as guías. Aconsellan ver o lugar do primeiro parlamento irlandés, máis ben a reunión dos representantes irlandeses en Ingalaterra. Agora é o Bank of Ireland, un edificio, como tantos outros de finais do século XIX, de impronta neoclásica, con columnata e porte solemne gracias ao estatuario de deusas e alegorías. Un aire neoiorquino percibo nas fachadas, nunha versión algo disminuida de wall street. Alguén poderá dicir que é ao revés, pero Nova Iork foi primeiro na miña historia da arquitectura. Xa que estamos de novo perto do Trinity College (enfrente mesmo) non estaría de máis contemplarmos o Libro de Kells, esa alfaia da ilustración medieval, unha especie de embigo máxico (ese ónfalos que nos dá ao meu irmán e a min para botarnos unhas risas) no corazón da biblioteca da universidade principal de irlanda no corazón mesmo da cidade de Dublín. Non digo que non pague a pena a visita, pero hai que recoñecerlles o froito que lle botan á excelente magnificación dun único libro único. Unha antesala con paneis didácticos (caligrafía, ecdótica, estilos, tintas, materiais, historia) serve para presentar e preparar ao visitante para a contemplación do libro. Apenas hai sitio para a leitura das explicacións. O libro atópase, como non!, nunha sala escura, cunha luz que ilumina unhas páxinas do primoroso libro. Teño que recoñecer que me entreteño mirando as persoas que admiran o libro: a luz embellece o rostro dalgunha muller que agarda na penumbra. Da sala saimos cara a biblioteca de madeira que aparece en todas as postais de Dublín. Non cabe ningunha dúbida sobre a fermosura estrema do longo corredor, cos andeis repletos de libros con lombos de pergameo, distribuidos, coma na Biblioteca Marsh, de abaixo cara arriba, de maior a menor tamaño. É imposible mirar cun mínimo detalle todo aquilo: a xente inunda case todo o espazo. Desboto a idea de recorrer con tranquilidade o lugar e miro e miro pampo a atmósfera, os arcos do teito, as fendas repintadas das vellas trabes, e ás veces os ollos verdes de quen pousa a súa dozura naquelas escritas mudas. Á saída desta especie de templo profano un amplo rectángulo de herba aparece rodeado de centos de persoas que intentan roubar un anaco de sol. Arremangadas as camisas, levantadas as faldas, quitadas as camisetas, descalzados todos e todas sobre o céspede, deixan pasar o tempo. Non sei se divina, pero aquí está a mocidade espléndida no fragor da primavera de Irlanda.

Nessun commento: