Caxigalines nella Reguera'l Campizu

8 settembre 2011

CATARSES (HOXE INAUGURACIÓN)

Comezan as clases, coma sempre in crescendo. O primeiro día, tres. Onte, sete. Chegará o luns unha nova remesa erasmista e poboará a aula ata chegar, calculo, ata os vinte. O mércores, de novo, algún outro aumento, con algunha baixa. Non sei que día poderei saber cantos hai. 
O único que Bologna plantea, a unificación de criterios, a homologación de estudios, ao carallo vintenove. O outro, o da burocracia infinita, iso si, a moreas. Como nos gusta perder o tempo!

[Non o vou contar, pero nunha das últimas reunións de comisións de calidade, tras un longo debate sobre como debería ser a avaliación dos alumnos (cun cacao mental colectivo de meter medo), chegou a análise da titorización e coordinación de cursos e graos. Isto que ten un nome tan polisílabo en realidade consiste nunhas conversas coa rapazada toda para que cante que é o que máis lle gusta e que o que menos. Suponse que para extraer conclusións e mellorar o choio. Desas amigables charlas (que polo que sei rematan en cotilleos infames nalgúns casos) quitan a conclusión de que unha materia impartida durante un par de anos por un/unha profesor/a non está sendo impartida do modo máis axeitado. As queixas son extraordinarias e de todo tipo. Planteado así o asunto, propoño que a tal materia sexa impartida por outro profesor/a ou por outro departamento. Nese momento, a calidade cobra a súa verdadeira dimensión: "É difícil, é complicado, hai que falar co departamento, hai que falar con blablabla". É dicir: a única cousa para a que está montada a comisión de calidade que é para resolver os problemas concretos desiste e demite das súas funcións cando aparece un que ademais se pode arranxar de xeito case gordiano. En fin, isto é o que a xente cre que é Bologna, para dor, angustia e desesperación do persoal. Pero, para que contalo?]

1 commento:

detective crepuscular ha detto...

Iso mesmo, para que contalo? Para que acender o sangue de mais indignación do que xa o temos? Por iso eu prefiro, para non envinagrarme de mais, levar as catarses por vieiros menos inflamáveis.

Era un autor que tiña pendente de leitura e onte na biblioteca do barrio (será por libros) dei con unha das nocillas, concretamente coa NOCILLA EXPERIENCE, a segunda da triloxía de Agustín Fernández Mallo (A Coruña, 1967). Levo apenas unhas páxinas e... pódese saber de que vai a cousa e tirar unha conclusión por adiantado (e o mais seguro que precipitada) despois de ter lido só as primeiras páxinas? A vostede que lle parece, don Arumes? Eu penso que ás veces, de tanto ouvir falar dun autor e da sua obra e de ter lido algún artigo da sua autoría, é como se xa che resultara coñecido e o tiveras lido desde o primeiro día que deches con el. É do estilo de POST-IT, de Iolanda Zúñiga (autora da que vostede gosta tanto), pero pasado polas Ciencias Físicas (nótase que o Mallo é licenciado na tal materia, como pon na contratapa, como tamén pon que no 2000 acuñou o de Poesía Pospoética, esa mistura de arte e ciencias). Está visto que agora todo é post, e o que non sexa post xa pode irse despedindo. Non é tampouco de estrañar que un dos valedores do autor sexa Juan Cueto ("Lo que sostiene muy postpoéticamente Fernández Mallo es sencillamente la literatura de la verdadera transición, la que aquí, en el país de las transiciones tardías y pelmazas, nunca se mencionó.") No capítulo 10fala dun percebeiro de Corcubión, La Coruña, España, e di cousas como estas: "donde hace un segundo había roca y molusco ahora hay espuma y aguas VECTORIALES, pura fuerza", "viven en esa frontera de lo LÍQUIDO-SÓLIDO-GAS,..., como si no les afectara que en los límites de la MATERIA no estén los bordes ni los vértices sino la ANTIMATERIA, como si no les afectara..." Toda unha lección de fisicidade experimental. Se Manuel Rivas colle este EXPERIMENTO no principio (Antón es un percebero que vive en el pueblo de Corcubión, La Coruña, España), convérteo nun CONTO digno de figurar en UN MILLÓN DE VACAS ou CHAMADAS PERDIDAS. Se Fernández Mallo tivese que POSTPOETIZAR os títulos de Rivas, o primeiro sería UN MILLÓN DE VACAS ATÓMICAS ou UN MILLÓN DE VACAS CUÁNTICAS e o segundo AS CHAMADAS PERDIDAS E A TEORÍA DA RELATIVIDADE ou EINSTEIN EN CORCUBIÓN (OU VIMIANZO). Nada a ver coa feitura clásica de Bassani, don Arumes. Eu penso acabalo e non descarto ler as outras duas nocillas e mesmo o último que publicou, que vai sobre Borges ou algo así. Eu todo o que vaia sobre Borges interésame. Hai qie postpoetizarse e ollar cara adiante, cara o postinfinito, amigo vigués.