Caxigalines nella Reguera'l Campizu

27 settembre 2011

UNHA OBRA MESTRA DA ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA


Onte, nun día moi esgotador, estiven no aeroporto Sá Carneiro para despedir a unha persoa e máis tarde para abrazar fortemente a outra que viña de emotiva tarefa. Aproveitei para baixar ata Porto para dar unha volta no metro (light train, din en inglés). A viaxe, comparada con calquera das cidades europeas, é un regalo, moi perto de ser case gratuíto (ida e volta, 3,30 euros). O tren, impoluto, e cheo de xente silenciosa. Só uns berros de cativos algo maleducados enturbiaba a paz do silencioso comboio. Fun mirando pola ampla xanela a paisaxe, limpa, a pesar do improductivo da meirande parte dos terreos. Chegado ás primeiras casas, a orde e a limpeza continuaba a ser a norma (canta diferencia!). Pero tamén é certo, aínda que o tren non pasa (salvo en contadas estacións) por lugares poboados, que non vía xente pola rúa. Todo o mundo parecía estar no vagón. Isa mesma sensación tiven na viaxe de volta. Todos mudos, todos en silencio, tratando de ir dun lado para outro, mais na rúa apenas ninguén. Non quixen quitar conclusións; bastante tiña con refrear a tristeza de ver o mundo de fóra sen xente. 
Cheguei ao aeroporto de novo e volvín recorrelo dun lado ao outro, buscando mesmo defeitos ao edificio, porque non podía crer que fose tan perfecto. Non estou seguro de que os haxa (se cadra algún ruído de máis na ventilación, algúns pasos angostos por entre os comercios ou os bares) mais o conxunto é fabuloso. Se alguén me preguntara por unha obra de arquitectura eminente dos últimos anos, non dubidaría nin un instante en dicir que o aeroporto de Porto é unha obra mestra.