Caxigalines nella Reguera'l Campizu

2 settembre 2011

GIORGIO BASSANI E FERRARA


Bruno Lattes, Lida Mantovani, Geo Josz, Gemma Brondi, Elia Corcos, Clelia Trotti, Pino Barilari, l'onorevole Bottechiari, Rovigatti son algúns dos personaxes, os máis importantes, das Cinque storie ferraresi, a obra que deu a coñecer a Giorgio Bassani ao gran público tras gañar o premio Strega do ano 1956. Estes nomes compoñen un cadro complexo da Ferrara de mediados do século XX, nomeadamente os que van desde o remate da primeira guerra mundial ata os anos inmediatos á Liberazione de 1945. Moitos deles pertencen á comunidade xudea da cidade italiana, perseguidos durante o periodo mussoliniano, de forma moi especial a partir da promulgación das leis raciais aprobadas polo réxime fascista en 1938, coa detención incluso e posterior envío aos campos de concentración alemáns tras pasar polo tristemente famoso campo de Fossoli perto de Módena e Carpi. 
Bassani coloca estes personaxes non só dentro do reducido mundo do intramuros ferrarés senón nun estreito espazo de rúas e ruelas arredor, máis ou menos, do barrio xudeu, o chamado con maior propiedade ghetto ebraico. Un pode ler a Bassani sen coñecer aquelas rúas: resulta obvia esta afirmación, pero mirar a cor ocre escura das súas paredes de ladrillos, a calzada de croios rodantes con terra e herbiñas que medran entre eles, os seus arcos baixos que sustentan o pasadizo que comunica as vivendas, o lugar da discreta sinagoga, disimulada entre os propios edificios, axuda a comprender cómo se pode construir unha enteira literatura narrativa cuxo espazo apenas supera o tamaño dun cadrado imperfecto dunhas 9 hectáreas. Tampouco é necesario ler a Bassani para visitar Ferrara, pero as súas páxinas contribúen a sentir a cidade dun xeito moi especial. Poucas cidades poden presumir de estar tan intimamente ligadas a unhas narracións coma as que ofrece Bassani. 
Teño que recoñecer que a (marabillosa) excusa da viaxe a Ferrara permitiume entender a xenialidade literaria de Bassani. Fun para alí con medio xardín dos Finzi-Contini lido. Non sei se conscientemente fun retrasando o final do libro ata verme alí e visitar o cemeterio ebraico onde pousan os restos do autor e as lápidas dos Finzi, dos Contini, dos Bassani, dos Zamorani, dos Ravenna, case desaparecidas entre a herba alta do inmenso campo que os acolle, ata camiñar polo corso Ercole I d'Este e adiviñar o portalón que dá entrada a unha casa que non existe, ata recorrer lentamente a longa lista de xudeus da escola israelítica que foron levados a Alemaña e cuxos nomes figuran na entrada da sinagoga, o lugar onde comeza unha das historias ferraresas do supervivinte de Buchenwald, Geo Josz, titulada Una lapide in via Mazzini, ata sentarse na praza de santa María in Vado e mirar desde lonxe o Palazzo Shifanoia e imaxinar que era nesa tea de araña onde viven os personaxes das súas historias, ata contemplar as ponlas do magnolio que sobresaen do xardín da casa do propio Bassani no número 1 da via Cisterna del Follo. Non estou seguro de que recoñecer eses lugares, tan detallados nas narracións de Bassani, axude á comprensión dos seus libros, pero, recoñecidos e identificados, permiten multiplicar as olladas sobre a cidade, como cando un pasea ao longo do foso do Castelo d'Este despois de ler en Una notte del '43 que alí mesmo foron fusilados once antifascistas, que foron deixados alí sen permitir siquera aos familiares recollelos durante un día enteiro e que desde as fiestras da farmacia (Navarra, na realidade) Pino Barilari miraba todo aquilo con horror sentado na súa cadeira de rodas e que ningunha guía turística fala daquela noite de decembro de 1943, tal e como o propio narrador indica ao comezo da historia. 
Cando rematei de ler o xardín, lento lento, aquela cidade convertiuse nalgo ben diferente. Necesitei ler máis de Bassani. Comprei esas historias ferraresas que el escribira anos antes (na de Os derradeiros anos de Clelia Trotti pode adiviñarse a parella de Micól e B. deitada no xardín da Certosa) e linas con devoción completa. Tamén apurei nun par de pomeriggi d'estate Gli occhiali d'oro, a extraordinaria historia do doutor Fadigati, un médico querido por todos os ferrareses pola súa cortesía e dedicación xenerosa, que pouco a pouco vai padecendo a soedade e o aillamento da sociedade, co trasfondo do fascismo, pola súa condición homosexual. Contada por Davide Lattes, unha especie de trasunto bassaniano, a pequena novela é unha obra mestra, cuxo final (en Pontelagoscuro por onde crucei o Po en bicicleta: xa sei, demasiado trivial) é un dos máis memorables da miña vida. 
Ignoro o panorama das súas traducións. Creo que Lumen quitou hai pouco La novela de Ferrara que inclúe case todo este material. O propio Bassani revisou esas novelas e deulle con ese título fasquía unitaria, co nome da cidade como aglutinante. Releo estes días para non deixar de pensar nun paseo en bicicleta polos bastións da cidade e chegar onda os muros do xardín dos Finzi Contini e mirar entre os olmos a Micól xogar ao tenis.   

3 commenti:

detective crepuscular ha detto...

Don Arumes, como LA NOVELA DE FERRARA fora publicada pola editorial Bruguera (a das tapas grosas) en dous volumes alá polos anos oitenta, que é a que eu teño e coñezo. A tradución era de Carlos Manzano e constaba de 5 novelas, creo lembrar, unha delas a dos Finzi-Contini e as outras cuatro quen pudera lembralas, pois nestes momentos repousan na Casa da Nai, a 1100 km de distancia, e como comprenderá non é cousa de tornar á terra para consultar os seus títulos, que aínda cheguei o domingo pasado e tanto quilómetro cansa. A de Lumen téñoa visto e folleado, é nun só volume (?), e hoxe á tarde se podo xa farei por inteirarme do seu tradutor. Un pracer ler os seus comentarios, e mais tratándose de Bassani. Quen fala de Bassani hoxe en día? Don Arumes e tres ou cuatro mais.
A respeito de Donna Leon, da que falaba vostede o outro día, direille que non lle acabo de coller o "punto". Non hai moito que lin MUERTE EN LA FENICE, e que quere que lle diga, lese ben, refresca a memoria veneciana, e pouco mais. Non me parece das grandes; iso si, encantado que viva en Venecia, que nola siga recreando nas suas novelas, e que dure.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Bassani é un xigante da literatura se a súa poética intimista permite tal oxymoron. Gli occhiali é unha novela perfecta e as historias ferraresas están construidas cunha intelixencia narrativa exemplar. O giardino abraia, sobrecolle.
DLeon entretén, pero pouco ou nada máis.

Agrimensor ha detto...

Moi agradecido por estes comentarios magníficos sobre Bassani, de quen só lin -hai xa tanto tempo, eran os últimos anos sesenta- O xardín dos Finzi Contini. Léndoo a vostede, entran devezos de volver a ese libro e buscar os outros.