Caxigalines nella Reguera'l Campizu

17 ottobre 2011

ARDE ROMA


Hai tempo que non escribo nada sobre Italia. Sobre a política italiana. Escribín moito cando a situación comezaba a amosar os seus perfiles desacougantes. Agora, con tristeza, a realidade do país é ben coñecida por case todo o mundo. Non fai falta apuntar nada: á vista está. Pero non me resisto a comentar a xornada de protesta do sábado en piazza san giovanni, as mostras de violenza e de guerrilla urbana por toda a bella cidade de Roma (a cidade máis fermosa do mundo), tantas veces lugar de sangue e batallas. 
Deixemos a un lado a vella tradición italiana dos movementos anarcos e movementos filocomunistas. Deixemos a vella xínea de alborotadores procedentes do fascismo e de grupúsculos mussolinianos. Deixemos tamén atrás a fasquía temible do sector dos carabinieri, creo eu, aínda non formados no respecto constitucional das policías democráticas. Deixemos tamén de lado a ineficacia rotunda do país cos servizos públicos, incluidos forzas de orde, máis preocupados en exhibir hirsutos as súas camisas cupinas que en regular a vida diaria. Deixemos tamén de lado a calor outonal que tamén cubre o país cisalpino. E miremos tan só ese país temeroso, desconfiado dos seus propios concidadáns, preso de gobernantes corruptos e de políticos que emporcan calquera parlamentarismo, calquera representación soberana. Miremos a ese país dividido de forma radical en dous: un norte rico (que incluso podemos prolongar ata Toscana, con dor dos padanos), cun índice de paro cativo e coa acumulación da industria máis floreciente, e un sur ancorado en niveis de desastre completo. Miremos ese país de lugares marabillosos, onde un servidor quedaría a vivir para sempre, que quedan baleiros á tarde por medo á delincuencia (probablemente certa) que as canles dominadas por Berlusconi magnifican a cada paso. Miremos entre liñas, como fago eu mentres desfruto daqueles lugares, o descontento xa irascible, a rabia atrapada nas conversas con calquera que atopas: desencanto brutal, desánimo de país, afundimento completo das súas esperanzas. Iso atopas nas súas palabras, mentres dedican ese sorriso inconfundible do que se cadra coñece a propia historia do seu país. 
Que queimen o mundo, que o horizonte dos piñeiros de Roma apareza entre columnas de fume non pode estrañar a ninguén. Os indignati repudian tales feitos; rexeitan, diante das portadas dos xornais berlusconianos, que os chama criminais e asasiños de esquerda, esa violencia abraiante. Mesmo lanzan sospeitas, coma sempre en Italia desde os anos de chumbo, entre críticas á pasividade policial. Pero, para min, que vexo ese mundo desde moi fóra, que arda Roma, con estes vimbios, non me resulta nada raro. Non é, non fai falta dicilo, xustificable, pero vai de seu. 

2 commenti:

Anonimo ha detto...

Italia, como Arxentina, como... que bonito país mais qué carallo xe xente!

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Moita xente en Italia tamén é admirable. Resistente e afectuosa. Non teño ningunha mínima palabra mala para os amigos e amigas que fixen alí, que son case todos/as. Quéroos/as moito. O que non funciona é o país.