O Auditorio Mar de Vigo no momento do solpor foi marco incomparable onte para unha reunión (EspazoLuzes mediante) entre os candidatos de orixe galega ás europeas. Por orde alfabética, José Blanco, Paulo Carlos López, Francisco Millán, Ana Miranda e Lidia Senra: innecesaria a correspondencia de siglas, non vaia ser que me digan algo. Como mestre de cerimonias un Manuel Rivas lírico e cálidamente riguroso na aplicación das reglas.
O programa anunciaba debate, pero en puridade non houbo. Eu marchei na cuarta pregunta do público (a quenda de Beiras, que andaba entre o público) e ata entón só houbo monólogos individuais dun par flexible de minutos por cada intervinte. As preguntas sobre Europa, a crise, a autodeterminación, Galicia. As respostas, en tono mitineiro, facilitado pola presencia de clas respectivas, non aclararon, como era de agardar, moito. A importancia, non obstante, residiu na existencia mesma do acto, na concurrencia nun mesmo estrado, co sol incendiado da ría de Vigo como iluminación extraordinaria, de cinco representantes políticos de Galicia. Non hai fórmulas idóneas para un debate a cinco voces: este, alomenos, tivo a fortuna dun moderador moderado e sereno e o acerto da brevidade das intervencións. Só nun par de ocasións, por alusións tímidas ou reproches indirectos, puido encenderse algo de polémica, pero todo quedou nunha educada sucesión de pareceres. Non se pode pedir máis ao que creo, sen átomo de ironía, un acto democrático de presentación de candidaturas.
Blanco, con voz moi firme, suliñou en cada participación a gravidade da crise e a inoperancia do goberno. Animouse por veces a unha crítica directa ás recetas de Rajoy, pero a cada palabra a memoria dos asistentes repasaba a súa estadía no goberno de Zapatero e desmoronaba o falso edificio da súa diatriba. Teno moi mal o PSOE para facer crible calquera cousa que propoñan coma saída da crise. Coma orador non estivo mal: ten táboas e ten conseguido ao longo do tempo un pouco de mala baba: traballa nun imposible, pero a el dalle igual que para iso ten Europa a tiro.
Paulo Carlos López semellaba novo nestas lides. Notouse o seu desempeño de meritorio. Cun discurso ben aprendido, pronunciado á velocidade do lóstrego, apuntou maneiras. Pero debería marcar mellor os tempos, tirar de retranca nalgún intre e evitar esa sensación de estar dando leccións aos demáis sobre certos aspectos. Ten labia dabondo, pero debe empregala con meirande eficacia.
Millán é un profesional da política. Non agardaba eu ver un representante do PP nestes foros, pero a verdade resulta difícil explicar as súas reticencias, porque, se levan a Millán Mon, teñen asegurada unha roca onde edificar nondiscursos. Pareceume o máis rodado de todos: o que responde con mellor plan ao que se pide nun político do PP. Refractario a calquera crítica, animoso e autoindulxente, cun discurso simple (Europa, Europa, Europa) e, sobre todo, coa exhibición xubilosa do que parece que acaba de entrar en política. Resulta de interese ver a un tipo que leva boa parte da súa traxectoria política en Bruxelas e Estrasburgo no grupo maioritario que goberna Europa coma se fose un titán que vai transformar este continente con medidas audaces. Os distintos avatares de Europa non van con el: son alleos ás súas leis e ás súas propostas. Europa agarda a ser mudada polas súas valerosas iniciativas. Nalgún momento puido caer na rede da polémica, pero zafou: o seu impecable terno non lle permite esas leas algo suxas: el é un europarlamentario e un europarlamentario nunca se mancha. A nada pode gañar as eleccións, de novo.
Ana Miranda estivo á altura do que se agarda dela. Foi contundente, aínda que estivo algo repetitiva cos pobos de Europa e con Escocia en particular. A cla que levaba non a axudaba: eu téñoa por expositora calmosa, pero acusou a tendencia mitinesca. Por un momento confesou que no parlamento europeu tiña menos tempo e que aquí abusaba. Quixo apurar moitos temas e, desa maneira, todo por xunto daba unha sensación algo atropellada. Non pode estar decepcionada coa súa actuación.
Lidia Senra era ou semellaba nova nestas concorrencias. Mesmo ela admitiu que viña con ganas de aprender ou de desenrolar un labor no parlamento para o que son precisas horas de percorrido. Notouse. O seu discurso foi eminentemente político, baseado na idea forza da soberanía do pobo, das clases populares ou da cidadanía (vocabulario que foi repetindo durante todo o tempo) que ten que transformar as institucións. Aínda que puxo exemplos moi concretos da ausencia de estado en Galicia e fixo unha excelente síntese do que representa a súa persoal candidatura, non logrou ao meu xuízo afianzar o seu discurso máis aló das sinxelas e consabidas consignas do grupo europeu no que aspira a integrarse. Faille falta rodaxe e aprendizaxe (aspecto que ela mesma confesa), pero entusiasmo sóbralle: non sei eu, en todo caso, se será suficiente.
Foi un tramonto moi interesante. Quedo coa palabra morna de Rivas (outro dirán aborrecida) e coa elegante proposición para o debate. Quedo coa iniciativa e coa disposición dos e das participantes. O interese do contido queda para outra ocasión: tampouco era, no fondo, o que se pedía. Só estar alí, falar, explicarse. Que non é, nestes tempos, pouco.
Nessun commento:
Posta un commento