Concluía DV ao final: "Esta obra envelleceu moito". E engadía: "Dramaturxia incluída". Non logro mellorar esa impresión, porque eu preguntábame durante a representación por que montar nestes tempos Longa viaxe cara á noite? Que leva a un CDG a programar unha obra coma esta? Cal é o propósito, alén de recurrir aos clásicos, que por si mesmo non xustifica todo? R, con espíritu pragmático, suxería que se trataba dun exercicio de estilo: se entendín ben, dunha pedra de toque exemplar para ofrecer un drama. Nese sentido, o grupo de actores e actriz cumple co cometido; responden con eficacia á letra e ao xénero melodramático da historia: dramón sae da gorxa mentres transcurren as esceas, ao límite de case todo. En especial, por xuntos. O pai, James, semella, para min, vello de máis: arrastra un cansanzo lastimoso que cadra excesivo ou impropio á miña maneira de comprender a personaxe (autoritario, actor frustrado pero con antigo esplendor físico: aquí máis perto do velliño apocado e murcho). A nai, morfinómana, procura un vó algo máis anxelical e lírico e neses momentos acada a obra certa firmeza dramática. Os fillos, o esmorgante Jamie e o enfermizo Edmund, cobran altura nas esceas en que ebrios expulsan os seus demos interiores, pero noutras, con toda a familia, non logran semellante nivel.
O conxunto interpretativo (o mellor con diferencia) resulta, non obstante as moitas tachas no tocante ao ritmo algo atrancado nalgunhas partes, a elección desganada do decorado seudorrealista e a insólita música estándar ("espazo sonoro" figura no libreto) máis propia de fondos de anuncios lánguidos ca de unha obra do fuste desta de O'Neil. Ignoro a intención dun vestiario e atrezzo anodinos, por veces anacrónico, entre falsamente moderno e falsamente antigo: se é intemporalidade, non permite distanciarse do tempo en que transcurre a obra e comprender dese modo o alcance profundo e terrible do drama que vive a familia Tyrone. Medio aforo no teatro e aplausos sentidos pecharon o novo (desta vez modesto) espectáculo do CDG.
Nessun commento:
Posta un commento