Caxigalines nella Reguera'l Campizu

7 maggio 2014

RACCONTO AUTOBIOGRAFICO DE EUGENIO SCALFARI



Eugenio Scalfari non é moi coñecido neste país: en Italia é unha figura intelectual de primeiro orde, con vocación de guieiro moral e político. Promotor e logo director da prestixiosa revista L’espresso e fundador do xornal La Repubblica onde exerceu ademaís de director durante vinte anos ata convertilo nun signo de referencia, o vello Scalfari (90 anos recén cumpridos) ocupa un lugar central na vida social e política do bel paese. As reflexións nas súas columnas semanais e os seus contactos coas principais persoalidades culturais italianas, ás que incorporou de forma intelixente nas publicacións que el dirixiu, bastan para explicar a súa importancia.
Innecesaria resulta a relación das súas obras, todas elas, en gran medida, testemuñas do seu activismo público. Pero hoxe traio o seu último libro para comentar: Racconto autobiografico, un breve resumo da súa propia vida, escrito con certa indolencia e con pouca débeda á melanconía. Conta detalles da súa infancia en Civitavecchia, as afectuosas (non amorosas) e ao tempo distantes relacións paternas, o seu paso polo Liceo classico en San Remo con Italo Calvino como compañía de pupitre ou a súa formación fascista, explicada nun parágrafo dunha densidade lacónica extraordinaria:
Era balilla mosqueteiro, un corpo selecto dentro dos balillas (…) Aprendéranos a montar e remontar o mosquete e a desfilar (…) Os exercicios paramilitares en uniforme, as cancións, o estudo da historia da antiga Roma e logo do Risorgimento, todo en función dun nacionalismo militarizado, a „Cuarta Ribeira”, Augusto, Dante, Mazzini, Faribaldi, D’Annunzio, o superhome, „navegar necesse, vivere non necesse”; o corazón sobre calquera obstáculo: sobre estas bases culturais e escenográficas foron construidos a mocidade fascista, o mito da romanidade e do imperio, a Italia proletaria, o asedio do capitalismo plutocrático e xudeu. Deste modo estableceuse o eixo Roma-Berlín e preparouse a catástrofe da guerra.

Explica tamén no seu libro o seu camiño ideolóxico ata un laico liberalismo de esquerdas, a súa relación co poder, quer económico (con Olivetti ou Benedetti ou outros dirixentes máximos das principais empresas italianas), quer político, coa súa militancia no Partido Radical e a súa posterior aventura como deputado do partido socialista. O seu combate permanente con Berlusconi data dos primeiros intres nos que o magnate italiano quixo monopolizar os medios de comunicación e constitúe un deses episodios que caracterizan aínda unha época. A vida de Scalfari vertebra a historia política da Italia da segunda mitade do século XX. Mesmo agora, avanzado xa o XXI, volve ofrecer interese notorio, coa súa entrevista ao novo pontífice Bergoglio cara quen, a pesar do seu declarado ateísmo e da súa militancia laicista, amosa singular simpatía.
Interésanme, non obstantes todas estas notas, as liñas que adica no libro a explicar os seus dous amores profundos, fillas aparte. Scalfari, que semella moverse entre oficinas, despachos e mesas de redacción, con entrevistas e conversas sobre materias de fondo calado político e mesmo institucional, amosa unha faciana sentimental a priori impensable. As páxinas nas que define a relación entre os seus pais, ou entre el e seus pais, ofrecen, con detalle e con desprezo do psicoanálise, exemplo da súa especial capacidade de reflexión. Afeito aos debates morais sociais, mira Scalfari o seu propio mundo con semellantes pautas. Esa observación moral de si mesmo atopa nas liñas sobre Simonetta e Serena, as súas dúas mulleres, ás que homenaxea de seguido, un dos momentos se cadra máis íntimos do libro. As palabras exímenme de meirande precisión.
Eu era estructuralmente monógamo; o meu afecto pola miña muller Simonetta era profundo e completo e nunca faltou, pero o sentimento de amor por Serena tivo un ímpetu que eu nunca coñecera. Eran Serena e Simonetta dous caracteres e ddúas persoas bastante diferentes e isto complicaba a situación xa que aquel meu doble afecto non prefería ningunha sobre a outra. Esto era verdade para min, pero falso para elas que soportaban o peso dunha privación dolorosa.
Este severo sentimentalismo atopa nun dos parágrafos centrais do libro, escrito probablemente sen advertir o seu carácter case testamentario, a súa forma máis definitoria: 
Debo dicir que, mirando atrás o arco da miña vida, tiven moitos momentos de felicidade e de arelas cumpridas, que me compensaron as fatigas, as loitas e os perigos. Unha vida plena, non tranquila, pero afortunada e feliz. Moitos desexos e tamén moitos sentimentos de culpa, moita confianza en min mesmo, moito amor aos outros unido a unha intensa competitividade. Din moito amor e moitísimo recibín.
Segue a escribir Scalfari todas as semanas no seu amado L’espresso e tamén na súa amada Repubblica, longos artigos cargados de argumentacións políticas e morais sobre os acontecementos máis relevantes da actualidade. Sempre redactados cunha pulcritude clásica e unha decidida marca de republicanismo laico. Procura afinar as súas palabras, nunca excesivas, matizadas, coa ollada posta, coma el dixo algunha vez, no progresismo (que en Italia chaman modernidade), no ben común e na moralidade pública, baixo as bandeiras da libertade, igualdade e fraternidade. De el é a máxima que define ao/á xornalista como “xente que di á xente o que lle pasa á xente”. Neste Racconto autobiografico, Scalfari repasa ese axioma consigo mesmo. E o que resulta máis envexable, faino despois de confesar que o escribe desde o seu ático de Roma, coas vistas do Gianicolo e da basílica vaticana ao fondo e, con baixar un poco os ollos, co tráfico de xente que camiña entre o Panteón e o obelisco sobre elefante de Bernini en santa Maria sopra Minerva.

Nessun commento: