Caxigalines nella Reguera'l Campizu

25 maggio 2014

BANDA DESEÑADA: POR PURA PRESCRIPCIÓN MÉLICA


A Feira do Libro de Vigo comezou o venres onda sempre, con menos casetas e unha programación máis ou menos semellante á doutros anos. Cunha novidade rechamante: o stand desa libreiría modesta do Calvario (rúa Catalunya esquina Vizcaia) de comics ou historieta ou novela gráfica, chamada Banda Deseñada. Para os incondicionais do archixénero (entre os que desafortunadamente non me atopo), a tenda que rexenta Melo (non sei se con máis xente: creo entender que si) é unha referencia absoluta. Sentado diante do seu ordenata naquel espazo abigarrado de mangas, tebeos e cartonerías varias, Melo ofrece algo máis ca un depósito de libros: ofrece un entusiasmo polo que vende, un coñecemento concreto e definido de cada un dos libros que amosa. Aconsella, suxire, explica os pormenores dos libros (ten un blog excepcional), cuns ollos expresivos que falan elocuentes do amor que sinte por aquilo que ofrece. Está sempre á última (mesmo ten comics noutros idiomas), departe co comprador máis do que pode resultar suficiente, o que explica que sempre estea acompañado doutras persoas que van alí a pasar divertidamente o tempo. 
Alegroume miralo hoxe na Feira, co seu stand colmado de xente, mentres asinaba libros Kiko da Silva. Era o único verdadeiramente dinámico, ao lado de libreirías que ofrecen repetidos os mesmos libros. Seguro que vai ter éxito, habida conta da lexión de comiqueiros/as que ateigan estes lugares, descoñecidos ou pouco atendidos pola alta cultura que aparece nos suplementos xornalísticos ou nas academias de severo nome. Alegroume miralo hoxe. Moito. Unha estrea que eu atopo significativa.  

1 commento:

xos ha detto...

Anda, se volveras ao blog, e eu perdido pola rede. Saúdos dun anónimo que te segue de cando en vez