Caxigalines nella Reguera'l Campizu

16 maggio 2014

LIBERDADE DE EXPRESIÓN E ESTUPIDEZ HUMANA


O asasinato da presidenta da deputación de León fixo aflorar en internet as barbaridades que unha persoa a cotío pode escoitar en barras, comercios e rúas deste país, con pouco que entorne o oído. Nin máis nin menos. O anonimato que pode distinguir internet do resto (un anonimato que ten IP) correspóndese, na realidade, ao nulo coñecemento que un pode ter do individuo que despotrica contra os inmigrantes nunha tenda ou que fai comentario insultante sobre mulleres nun bar ou que desexa a morte do alcalde por un quítame alí esa recalificación. O seu anonimato, a todos os efectos, para min é semellante. Desde ese punto de vista, dicir barbaridades nun lugar público non ten maior trascendencia cá cara de abraio dos involuntarios asistentes ou cá posible discusión que se derive (se alguén ten ganas de facerlle fronte) de semellantes infamias. Ata o de agora, que eu saiba, ninguén chamou a policía algunha para deter a estes individuos indesexables. 
Está, pois, claro que internet non ten a culpa. Pode catalizar esa berrea social e mesmo amplificala un pouco (entre amizades, por parte, e como moito amizades de amizades), pero non é internet (a rede social) o causante desta loucura. As animaladas escritas por esta xente (cunha identidade dixital propia, pero ese probablemente é outro tema) non constitúen a priori ningún delicto. Estou case seguro de que os dous rapaces detidos por escribir este tipo de amenazas sairán de contado da situación de imputados con cargos na que están, porque non hai lei para estes casos, nin código penal axustado a isto, que, sendo noxento, non pasa de ser unha imbecilidade notoria. Agora o ministro tenta penalizar esta idiotez máxima, á sombra dun intranquilizador estado de odios e iras bastante extendido. Supoño que coñecerá ben o asunto, porque de seren enviados á casa estes individuos (aos que non os exime a corta idade) non terá máis remedio ca claudicar (xa que o de dimitir vaille moi moi ancho) nese empeño. A non ser que non pretenda enchironar a ninguén -e iso é o verdadeiramente preocupante- senón dar aviso exemplar e amedrentar ao resto da rede social para que procuren exercer autocensura e eviten a dura crítica dos comportamentos da clase política. 
O autoritarismo destas medidas é obvio. Sumado a esa especie de totalitarismo que denunciaba nun post anterior en aras dunha perversión categórica chamada nación ou país, este fenómeno trae fragancias fascistas de primeiro orde. Non me gusta a min abusar deste termo, pero quen busca limitar a liberdade de expresión con detencións ad hoc, sen o mínimo rigor xurídico, limita, co medo, a liberdade de todo o mundo.  

Nessun commento: