O día 6 de maio remata en Madrid a tempada de La cortesía de España de Lope de Vega.
Nas Naves do Español, nese espazo fermosamente aproveitado do vello matadoiro
madrileño, a carón do Manzanares, Paseo de la Chopera, representa a Joven Compañía Nacional de Teatro
Clásico esta comedia lixeirísima do século XVII. Unha veloz maquinaria,
perfecta no seu desenrolo rítmico, probablemente pensada á maneira daquela
película exemplar Un, dous, tres de
Billy Wilder, sincopada a un ritmo vertixinoso de bebop. Esta ofrece durante os primeiros
cinco minutos un arranque algo histriónico, con novedosa loa coral para quentar
gorxas, pero despois adquire unha trepidante sucesión de esceas e cadros sen
apenas tempo para o descanso. Unha road
movie anuncia o programa: pode ser. Pero tamén unha farsa, chea de recursos
propios das novelle que tanto éxito
tamén tiñan nos leitores e leitoras daquel tempo. Non hai que esquecer que a
fonte desta obra é Giraldi Cintio, inesgotable pozo de argumentos e tramas para
Lope. Neste caso, chama a atención a fina liña que separa a traxedia da comedia
no século XVII. Unha decisión, traida da vontade do protagonista, pode levar a
todos os participantes a un final tráxico ou pode levalos a un final cómico, en
certo modo insastisfactorio para os espectadores/as actuais. Pero isto, alomenos
para minhe, pouco importa. Basta atender a unha escenografía sinxela pero moi
eficaz, como imitación elemental dun curral de comedias, con achádegos
interesantes como a proxección de imaxes ou rótulos das cidades polas que
transcurre a acción ou o aproveitamento da baranda das escaleiras nos momentos
hilarantes. A unha música interpretada nun recuncho do esceario con
instrumentos de vocación minimalista. A un elenco de actores e actrices,
magníficos case todos, nun caso verdadeiramente notable de excelencia
interpretativa. Costa distinguir, dentro do extraordinario emprego do conxunto,
algún actor ou actriz en particular: se cadra os actores que fan os papeis de
don Juan de Silva (Francesco Carril), ese cortés cabaleiro español (portugués no orixinal lopesco,
se non leo eu mal), ou de gracioso Zorrilla (Álvaro de Juan), compoñen cadros de especial
comicidad plástica. Basta atender aos aspectos máis técnicos, se cadra máis
superficiais, sen entrarmos en valoracións ideolóxicas (matrimonios,
fidelidades, exaltacións patrióticas, diferencias sociais), para disfrutar
dunha plena comedia, concebida (sobre versión de Laila Ripoll) coma un reloj por parte de Josep María Mestres,
ao parecer novo nestas lides de representar clásicos. Unha decisión moi
acertada de Helena Pimenta que agardamos teña continuidade. Este Lope évos
moito.
Nessun commento:
Posta un commento