Caxigalines nella Reguera'l Campizu

28 aprile 2007

ENERXÍA EÓLICA


Para os que con certa frecuencia visitamos o monte Caxado, na Serra da Faladoira, e miramos cara á Capelada ou cara o Xistral, resultan impactantes os miles de muiños de vento espallados polos lombos das montañas, nunha ringleira que non atopa fin no horizonte. Cando un está perto dun deses xigantes, é fermoso o espectáculo do seu movemento e conmovedor o son das palas ao vibraren co vento. Pero o número de enxeños na actualidade, in crescendo, comeza a ser excesivo e semella producir unha clara contaminación visual á paisaxe. Algo parecido puiden ver o mes pasado cando na estrada cara a Madrid aparecían a ámbolos dous lados o que dan en chamar hortos solares, de escasa entidade, que non afean polo de agora (mesmo nalgúns lugares outorgan unha beleza especial ás vistas) a paisaxe, pero que co incremento pode facer variar a nosa percepción desas fermosas chairas casteláns verdes coa primavera.
Os problemas derivados da explotación de ambas enerxías comezan a ser avaliados, tras comprobar que, coma sempre, a picaresca e, sobre todo, o desexo de aproveitarse do escaso valor inmobiliario destes lugares inhóspitos propician que os seus propietarios cedan os terreos (ben en venda cando poidan, ou en aluguer cando a concesión administrativa obriga) ás empresas encargadas de explotalos (nos dous sentidos do termo) por moi pouco diñeiro e con escasa, por suposto, rendibilidade para eles. Galicia e, sobre todo, esa parte azoutada por un nordés que tolea (véxase o índice de suicidios nesa zona, coa maceira como arbre, de pequeno, atractivo para pendurarse) é terra de grandes posibilidades enerxéticas (das que aproveita pouco). Haberá que regular o que promete ser unha das formas de enerxía do futuro. Pero quizáis non a cambio dunha mudanza tan perceptible das paisaxes.

Nessun commento: