Caxigalines nella Reguera'l Campizu

14 aprile 2007

O BÓ PASTOR

O bó pastor é a derradeira película de Robert de Niro. Conta a historia do nacemento da CIA a partir das oficinas de espionaxe e contraespionaxe na Segunda Guerra Mundial e a través dun persoaxe, encarnado por un Matt Damon eminente, que vive o proceso desde o centro mesmo de operacións. É máis ca unha película de espías; é un extraordinario retrato moral dos homes (mulleres poucas) que organizaron o servicio de intelixencia americano. Ou máis vale dicir o retrato amoral de todos eles. Nese mundo de absoluta desconfianza o protagonista vai constatando que a verdade e a falsedade pertencen ao mesmo territorio, que a lealtade ou a fidelidade deben ser rexeitados. O debate persoal estáblecese entre individuo e familia, entre pasado oculto e presente inestable, entre a boa fe e a traizón, entre amor filial e razón de estado, entre moral individual e servizo á patria. Entre moitos outros. Porque a película de De Niro, que alguén catalogou coma O Padriño dos servizos de contraespionaxe (e con razón, mesmo desde un punto de vista formal: fotografía, colocación da cámara, simultaneísmo, diálogos densos cheos de sentencias) aborda varios aspectos ao mesmo tempo, sen desbotar a súa mirada sobre a política americana (que se escoita ao fondo a través das voces de JFK desde o televisor), a constitución multiétnica do país (antolóxica a escea entre un Joe Pesci tan irrecoñecible coma brilante e o propio Matt Damon) ou mesmo unha interesantísima, aínda que moi breve, ollada sobre a relación co nazismo dunha parte da elite americana universitaria.
O guión corre a cargo de Eric Roth, o guionista de Munich, que constrúe un relato complexo, planteado de xeito fragmentario, que o espectador debe urdir pola súa conta. Os flash-backs constantes que comunican distintos periodos da historia están planteados de xeito libre, sen ese mecanismo burdo que vemos en tantas películas. Eu quixera destacar, dentro desta complicación estructural, a función dramática das apertas entre os distintos persoaxes. Non obstante, a película comeza cunha aperta que se convirte na chave da película e continúa cunha sucesión calculada de apertas prolongadas que conforman a biografía do protagonista. É curioso cómo o cinema pode contar o pensamento en silencio coa pintura demorada de varias e distintas apertas.
Finalmente, non se pode pasar sen facer mención da banda sonora, que suliña esa perspectiva moral cunha música pouco épica, e, por suposto, o traballo dos actores e da actriz pouco coñecida Tammy Blanchard (non podo decir o mesmo de Angelina Jolie, unha suposta actriz, a anos lumière do seu pai). De Niro sae pouco pero sobresae, coma sempre. William Hurt, Alec Baldwin, Michael Gambon son valores máis que seguros. Joe Pesci, xa dixen, debe saír un minuto: nese minuto o espectador é incapaz de mirar para outro lado. O mesmo lle pasa a John Turturro, coma sempre memorable: a escea da súa presentación na oficina de Matt Damon é un exemplo de cinema antigo, pero agrandado pola súa presencia. Os terciarios, diriamos neste caso, enriquecen o labor actoral do conxunto (especialmente o israelí Mark Ivanir, nun papel extraordinario).
Pero da película eu quedo co Matt Damon. Está excepcional: o seu papel de home impasible é para recordar sempre. Pasa en silencio boa parte da película. Con habilidade, De Niro amosa a súa caluga porque desexa colocar ao fondo o que o propio Damon observa. Fainos espías do protagonista, pero ao cabo este fala coa súa ollada, pero tamén coas súas costas, co seu vagar, coa súa sombra mesmo nalgúns casos. Eu poucas veces vin na pantalla que unha caluga (ía poñer o fermoso colodrillo castelán) puidera transmitir ao espectador as tribulacións e o pensamento dun persoaxe silencioso. Longa vida para Matt Damon. E, por suposto, para o noso amado De Niro. E gracias por este peliculón.

1 commento:

Marcos Valcárcel López ha detto...

Ten moi boa pinta, dende logo, e máis despois de ler esta excelente crónica. Dende logo, á marxe do que pensemos dos EE.UU., hai que recoñecerlle ó seu cine unha capacidade autocrítica sorprendente: dous exemplos, Ragtime ou Gángsters de N. York. E esta nova cinta. E moitas outras.