Caxigalines nella Reguera'l Campizu

22 aprile 2007

OS LIBROS NA RÚA

Celebrar o día de libro consiste neste país en quitar os libros á rúa. Noutros lugares, mesmo máis fríos e chuviosos (estou pensando en Nova Iork, en París, en Londres, en Viena), as librerías adoitan empregar como anzol a colocación dunhas táboas fóra do local para amosar ofertas (cousa extravagante en España) ou novidades. Durante todo o ano. En España é práctica esquecida, non adoptada ou, recelo, prohibida. Cando chegan os días do libro e das letras galegas montan unha ringleira de casiñas nunha zona máis ou menos concorrida que parece fomentar a súa compra. Parece tamén que dá resultado, aínda que nalgúns concellos coma o de Vigo últimamente poñan trabas a esa festa cultural. O libro, que debe ser entendido tamén coma unha mercancía, ten que amosarse constantemente, do mesmo xeito que os escaparatistas das grandes firmas engalanan as fiestras dos locais para atraer ao público. Se ademáis consideramos que unha política cultural eficiente debe procurar a lectura, un pulo á exhibición natural de tal producto en todos os lugares, mesmo estorbando, como afirma o Concello vigués, debe ser estimulado. As librerías deben saír todos os días á rúa, poñer os libros fóra, para que a xente poda mirar, coller, tocar o libro. É moi frecuente atopar nunha librería unha cola formada por xente que só entra para preguntar por un libro no mostrador. É máis: nunha librería moi famosa e antiga de Vigo, con reformas recentes, o mostrador está xusto á entrada. Imaxinemos que Zara ou H&M colocan os seus mostradores de cobro nada máis entrarmos. Hai que deixar franca a porta das librerías, mesmo volcar os libros cara fóra. Que lles dea o ar: non é panacea, nin moito menos, pero algo mellorarán as ventas e, sobre todo, a paisaxe das nosas cidades.

2 commenti:

Peke ha detto...

Si, os libros tamén son unha mercadoría, algo que me custou aceptar.

De la Highway 61 ha detto...

Mentres á xente (escritores, editores, libreiros, bibliotecarios, lectores) lle custe ver o libro coma unha mercaduría, o problema que formula Arume vai a estar aí. É o que se di "cogérsela con papel de fumar".
Hai quen non dubida en mercar os iogures no Carrefur, pero que sentiría vergoña de mercar un libro nese mesmo ámbito. Hai revistas pornográficas (das de verdade, sen gilipolleces) empaquetadas de 5 en 5 que se venden por un módico (modiquísimo) precio nas gasoliñeiras, pero non libros de saldo-saldo, como cando pechan algunha libreria. Criticamos aos nenos por xogar ¡unha hora! coa nintendo, pero louvamoslle que estea ¡catro horas! enriba dun Geronimo Stilton, por exemplo.
E, xa que estamos, a ninguén se lle ocorre editar un Geronimo Stilton para adultos (tipografía variada en forma e cor, ilustracións, mapas, glosario ao final do libro, xogos, mestura de realidade e ficción (sen confundilos), non. O libro ten que ser un coñazo visual para ter valor de por si, como moito ter a letra clara.
Eu proporía, nesta liña, a edición de libros (falamos de literatura, eh?)en formato revista ou periódico, con anuncios para abaratar costes, de usar e tirar. Se se editan diarios gratuítos coma o Que! ou 20 minutos que pagan os anunciantes e funcionan até o punto de que os le moita xente que nunca abriu (nin abriría) el país ou el mundo, por qué non se fai coa literatura?
Eu pediría menos pallas mentais (con perdón), menos prexuizos, menos reverencia e máis ler.
Arume: a por eles. Temos que insistir máis nesto.