Caxigalines nella Reguera'l Campizu

9 aprile 2007

VIENA: SEGUNDA ACHEGA




Viena exhibe orgullosa o seu pasado imperial. Parece estraño para un pobo que desde o ano 1919 é unha república, con periodos históricos de gobernos de esquerdas (desde 1919 ata o 38), co réxime nazi froito da anexión coa Alemania de Hitler (austríaco por outra banda), cunha década baixo o goberno dos aliados (1945-1955), e desde 1955, como estado independiente, con gobernos predominantemente socialdemócratas (Bruno Kreisky). As guías dos palacios e dos museos (estatais, supoño) explican con benevolencia e mesmo cun chisco de complacencia patriótica os anos do imperio, un conxunto heteroxéneo e xigantesco, que non durou máis de dous anos tras a morte do Fco. Xosé, ubicua presencia por toda Viena. A cidade é un reflexo da súa concepción estética e política: exhibición esplendorosa de poderío económico, ornamentación propia do horror vacui, enormes rúas e espacios abertos (vetados para agorafóbicos) cunha megalomanía abraiante, que probablemente proceda da época dourada dos Habsburgo que fixeron de Viena unha cidade barroca e contrarreformista (impresionante a visita a igrexa dos Jesuiten), pero que co marido de Sissi ficou ampliada ata a náusea.
Agora é carne de turistas coma mín, que pasamos o tempo de café en café tratando de superar cun apfelstrudel e un espresso (sempre Italia como conxura) a fermosura imperial de Viena, excesiva para a magnitude do corpo humano.

[Foto de IPP, Xardín e fontana do palacio de Schonbrunn)

2 commenti:

Moralla ha detto...

Que cidade! As fotos son moi boas! que ganiñas de visitala! moitas grazas pola súa información ilustrada
apertas

Anonimo ha detto...

Quizais chegue a abrumar tanta magnificencia. Mais estímoa ben compensada co silenzo que comentaba no post precedente.