David Fincher, o director de Zodiac, foi director, entre outras, de Seven e O clube da loita. A primeira resultaba impactante pola súa elaborada creación, suxeita a un orden matemático que marcaba o ritmo vertixinoso da película; pola súa posta en escea cheas de escuridades, lugares lúgubres; e pola súa fotografía decididamente suxa na que se podían ulir ata as estancias nas que entraban na percura do asasiño. A segunda alonxábase da precisión da primeira e buscaba no crescendo caótico unha nova fórmula narrativa para tratar o vello tema do Jekyll e Hyde. Creo que así como a primeira, desde os inesquecibles títulos de crédito, acadaba unha notable perfección, a segunda parecía unha película fallida.
Con estas dúas famosas películas (tamén O cuarto do pánico ou varios videos de éxito son del), Fincher (1962) decidiu facer unha longa película sobre a mesma historia que moitos anos antes fixera Don Siegel con Clint Eastwood no papel estelar de Darty Harry, cuxas imaxes aparecen no film proxectadas nunha pantalla de cine ao que asisten os protagonistas desta. Este xogo de planos entre as dúas películas é un dos achádegos de Zodiac: mesmo parece, ao final, unha resposta da mentalidade e cultura do ano 2007 á película de 1971 de Harry, unha especie de axuste de contas contra os métodos non ortodoxos, ilegais, do policía violento, por certo, mito dos 70. Fincher revisa o caso, cunha narración impecable, prodixiosa, coa ollada esculcadora dun curioso e sempre insatisfeito Jake Gyllenhaal que discute o procedimento investigador paso a paso. Ese afán de construir de novo o relato cinematográfico provoca que na película, longa pero veloz, podan advertirse dúas partes: unha, cercana aos feitos que conclúe na nada; e a outra, a que protagoniza ese debuxante obsesivo que revisa punto por punto os camiños que parecen xa completamente esgotados pola policía. O sorprendente é asistirmos á hora final da película cos elementos de resolución da trama outra vez intactos, como se voltaramos a ver a película, pero agora desde outra perspectiva, coa angustia de sabermos de novo sempre ao principio. Exenta de calquera mensaxe moral, a película amósase como un exercicio extraordinario de narración cinematográfica pura, como un exemplo modélico de cómo hai que contar unha historia no ano 7 deste século XXI.
Excuso, pois, dicir que o resultado deste relato constitúe unha das mellores películas dos últimos tempos. Con ecos de Todos os homes do presidente (polo ambiente xornalístico e a axilidade dos movementos e dos diálogos), cuns actores como o citado Gyllenhaal, Mark Ruffalo e, sobre todo, un excelente Robert Downey (no seu papel?), cunha fotografía por momentos parecida á de Seven, e cunha selección musical propia daqueles tempos (Isaac Hayes, Marvin Gaye, Donovan ou a Lynn Anderson de Rose Garden), na que sobrancean a guitarra e os bongos hipnotizantes de Santana ao comezo, a película é unha auténtica marabilla. Reserven entrada para hoxe.
1 commento:
Pois eu non gostei moito, claro que ía buscando outra cousa de máis suspense e aínda se me fixo longa. Iso pasa por non informarse antes.
Posta un commento