Caxigalines nella Reguera'l Campizu

16 novembre 2007

CAMIÑO DE MUXÍA E DELIRIUM EISENMENS


O xoves bruxuleaba o goberno xunteiro en pleno por Muxía e por Santiago atrapallaba o Eisenman. A liña imaxinaria que une Compostela coa Costa da Morte foi apatrullada por varios coches oficiais e motoristas da guardia civil. Porque había que facer alí a reunión e, sobre todo, a foto sobre un taboado forrado de moqueta cos nomes de Presi, Vice e Conse nun papeliño no chan de complicada lectura para os miopes (e os iletrados). E iso que eran doce. Pero para alí que se foron Touriño e os seus mariachis en giras por provincias. Disque non para conmemorar o do Prestige, senón para acordar. E logo non podían acordar en Santiago, que tiveron que facer todo o gasto para ir para alá toda a caravana de funcionarios, auxiliares, axudantes, asesores e demáis familia?
Debeu de ser para non atoparense co jetas. Coa megalomanía precisa para fantasear, ensoñar e escribir na auga con tinta transparente os seus proxectos, o Eisenman amosou a faciana actual de boa parte da arquitectura: unha representación icónica da nada. En torno ao baleiro alcumado cidade e resolto cos aparatos coñecidos da vella da dramaturxia (tramoias e panos fulgurantes que encegan aos espectadores, como debe ser), Eisenman construiu un Eisenman. Construiuse a sí mesmo coa apariencia dun tellado sumerxido. Agochouno por baixo das abas do Gaiás para que non se vira a nada. E agora ven dicir que el era o capitán (supoño que dunha nao fondeada en mitade dun bosque sulagado de moedas perdidas), pero non o dono deste catamarán de caolín. Como as pirámides, dixo o arquitecto do rostro ebúrneo, tal vez inconsciente de que esas construccións exipcias eran ostentosos monumentos funerarios. Ou sexa formidables sepulcros para as poucas cinzas dun emperador coxo e pequerrecho.

2 commenti:

Anonimo ha detto...

Fantásticas doses de ironía, amigo Arume. O malo é que somos habitantes dun país desmemoriado acostumados a que nos (mal)gobernen catro iluminados de medio pelo (Fragius, Eisenmains, Périus Varelius, etc.). E, claro, así nos vai.

Anonimo ha detto...

O que di Eisenman é o que din o 99% dos arquitectos: a culpa non é miña. Sempre son (somos) os promotores, alcaldes, presidentes, os que non somos arquitectos, por abreviar, os culpables da fealdade, do derroche, da merdaurbanismo que nos rodea. Eles sempre impolutos, vítimas da ignorancia da sociedade que os enriquece.