Caxigalines nella Reguera'l Campizu

31 maggio 2007

SALA DE ESPERA

Teño que estar ás nove, sen almorzar. Para probas varias. Escribo para esquecer. Pero non sei se vale de algo. Vou facer a cea. Unha tortilla de patacas lévame máis tempo. Moito mellor. Entreterse, mentres vexo pasar o tempo. Bueno: non miro o tempo. Pero pasa. Para todo hai unha primeira vez. Asáltame esa especie de consolo. Pero sigo dándolle voltas. Escribo para esquecer. As miñas fillas teñen a radio encesa. A música non me disgusta, pero é difícil aturar algo. Paseo por Internet para divertirme algo. E sempre volvo ao mesmo rego. Vai ser moi difícil saír de aquí.

ANTONY AND THE JOHNSONS

Unha das miñas últimas descubertas musicais é sen dúbida a de Antony and the Johnsons. Non estou tan ao tanto como en tempos gloriosos de radio 3 24 horas ao día, pero aínda cae, máis ben por casualidade histórica, algunha novidade por entre as orellas. Levaba tempo sen escoitar a Antony, despois de repetir durante unha boa tempada as súas cancións primeiras. O outro día na radio puxeron unha de Marc Almond, o de Soft Cell, que case morre dun accidente, na que o Antony facía a segunda voz: algo imposible porque é tan senlleira que acaba por afogar ao que cante con el. Só pode cantar, como xa fixo, coa inefable Björk. Pasoulle coa de Lou Reed, Candy says, que el eleva por riba de todo. As súas cancións son excelentes, pero o seu xeito de cantar, dramático, sobrecolle. Os arranxos musicais son moi sinxelos, con acompañamento de cordas graves que enfatizan a súa voz, de impostura case irreal. Para estados permanentemente melancólicos, necesitados de banda sonora.

29 maggio 2007

TEATRO VIVO

Hoxe asistín á representación de dúas obras de teatro: O enfermo 4m e Soñar non custa nada. Trátase de dúas pezas curtas de corte fantástico, levadas ás táboas cun labor artesanal, cun decorado sinxelo e naif e un atrezzo sen dúbida espontáneo. O argumento de ambas obras é o de menos, porque os diálogos resoan co entusiasmo necesario entre os espectadores. Os actores e actrices, promesas do teatro galego, puxeron a súa memoria a proba e os seus acenos á improvisación e ó capricho do seu xenio. Os silencios entre intervención e intervención eran escoitados cun respecto case familiar polo público, entregado á súa dedicación e cariño ao teatro. Aínda que a dirección foi frouxa (ou case inexistente), a forza das súas verbas encheu o taboado. A música, por nula (debido ao descuido proverbial da directora), era de agradecer, xa que a acústica do local non era a máis indicada. Con todo, o tempo fíxose curto e os actores e actrices saíron a saúdar varias veces, entre o regocixo e a ledicia dos espectadores, abraiados de que da nada máis absoluta foran quen de entregar a súa alma á literatura. Louvadas sexan esas creaturas que aínda enriquecen a arte antiga do teatro.

28 maggio 2007

A CIDADE


Preguntas ao chou que fican no ar tras as eleccións en Vigo:
1. O PXOM irá adiante coas rectificacións que piden na Xunta ou coas que pediu insistentemente o PSOE, Mauricio Ruíz mediante?
2. Chegará o AVE a Vigo en 2010, Caball/zapatero mediante?
3. Subirá Chus Lago pola cara norte da nova torre de control planificada para o porto o día da inauguración?
4. Ficará Corina Porro de xefa da oposición por ver se o matrimonio Abel-Santi dura máis co de Ventura-Lois ou pedirá en recompensa polo seu hit a deputación de Pontevedra?
5. Manterase Figueroa ata o final do concellalato ou voltará á hostelería?
6. Cambiarán os de Localia o presentador (un dicir) do especial de onte sobre as eleccións?
7. Cambiarán os de Televigo o carpinteiro do plató (un dicir) de onte no que se vían ata os remaches?
8. Daranlle un plus aos infógrafos da tvg pola extraordinaria e preciosa presentación dos resultados? E ao realizador, que curtou con precisión e sentido común as habituais declaracións postelectorais?
9. Arranxarán a miña rúa? Teño prometido ao alcalde (e as siglas que represente) que o faga un voto de por vida.
10. Cando van ser as eleccións xerais? Xa teño mono.

27 maggio 2007

1969: ZODIAC

David Fincher, o director de Zodiac, foi director, entre outras, de Seven e O clube da loita. A primeira resultaba impactante pola súa elaborada creación, suxeita a un orden matemático que marcaba o ritmo vertixinoso da película; pola súa posta en escea cheas de escuridades, lugares lúgubres; e pola súa fotografía decididamente suxa na que se podían ulir ata as estancias nas que entraban na percura do asasiño. A segunda alonxábase da precisión da primeira e buscaba no crescendo caótico unha nova fórmula narrativa para tratar o vello tema do Jekyll e Hyde. Creo que así como a primeira, desde os inesquecibles títulos de crédito, acadaba unha notable perfección, a segunda parecía unha película fallida.
Con estas dúas famosas películas (tamén O cuarto do pánico ou varios videos de éxito son del), Fincher (1962) decidiu facer unha longa película sobre a mesma historia que moitos anos antes fixera Don Siegel con Clint Eastwood no papel estelar de Darty Harry, cuxas imaxes aparecen no film proxectadas nunha pantalla de cine ao que asisten os protagonistas desta. Este xogo de planos entre as dúas películas é un dos achádegos de Zodiac: mesmo parece, ao final, unha resposta da mentalidade e cultura do ano 2007 á película de 1971 de Harry, unha especie de axuste de contas contra os métodos non ortodoxos, ilegais, do policía violento, por certo, mito dos 70. Fincher revisa o caso, cunha narración impecable, prodixiosa, coa ollada esculcadora dun curioso e sempre insatisfeito Jake Gyllenhaal que discute o procedimento investigador paso a paso. Ese afán de construir de novo o relato cinematográfico provoca que na película, longa pero veloz, podan advertirse dúas partes: unha, cercana aos feitos que conclúe na nada; e a outra, a que protagoniza ese debuxante obsesivo que revisa punto por punto os camiños que parecen xa completamente esgotados pola policía. O sorprendente é asistirmos á hora final da película cos elementos de resolución da trama outra vez intactos, como se voltaramos a ver a película, pero agora desde outra perspectiva, coa angustia de sabermos de novo sempre ao principio. Exenta de calquera mensaxe moral, a película amósase como un exercicio extraordinario de narración cinematográfica pura, como un exemplo modélico de cómo hai que contar unha historia no ano 7 deste século XXI.
Excuso, pois, dicir que o resultado deste relato constitúe unha das mellores películas dos últimos tempos. Con ecos de Todos os homes do presidente (polo ambiente xornalístico e a axilidade dos movementos e dos diálogos), cuns actores como o citado Gyllenhaal, Mark Ruffalo e, sobre todo, un excelente Robert Downey (no seu papel?), cunha fotografía por momentos parecida á de Seven, e cunha selección musical propia daqueles tempos (Isaac Hayes, Marvin Gaye, Donovan ou a Lynn Anderson de Rose Garden), na que sobrancean a guitarra e os bongos hipnotizantes de Santana ao comezo, a película é unha auténtica marabilla. Reserven entrada para hoxe.

25 maggio 2007

1968



Abre en Nova Iork unha exposición sobre a psicodelia baixo o título Summer of Love. Soan, aínda, ecos da misión que Sarkozy emprende contra maio do 68. Hoxe mesmo, Josep Ramoneda, nun artigo moi interesante, celebra o 68 (non o francés, senón todos os 68) como o momento en que todo rachou. Como gustamos de fitos históricos, poñemos lugares, nomes, tempos, anécdotas. E por iso lembramos adoquíns, praias escondidas, hippies en Berkeley, sarxentos peppers, peches en Compostela, tanques por Praga, sangue en Tlatelolco. Tantos sucesos como metáfora dun tempo de revolta. Eu era ben novo daquela, pero como unha poalla sentimental o 68 (67, 70, que máis ten) foi cubrindo todo o que eu son agora. Cando veñan contra ese mundo libertario, xeneroso e vital, de seguro que virán por unha parte moi importante de mín.

24 maggio 2007

O MEU VOTO, A MIÑA CIDADE

A poucos días das eleccións, eu xa teño decidido o meu voto. Vou votar. Seguro.
Eu creo que o centro da cidade non está nada mal: o deseño das rúas peonís e humanizadas foi excelente e creo que ninguén dubida da mellora deses lugares. Recuperou Vigo a vida a carón do porto, coas terrazas (unha debilidade) de Montero Ríos e unha amplia zona de recreo por eses lugares. Non é estrano que un anuncio na radio do Concello, insólito ao meu xuízo malévolo, recomende estes días aos cidadáns darse un garbeíllo por esas rúas ben afermosadas. As flores, as arbres plantadas lusen lindas e o aspecto exterior en definitiva de avenidas e rúas (céntricas, ollo) é fantástico. Os visitantes, de distintas ideoloxías (máis ben de esquerdas) que pasean polo centro, atopan moi cambiado (para mellor) o centro da cidade e non atopan problema algún en recoñecelo mesmo sabendo a cor política da alcaldesa (un deles viña de Valencia e apuntaba semellantes elementos en Rita Barberá e outra de Barcelona, votante fidelísima de PSC, que atopaba mesmo máis elegante a intervención en Vigo ca en Barcelona).

Digo todo esto porque adoito facer un recorrido frecuente entre o laberíntico barrio de Teis. Á espera de que abran unha nova vía que engarce a Guía co Sanjurjo Badía que aliviará de seguro o tráfico e mellorará as condicións de vida dos cidadáns desa zona viguesa, podo dicir que a alcaldía esqueceu completamente Teis. Non fixo nada de nada. É auténticamente vergonzoso non facer nada alí. Eu supoño que han ter para estes vindeiros catro anos miles de propostas para Teis, pero desta vez non debía de estar na axenda ou no plano. O Casco Vello sigue a resultar infame na súa maior parte, a pesar dos intentos dos empresarios de hostelería de darlle pulo á aquela parte. Da zona de Travesas, unha nova plantación de arbres en Independencia pode dar a impresión de que se fixo algo. Pero sigue a estar exactamente igual. O esforzo, pois, da alcaldía plasmouse no centro, coa axuda inestimable da Zona Franca que puxo os cartos. É verdade que as condicións coas que gobernou dificultaron moito a súa acción de goberno. Alí a responsabilidade é dos partidos da oposición que non souberon atopar forma de acadar de novo a alcaldía. Ela soubo estar ao pairo durante estes anos. Pero claro: Vigo non pode estar sempre ao pairo. Vai ter moitos votos; case a maioría. Se for así, non sería sorprendente. Eu espero que non gañe, pero vai ser difícil. A expensas doutros partidos de esquerda que de seguro non van entrar na batalla, entre Abel e Santi anda o xogo.
[Foto de J. Albertos, un home que merece o recoñecemento público de Vigo, para cándo?]

23 maggio 2007

VALLE, OUTRA VEZ. SEMPRE


O Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago acaba de sacar do prelo unha primorosa edición facsímil do manuscrito autógrafo do conto Mi bisabuelo de Ramón del Valle-Inclán. A edición corre a cargo do neto de Valle, o fillo de Daniel Devoto, do que onte Andrés Trapiello facía unha sembranza a propósito da subhasta da súa biblioteca, e Mariquiña Valle-Inclán, filla do autor galego. O noso amigo de Fragmentos da Galaxia (e con el o fantástico equipo que con el traballa) pode estar orgulloso, porque se trata dun volume precioso, cun cuidado exquisito na escolla da tipografía e no deseño xeral do libro. Pero, claro está, o valor da edición reside na copia das 35 cuartillas escritas á man por Valle, nunha caligrafía enérxica e, por veces, cando se trata das maiúsculas, dun primor notable. A Cátedra Valle Inclán de Santiago é merecente dos meus eloxios (extendibles ao amigo Elías, vicerreitor de Santiago), porque con este volume abre unha prometedora biblioteca do noso autor. O director do Servizo sabe ben, moi ben, o que se trae entre máns: parabéns, Antonio.
[Fotografías de AdosP dos datos persoais do pasaporte de Valle para a súa viaxe a Francia (1916), páxina 17 do volume e das páxinas 34 e 35 do facsímil]

22 maggio 2007

JOHNNY CASH

Aprendín a tocar (mal) a guitarra coas cancións de Johnny Cash. Aínda agora, cando lle dou ás cordas para quecer os dedos, sáenme as notas de Darlin' Companion. Digo todo esto porque onte puiden ver Walk the line, cun Joaquin Phoenix en craso erro de casting e unha encantadora Reese Witherspoon como June Carter. A película é un clásico biopic de ascenso, descenso e redención do cantante, cunha fotografía plana, uns diálogos planos e unha posta en escea plana. Unha cousa de trámite, se non for polas cancións, cantadas polos mesmos actores (con voces excelentes), en homenaxe ao grande Cash. O feixe de marabillas que cantaron durante a película alivia a sensación de escaso talento cinematográfico e ofrece, por momentos, unha emotividade extraordinaria. Coma a que agora lembro: a versión preciosa de It ain't me babe de Bob Dylan, con aqueles versos que aínda hoxe merecen, eu creo, un Premio Nobel:
Go lightly from the ledge, babe,
Go lightly on the ground.
I'm not the one you want, babe,
I will only let you down.
You say you're lookin' for someone
Who will promise never to part,
Someone to close his eyes for you,
Someone to close his heart,
Someone who will die for you an' more,
But it ain't me, babe,
No, no, no, it ain't me, babe,
It ain't me you're lookin' for, babe.

20 maggio 2007

ANNIE LEIBOVITZ, DETRÁS DA CÁMARA

Onte puiden ver na televisión un excepcional programa sobre a fotógrafa Annie Leibovitz. Moi coñecida polas súas fotos, que comprenden iconográficamente o final do século XX, aparece retratada pola súa irmá, realizadora da reportaxe de máis dunha hora e media. Pola pantalla vai desfiando o catálogo da súa obra, mentres en primeira persoa Annie Leibovitz detalla a súa vida. Prototipo e derivación senlleira da arte pop neoiorquina, representa a traxectoria dunha muller enérxica, entregada ao seu traballo, perfeccionista, soberbia na súa pose estética, un pouco exhibicionista, pero cun talento descomunal. Axúdanlle a electricidade poderosa da cidade de Nova Iork, as fundamentais revistas nas que traballou (Rolling Stone e, despois, Vanity Fair) e as compañías intelectuais que propiciaron o seu arte. Entre estas, sobresae a de Susan Sontag, parella da fotógrafa e unha das personalidades culturais de referencia na segunda mitade do século XX no mundo. O recordo desta relación é a parte máis fascinante, máis emotiva e máis terrible do programa: por eses minutos, nos que apreciamos as bágoas de Annie mentres mira as fotos que tirou de Susan Sontag no leito de morte, paga a pena ver esa extraordinaria reportaxe. As fotos, dunha beleza fóra do común que aínda hoxe asoman nas páxinas do Magazine (cunha raíña de Inglaterra nunha paisaxe recreada do século XIX) quedan nun segundo plano cando se trata de contemplar o triste paso do tempo e a imposibilidade do retrato de fixar siquera a emoción do amor.
[A foto é, mellorando o presente, un pequeno agasallo para IPP]

19 maggio 2007

IL PASCHINO, O PRIMEIRO BLOG

Poucas veces paro a ler cousas sobre Roma porque sempre atopo tópicos máis ou menos ben expresados. Hoxe, no suplemento de viaxes de EL PAÍS, leo, por casualidade, unha interesante (por breve e atractiva) impresión romana de Javier Argüello. Do artigo entresaco dúas ideas que sobresaen e unha divertida e, de seguro, apócrifa anécdota que serve mesmo para os románs de Lugo:

1. "A las construcciones clásicas se van adhiriendo como la hiedra otras más modernas, palacios barrocos o renacentistas que dibujan el mapa de unas calles por las que las motos y los coches circulan sin orden ninguno. Si en París los monumentos están precedidos de graves explanadas, en Roma se aparecen superpuestos en cualquier esquina, amontonándose unos sobre los otros con el descuido con que el tiempo los ha ido repartiendo".

2. "El marco impone respeto, pero hay distensión en los cuerpos, como si el ser imperio hubiera dejado la despreocupada certeza de que querer abarcar el mundo implica demasiado trabajo y ya nadie añorara esas épocas de opulencia. Como el noble al que han cesado en sus funciones y que, luego del primer impacto, comprende que aún tiene el castillo, sólo que sin las obligaciones, así habitan los romanos su ciudad".

3. "La noche nos encuentra en la Montecarlo, una pizzería cuyas mesas invaden la mayor parte de la calle de Vicolo Savelli. En largas tablas comunes comemos por un precio módico. La comida es excelente, pero mejor es la compañía. Haciendo bromas con los de al lado, me explican lo curioso que les resulta oír hablar de la época de los romanos, porque es lo que ellos han sido desde siempre. Bromeando, les pregunto entonces por sus togas. Hábil de reflejos, uno de ellos alza una mano con dos dedos en V. Cinco cervezas, pide al camarero. "Las ropas las hemos cambiado, pero los números aún los usamos. Vuelvo a Astérix un momento: están locos estos romanos".


18 maggio 2007

A RESACA DAS LETRAS

Con todos os rexistros (apocalipse inmediata, confianza suma, exaltación folclórica, reivindicación morna, rexeitamento frontal, esnobismo pangalaico, indiferencia puturrudefuá, cinismo á violeta, lirismo pedestre, parole-parole, emotividade baleira, entusiasmo patriótico, infantada terrible, moco tendido, reticencia obrigada, trámite burocrático, indirecta quehaidomeu, entre outros) os artigos celebrativos do magno Galician Letter's Day coincidiron nunha cousa: que incómodo resulta falarmos disto! Pero, se é así, que carallo fan mantendo esta liturxia que a ninguén convence?
[Julian Schnabel, Nena grande sen ollos, 2001]

16 maggio 2007

A NOITE DAS LETRAS

Mentres os nosos petrucios dan traballo á tarabela do muiño (máis ben de María Mariño), o presente e o futuro do país andará hoxe pola sala Nasa de Santiago dándolle á lingua e á música. Anuncian para esta noite magno acontecemento, glosado polo non vai máis in the blogocean (con licencia de Pulpiño Viascón) galego: Projecto Mourente, The Homens e Los Ruines. Que a forza vos acompañe. En especial, ao fillo de Pepe do Meidelo e de Merce de Mourela. Grandes.

15 maggio 2007

O SECTOR NAVAL

Os traballadores do naval levan co de hoxe nove días de folga e de protestas na rúa. Nove días nos que non se acadou ningún mínimo acordo. As queimas de contenedores, os atascos descomunais, a invasión do edificio da Xunta, a interrupción do traballo noutros centros laborais (Corte Inglés e Citroën) están a ser feitos cotiáns, sobre todo polas mañáns, nesta cidade de Vigo. Onte, ademáis, coa presencia na cidade de miles de turistas procedentes dun cruceiro, a visita a un hotel céntrico da cidade de Mariano Rajoy co habitual "despliegue de seguridá", e o son das ambulancias atrapadas nos atascos e dos altofalantes das eleccións municipais, o centro de Vigo era un increíble fervedoiro de xente. A extraordinaria paciencia dos vigueses (cos naturais enfados do que non comprende nin moito menos a situación) nestes días explícase pola importancia que ten o sector naval na cidade e polo que moitos entenden como unha reivindicación xustísima, á luz das denuncias das inaceptables situacións laborais que están a vivir moitos deses traballadores. A violencia empregada de xeito ocasional pero efectivo e, sobre todo, rechamante, percura unha posición de forza fronte á patronal e unha chamada de atención a opinión pública sobre o problema. Hoxe, por primeira vez, saen nos diarios e nas teles nacionais: por qué temos que chegar sempre a esta situación? Eu creo que está suficientemente claro para a patronal que este conflicto non pode seguir así. Basta de intransixencias e cheguen, por favor, a un acordo.

CCC 43

Oh, brother, can this really be the end
to be stuck inside of Mobile
with the Memphis blues again.

14 maggio 2007

CIAO AMORE, DE IPP

CIAO AMORE
IPP


Si sentiva ancora l’urlo del pubblico quando Luigi chiuse lo sportello della macchina.
La porta del camerino aperta lasciava vedere il mazzo di fiori, pomposo e assurdo, che qualcuno aveva portato poco prima, bottiglie vuote, portacenere pieni e il libro di Pavese che mai dimenticava.
Il taxi imboccò strade deserte, mentre il suo coraggio scompariva come l’effetto della grappa, dolorosamente.
E poi mille strade grige come il fumo
in un mondo di luci sentirsi nessuno.
Appoggiò la testa sul finestrino: i palazzi sfilavano velocissimi, volti sconosciuti, locali stridenti, macchine sportive con ragazzi abbronzati, una vecchia truccata con il suo cane. Silenzio. Chiuse gli occhi per non vedere gli sguardi puritani della disapprovazione; per vederla, un’altra volta ancora: nuda, davanti alla finestra, circondata dal fumo delle sue sigarette, il vestito cinese aggrinzito ai suoi piedi. Persino il fatto di aversi incontrato a Parigi non era stata una bellissima idea, in qualsiasi luogo l’appuntamento fosse diventato più felice. Invece, l’anarchia splendente dei primi mesi restava là, aggrinzita e vuota come il vestito cinese. Fra loro, il silenzio, di nuovo, senza rendersi conto che la stava perdendo, che l’aveva persa.
E non capirci niente e aver voglia di tornare a te.
L’auto si fermò dopo alcuni minuti e le luci del Savoy si accesero e spensero nella sua faccia inespressiva:
-Siamo arrivati, signore.
E lei svanisce. Tornano gli urli, il suono lontano dell’orchestra, la voce confusa che non riesce a dire niente.
Senza rispondere, scende dal taxi. Senza parole, chiede la chiave della 219. E senza aprire le labbra, chiude la porta a tutto quello che nessuno capiva, a volte, neanche lui.
La città, il mare lontano riempiono la finestra della suite, mentre lui cerca qualche sorta d’indifferenza per non lasciarsi andare. Forse un tempo in cui una parola bastava per sentire le voci accoglienti degli amici. Magari il profumo di quella ragazza generosa e bellissima, una notte qualsiasi d’ubriachezza e pianto. A volte, la pelle bruciata dal sole nei giorni d’estate, di lunghissime estati dell’infanzia che non finivano mai.
Il grano da crescere, i campi d’arare,
guardare ogni giorno
se piove o c’è il sole,
per saper se domani
si vive o si muore.
Le luci lampeggianti nella distanza sembrano teatri affollati; lui sorride. Prende un foglio della scrivania, il nome del Savoy con la solita eleganza inglese si può leggere in alto, si siede e comincia a scrivere. Trentenne, aveva cominciato a invecchiare.
E un bel giorno dire basta e andare via
La Walter PPK era nel cassetto del tavolo, piccola ma robusta, dolcemente amica:
Ciao, amore
Ciao…

[Luigi Tenco si suicidò dopo avere cantato –sotto l’effetto di un’intera bottiglia di grappa- nel Festival di San Remo la canzone Ciao, amore, ciao. La sua interpretazione stonata ottenne trenta voti da 900 disponibili.]


CIAO AMORE
IPP
Escoitabanse os berros do público cando Luigi pechou a porta do coche. O camerino aberto deixaba entrever o ramo de flores, pomposo e absurdo, que alguén levara había pouco, botellas baleiras, cinceiros cheos e o libro de Pavese que nunca esquecía.
O taxi enfiou rúas desertas, mentres o seu coraxe esvanecíase coma o efecto da grappa, dolorosamente.
E poi mille strade grige come il fumo
in un mondo di luci sentirsi nessuno.
Sacou á cabeza pola ventaniña: os edificios desfilaban velocísimos, rostros descoñecidos, locais estridentes, autos deportivos, con rapaces bronceados, unha vella maqueada co seu can. Silencio. Fechou os ollos para non ver as olladas puritanas de desaprobación: para vela, unha vez máis, espida, diante da fiestra, arrodeada polo fumo dos cigarillos, o vestido chinés enrugado aos seus pes. Seica o feito de atoparense en París non fora unha boa idea: noutro lugar a cita fora, quizáis, máis feliz. En todo caso, a anarquía esplendorosa dos primeiros meses ficaba alí, enrugada e baleira coma o vestido chinés. Entre eles, o silencio, o baleiro, de novo, sen darse de conta de que estaba a perdela, que a perdera.
E non capirci niente e aver voglia di tornare a te.
O automóbil parou despois dalgúns minutos e as luces do Savoy prenderon e apagaron na súa faciana inexpresiva:
- Chegamos, señor.
E ela desaparece. Voltan os berros, o son lonxano da orquestra, a voz confusa que non consigue dicir ren. Sen respostar, baixa do taxi. Sen palabras, pide a chave da 219. E sen abrir os labios, pecha a porta a todo aquilo que ninguén comprendía, ás veces nin siquera el.
A cidade, o mar lonxano enchen a fiestra da suite, mentres percura unha especie de indiferencia para non deixarse ir. Quizáis un tempo no que unha palabra bastaba para escoitar as voces acollentes dos amigos. Quizáis o arrecendo daquela rapaza xenerosa e fermosísima, unha noite calquera de enchenta e bágoas. Ás veces, a pel queimada polo sol nos días de verán, de longuísimos veráns de infancia que non remataban xamáis.
Il grano da crescere, i campi d’arare,
guardare ogni giorno
se piove o c’è il sole,
per saper se domani
si vive o si muore.
As luces palpebrantes na distancia semellaban teatros ateigados; el sorrí. Colle unha folla da escribanía, le en alto o nome de Savoy escrito coa acostumada elegancia inglesa, senta e comeza a escribir. Con trinta e tantos, comezaba avellentarse.
E un bel giorno dire basta e andare via
A Walter PPK estaba no caixón da mesa, pequena pero robusta, docemente amiga:
Ciao, amore
Ciao…

[Luigi Tenco suicidouse despois de cantar, baixo o efecto dunha botella enteira de grappa, no Festival di San Remo a canción Ciao, amore, ciao. A súa interpretación desafinada obtivo trinta votos dos 900 posibles]

PROPAGANDA FIDEI

O fotoxó aínda non estaba inventado e xa lle almidonaban a mán a Gary Cooper para saúdar ás femias patrias. Agora limpa imperfeccións nos rostros dos candidatos e das candidatas ata regresalos a unha eterna e impoluta xuventude. Nun intre, unha fotografía é capaz de facernos esquecer catro anos, de borralos completamente da nosa memoria. Esa é a miserable grandeza da propaganda.

13 maggio 2007

A CURUXA

Acostumamos xantar os domingos fóra. Hoxe tocou A Curuxa, na rúa Cesteiros, un restaurante moi acolledor do casco vello vigués. É ben famoso e con moita razón. Porque á simpatía dos donos e dos camareiros, convén engadir unha comida ben preparada, gorentosa e non moi cara. Hai para os/as cativos/as, escasamente dados/a á jalancia, un polo con mollo de curry, marca da casa que solventa o problema. Pero as cazolas de ameixas con belotes e algas ou de shittake (un cogumelo xaponés) con fideos son sublimes. O viño non é nada caro (un Viñaredo valdeorrés de primeira) e os postres (caniñas frescas e flan-mousse de chiculate) é delicioso. O café, para variar, é dos millores de Vigo e, ademáis, teñen a gala facelo con xeito e moito cuidado. Estes días, ademáis, andan cunha iniciativa completamente exitosa: un premio á mellor tapa do casco vello. Participan outros bares e restaurantes da zona e, segundo confesou o entusiasta Moncho, medio dono do Curuxa, o éxito é insólito xa que acaban con todas existencias e enchen as ruelas do casco vello de xente coma nunca. Unha noraboa moi sinceira para eles. Sirva este comentario de recomendación moi merecida.

11 maggio 2007

A NAVALLA DE OCCAM


Teño o gusto de presentar unha nova bitácora, a do meu amigo LP e a súa navalla de Occam. Comeza cun artigo de Ramón Núñez, o responsable de todos os museus científicos da cidade de A Coruña. Neste blogocéano cultural fai falta a voz (sabia neste caso) da ciencia. Benvido.

BETTEDAVIS, XENIO E FIGURA


Unha canle de televisión está a pasar este último mes algunhas das mellores películas de Bette Davis, que é coma dicir algunhas das mellores películas da historia do cinema. Onte foi Jezabel, hai unha semán All this, and heaven too e hai dez días, The little foxes. En todas elas, Bettedavis é unha forza desatada da natureza. Son os seus ollos célebres, pero non menos a súa enerxía en escea, o seu xeito de superar, na época en que o cinema mudo cedía paso ao sonoro, o acartonamento propio dos actores procedentes do teatro. Bette Davis encarnou case sempre o prototipo da muller libre (ás veces castigada por iso coma en Jezabel ou en A raposa), da muller apaixoada, que pón por riba dos intereses dun mundo hostil a súa perseverancia amorosa. O ano que ven cumpliranse 100 anos do seu nacemento. Pero as súas películas, vistas hoxe mesmo, son plenamente actuais, porque amosan unha muller adiantada ao seu tempo, cun carácter e unha persoalidade senlleira e insobornable. Longa vida a Bettedavis.

10 maggio 2007

LECCIÓN MAXISTRAL DE UMBERTO ECO


Umberto Eco, con ocasión da apertura da Feira Internacional do Libro en Torino, pronunciou un fermoso e, coma sempre, entretido discurso. Velaí, traducidas, algunhas das súas reflexións:


"Que é a bibliofilia? Conta a lenda que Gerberto d’Aurillac, o Papa Silvestre II, o Papa do ano mil, devorado polo seu amor aos libros, conseguiu un día un inatopable códice da Farsalia de Lucano, prometendo a cambio unha esfera armilar de coiro. Gerberto non sabía que Lucano non puidera rematar o seu poema porque mentres tanto Nerón convidárao a cortarse as venas. Así que recibiu o precioso manuscrito, pero atopouno incompleto. Todo bó amante dos libros, despois de cotexar o volume recén adquirido, se o encontra incompleto, devólveo ao libreiro. Gerberto, para non privarse ao menos da metade do seu tesouro, decidiu enviar ao vendedor non a esfera enteira, senón a metade. Gerberto desexaba ler o poema de Lucano –e isto di moito sobre o amor pola cultura clásica naqueles séculos que teimamos en presentar como escuros- pero se fora sólo por eso, teria pedido o libro en empréstimo. Pero non, el quería posuír aqueles folios, tocalos, quizáis cheiralo un día e sentilos cousa propia. E un bibliófilo que despois de tocar e cheirar atopa que o libro está manco, que lle falta o colofón ou unha fe de erratas, experimenta a sensación dun coitus interruptus.(..:)
Existen os bibliófilos e existen os bibliómanos. Para establecer unha liña de distinción, entre bibliofilia e bibliomanía porei un exemplo. O libro máis raro do mundo, no sentido de que probablemente non haxa máis copias en circulación no mercado, é o primeiro, ou sexa, a Biblia de Gutenberg. (…) Todo coleccionista ten un soño recurrente: atopar unha velliña de noventa anos que teña na casa un libro que busca vender sen saber de que se trata, contar as liñas, ver que son 42 e descubrir que é unha Biblia de Gutenberg, calcular que á velliña quédanlle solo poucos anos de vida e que precisa de atención médica, decidir sometela á avidez dun libreiro deshonesto que probablemente lle haberá de dar algúns miles de euros (e ela ficará xa felicísima), ofrecerlle cen mil euros cos que esterricaríase extasiada ata a morte e meter na casa o tesouro.
Despois, que sucede? Un bibliómano tería a copia secretamente para el e, cuidado con mostrala!, porque solo falar diso se mobilizarían todos os ladróns de medio mundo e nese caso debería desfollala solo pola noite como o tío Gilito que se baña nunha bañeira chea de dólares. Un bibliófilo, pola súa parte, querería que todos visen esta marabilla. Escribiría ao alcalde da súa cidade, pediríalles que a expuxera no salón principal da biblioteca municipal, pagando cos fondos públicos todos os enormes gastos de seguridade e vixianza, co consentimento privilexiado de ir vela cada vez que queira, sen facer cola. Pero que placer sería o de posuir o obxecto máis raro do mundo sen poder levantarse as tres da noite e ir follealo? Velaí o drama: ter a Biblia de Gutenberg sería como non tela. (…)
Tamén está a biblioclastia. Hai tres formas de biblioclastia: a fundamentalista, a biblioclastia por despreocupación e aquela biblioclastia por interés. O biblioclasta fundamentalista non odia os libros como obxecto; teme o seu contido e non quere que outro os lea. É o caso da ruina o do incendio da biblioteca de Alexandría que, segundo unha lenda que está hoxe considerada falsa, foi prendido por un califa seguindo o principio de que ou todos aqueles libros dicían a mesma cousas sobre o Corán e, logo, eran inútis, ou dicían cousas distintas e, logo, eran perigosos. A biblioclastia por despreocupación e a de tantas bibliotecas italianas, tan pobres e tan pouco cuidadas, que non por casualidade acaban por ser lugares de destrucción do libro, porque hai un modo de destruir os libros deixándoos desfallecer ou facéndoos desaparecer en recunchos inaccesibles. O biblioclasta por interés destrúe os libros porque vendéndoos a cachos saca máis que vendéndoos enteiros
A biblioteca non é solo o lugar da túa memoria, onde conservas todo o que liches, senón o lugar da memoria universal, onde un día, no momento fatal poderás atopar que outros leron antes ca ti. É un depósito onde ao final todo se confunde e xera un vértigo, un cóctel da memoria docta.

9 maggio 2007

MAZARELOS 80


Da vella Facultade de Filoloxía na Praza de Mazarelos de Santiago (primeiros 80) saíron para o mundo, entre outros que un pouco antes e un pouco despois tamén pisaron aquel chan negro de plástico duro:
ANTÓN LOPO
ANXO ANGUEIRA
UXÍA CASAL
MARIO PEREIRA
XABIER QUIROGA
RAFAEL CID
ROMÁN RAÑA
BEGOÑA MUÑOZ
XABIER LORENZO TOMÉ
Que me perdoen os artistas que eu tal vez esqueza. Outros moitos andan por bisbarras próximas. Parece mentira que daquelas aulas... Hoxe lembro. A xeito de homenaxe.

8 maggio 2007

A PSEUDOCIENCIA

O meu amigo LP, fustigador de supersticións, e máis eu adoitamos parolar contra as crenzas populares nun furibundo laiar no deserto. LP, de cando en vez, propón, con seriedade, formarmos unha Liga contra á incultura científica (inclúe dietas prodixiosas, camelos médicos, miragres de botica, apoteoses sexuais, entre outras marabillas, sempre con cartos polo medio) que aínda pervive onda nós.
Pensei niso ao ver os anuncios, sección Ciencias Ocultas, no xornal (ese que agasalla garrafiñas de viño escaso) de hoxe: "Profesor M...: gran ilustre medium africano, resultados por la rapidez de su trabajo, eficacia, garantía donde otros fallan: dinero, amor, trabajo, suerte, mal de ojo, amarres, impotencia sexual, exámenes. Resultados rápidos-garantizados". Ou "Anduriña. Meiga galega. Tarot. Baraja española. Trato personalizado. Seriedad". Aínda que poéticos coma este ningún: "SIN SONSACAR. Primero pasado, después futuro. Si fallamos cuelga".
O meu amigo teima, con enfado incluído, por montar unha plataforma de estirpe decimonónica, cun lema do tipo Coa Razón por diante e co propósito de denunciar xudicialmente mesmo estas actividades supostamente legais. Teño que recoñecerlle que despois de ler estas cousas dos xornais a mín dame á risa e non podo tomar en serio as súas propostas. Pero, despois de botada a risa, non podo estar máis de acordo coa súa teimosa batalla contra a pseudociencia, unha nova variante (neste caso, por suposto, laica e atea, máis de dous séculos despois) daquelas palabras, aínda non escoitadas, de don Benito Jerónimo Feijoo:
"Los Saludadores son unos embusteros, que comen a cuenta de embustes. Los Secretos de Naturaleza son por la máxima parte un embeleco de simples, que les gasta mucho el tiempo en la prolijidad de las manipulaciones, y mucho dinero en la compra de los materiales. En el Discurso sobre los Duendes tengo bien ponderados los graves inconvenientes, que su común creencia ocasiona. Y aunque no es tan común la de los Espíritus Familiares, no deja de ser útil el desterrarla. Los Zahoríes, y los que ostentan la Vara Divinatoria han engañado a muchos, y cometido grandes estafas con la promesa de descubrir tesoros. Lo proprio digo de los que se jactan de poseer el secreto de la Piedra Filosofal".

7 maggio 2007

PAISAXE DO PÁRAMO DE LEÓN OU DE CASTELA

Cando ía o outro día polas terras do páramo de León camiño de Asturies, a paisaxe encendíase coas cores que aparecen nesta foto de Cazurro Burgos.
Nota: cazurro é o nome que lle outorgan, en tono simpático pero despectivo, os asturiáns aos leoneses e, por extensión, aos casteláns. Significa algo así como turrón, teimudo, e, por veces, un pouco besta.
A paisaxe corresponde á terra de Nava del Rey, en Valladolid.

LIMPEZA DE SANGUE

Unha rotura na polea do alternador fixo que lera nunha mañán Limpeza de sangue. Non sei se foi premonición ou advertencia. O certo é que hai que agradecerlle á desgracia mecánica a lectura apaixoante do libro de Rubén Ruibal. O texto dramático (ou seudodramático, polo que direi) gañou o premio Álvaro Cunqueiro do ano 2005 e foi publicado a finais do ano pasado por Xerais. Está composto de 31 esceas, de aparente estructura cinematográfica ou televisiva, se teño licencia para establecer esta distinción: non fai falta dicir, polo que a mín respecta, que tal disposición (sexa ou non voluntaria) non é en absoluto un demérito, senón todo o contrario: a mostra evidente de que o hibridismo entre as distintas artes está plenamente consolidado.
O texto dramatiza (nos dous sentidos do termo) as historias de dous homes, Fernando Sánchez e Pantaleón Expósito, que coinciden na sala de diálise dun hospital. Fernando pertence á marxinalidade, co seu perfil de ex ionqui a piques de recuncar e delincuente de pouca monta por pura consecuencia vital. Casado cunha muller que leva o peso da casa (unha muller da limpeza, esa palabra chave) e cunha filla á que cuida, padece unha insuficiencia renal que o reduce a unha pariola de hospital durante catro días da semán por espacio dunhas cinco horas ao día. Pantaleón, pola súa banda, procede, cunha formación universitaria, da outra punta da pirámide social, pero contempla o mundo da corrupción constructora desde moi perto e, polo tanto, comparte con Fernando á inmersión nun universo de foraxidos.
Por azar, aparte de na insuficiencia (simbólica, en gran parte) dos riles, coinciden na condición de derrotados, de postrados diante dun televisor no que botan, coma nunha rutina tamén simbólica, O planeta dos simios, mentres o sangue impuro vai recorrendo un camiño de ida a volta a través das máquinas salvadoras. A sala, pois, de diálese convírtese no esceario principal da obra, o lugar esencial onde se libra o diálogo fundamental entre os dous protagonistas. Unha dialéctica que ten moito de enfrontamento social, cultural, moral e, mesmo, político entre os dous mundos. Non é gratuito o recurso dramático (tantas veces aproveitado polo teatro) do intercambio de roles (traído do Príncipe e mendigo de Twain) que Rubén Ruibal adopta para estrañar os dous ámbitos. Dese contraposición xorden os momentos de reflexión sobre a relixión (un rexeita a fe, o outro posúe, pero sen plena comprensión, as súas crenzas), o sexo (un revela unha sexualidade machista e outro amosa a súa homosexualidade), a familia (un conserva a duras penas filla e muller, o outro aparece orfo e solitario: expósito, exposto) ou a educación (un só mira a mesma película, xa memorizada, o outro chega a ler mesmo libros de teatro en galego!). A diferencia entre ambos conduce á amizade e á simpatía: velaí a piadosa paradoxa.
Detrás destes dous protagonistas, Rubén Ruibal coloca outras pezas, case simétricas ou paralelas (Don Anselmo-Clemente; Don Luís-Alicia) e outras, coma o Inspector, que serve para engarzar as vidas aparentemente distantes de Fernando e Pantaleón. O recurso á literatura policiaca confire vertebración ao conxunto. Nun terceiro plano, sitúanse persoaxes a xeito de coro, que aparecen unha soa vez, sen demasiada función no desenrolo sustancial da obra, pero que poden representar o marco dunhas vidas condeadas (de xeito literal) á morte. Estou pensando no home da limpeza, filólogo, e o seu interlocutor, o celador, na sala de diálese, da escea cuarta, ou nos forenses da morgue na escea 28, que, de forma outra vez simétrica e matemática, parecen pechar o círculo. Digo coro da obra porque estes persoaxes fan ecoar o ruído do sangue, máis alá das paredes de ambos escearios nos que está latente ou presente a morte: a sala de diálese e a morgue. Entre estes espazos debúxase o camiño dos protagonistas.
O libro está escrito con escaso marxe para a retórica ou para unha deliberada vontade de estilo no que atinxe ás verbas das persoaxes. Pero unha das grandes singularidades do libro, que o emparenta coas acoutacións valleinclanescas (os animais en escea por exemplo ou as sombras que cobran vida na primeira escea), é a introducción narrativa dunha voz exterior. Aquí Rubén Ruibal aporta unha perspectiva distanciadora, pero non omnisciente, coma cando di na escea terceira “o doutor escóitao sen interese, mastiga coa boca aberta, bebe doutro vaso ancho e baixo un líquido que podería ser té pero non o é e fuma a un tempo”. Estas máis que acoutacións son dunha riqueza extraordinaria e levan á obra a un terreo tamén híbrido en canto ao xénero literario, xa que a marca narrativa parece impoñerse. É exemplar ao meu xuízo o que ocorre na escea catorce: ao comezo de todo describe ao persoaxe do doutor don Luis con dous médicos embatados e “noutra mesa, de costas, un home le o periódico”, e remata dando aos lectores á pista de que o home que está detrás é Pantaleón. Nunha representación esta estrataxema, puramente narrativa, debe ser levada con outras técnicas de semellante grao de suspense. E non é a única mostra de tal predominio narrativo.
Dixen que o texto das acoutacións recorda Valle Inclán. Probablemente, por vía interposta de Vidal Bolaño, a quen Rubén Ruibal dedica o libro. O final, no que a fórmula narrativa vaise impoñendo, constrúe unhas esceas dunha morosidade ceremonial, moi do gusto vidalbolañián, tamén de regusto case esperpéntico, aínda que Rubén Ruibal non cede á caricatura nin ao grotesco, senón ao drama limpo, case á traxedia, que xorde da imposibilidade de loitar contra o tempo o da indolencia de deixarse levar polo tempo, sen facer nada por evitalo. Así, polo menos, dedúcese das palabras do narrador entrometido coas que dá fin ao texto dramático: “é sabido que tanto confiar en que o tempo vai amañar as cousas fai que deixemos que pouco a pouco vaian indo a peor”.
Eu só agardo que este volume de Rubén Ruibal non remate no almacén de libros que Fernando Sánchez, o protagonista da obra, dicía coñecer cerca de onde vivía, “todos arrombados en caixas, dende hai anos. É unha imprenta. Fan os libros e logo téñenos alí mortos de risa. Non sei quen carallo os encarga”. Pola miña banda, só podo recomendalo vivamente e que, por pedir que non quede, sexa levado canto antes ás táboas ou (que me perdoe R. R.) á realidade viva tamén dun set televisivo ou cinematográfico. Porque ben o merece.

5 maggio 2007

ANIVERSARIO DE VODA

IPP está de aniversario de voda. Dazaoito anos. Aparte de celebralo, IPP convida: por gañar o premio de Racconti di fuori confine en italiano. Está feliz. Moi feliz. Véselle nos ollos. Neses ollos verdes como a auga do mar.

4 maggio 2007

CUESTIONARIO PROUST, BESBELLINHA MEDIANTE

Emprázame Besbellinha a un cuestionario proust. Nunca fixera un destes, pero cando o rematei, pensei que non valo para esto: xerarquizar, seleccionar ou preferir son decisións que me disgustan. Sobre todo cando hai tanto onde elixir. En todo caso, non podía fallarlle a esa alma inqueda que imprime carácter co seu entusiasmo ao blogocéano atlántico.
1. O principal rasgo do meu carácter? A indolencia. Unha inclinación notable ao dolce far niente.
2. A calidade que prefiro nun home? Humor e intelixencia.
3. A calidade que desexo nunha muller? Humor e intelixencia. Non fago distincións.
4. O que máis aprecio nos meus amigos? A intelixencia e o sentido do humor. Por variar algo. E por engadir: optimismo vital.
5. O meu principal defecto? Deixo todo para mañán. De feito, este formulario aínda está sen facer.
6. A miña ocupación preferida? Non facer nada. En todo caso, tomar algo nunha terraza cuns amigos.
7. O meu soño de dicha? Ese mesmo. Ou un atardecer nun restaurante na Toscana, mentres contemplo a paisaxe. Tamén unha noite de san Lorenzo mirando as estrelas no firmamento limpo do Val di Chiana, perto de Arezzo.
8. Cal sería a miña maior desgraza? A morte de seres queridos.
9. Que quixera ser? Cantante dunha banda (potente) de rock. Unha frustración que levo con mágoa.
10. Onde desexaría vivir? Na Toscana ou en calquera cidade grande: Nova Iork, Londres, París ou Roma. Barcelona ou Madrid non están mal. Vigo está de puta madre.
11. A cor que prefiro? Bermello.
12. A flor que prefiro? Rosa bermella.
13. O paxaro que prefiro? Non me gustan os paxaros. Pero un vó dunha cigoña por riba dos choupos no Bierzo é das cousas máis fermosas que se poidan ver.
14. Os meus autores preferidos en prosa? Borges.
15. Os meus poetas preferidos? Gusto de poemas concretos, máis ca de poetas. Pero Petrarca xa escribiu todos os poemas posibles.
16. Os meus heroes de ficción? Non me gustan os heroes. Os de ficción, menos.
17. As miñas heroínas de ficción? Nin as heroínas.
18. Os meus compositores preferidos? Depende do momento. Pero todos, nalgún instante, poden ser preferidos. Dylan, sempre. E que me perdoe o irmán Chiquito de la Highway.
19. Os meus pintores predilectos? Nunha mañán, o Prado pode ofrecer un bó feixe deles.
20. Os meus heroes da vida real? Non hai heroes na vida real tampouco.
21. As miñas heroínas históricas? Ninguén pode acadar esa categoría. Nin os de ficción.
22. Os meus nomes favoritos? Os nomes están asociados ás persoas. Son as persoas que os levan as que me gustan.
23. Que detesto máis que nada? A desigualdade, o autoritarismo.
24. Que caracteres históricos desprezo máis? A aniquilación do outro. O propio desprezo. O autoritarismo.
25. Que feito militar admiro máis?Eu non admiro ningún feito militar.
26. Que reforma admiro máis? As reformas que combatan a desigualdade, a inxustiza ou a ineficiencia.
27. Que dons naturais quixeras ter? Ás veces, o da ubicuidade, naturalmente.
28. Como me gustaría morrer? Non penso niso.
29. Estado presente do meu espírito? A risco de parecer un anuncio de agua mineral: vitalidade.
30. Feitos que me inspiran máis indulxencia? Enténdese que eses feitos son negativos. Nese caso, os que percuran á felicidade das persoas.
31. O meu lema? Carpe diem, como Besbellinha. Ou carpe secundum, se se pode dicir.
Sería de interés coñecer os de Zerovacas, As uvas na solaina e Gradicela. Emprazados están. Se non quixer, serán comprendidos e completamente xustificados.

1 maggio 2007

UN POUCO DE ITALIA

Andrea Rivera, un dos presentadores do festival de Primeiro de Maio en Roma dixo o seguinte:
"O Papa di que non cre no evolucionismo. Estou dacordo: de feito, a Igrexa non evolucionou. Non soporto que o Vaticano rexeitara os funerais de Welby (o home ao que desconectaron da máquina que lle permitía vivir). Sen embargo, o Vaticano estivo nos de Pinochet, Franco e nun da banda da Magliana. É millor así, porque ao lado de Xesús non morreron dous de escelerose lateral amiotrófica: eran dous ladróns". Ao parecer, rematou comentando que a Igrexa na que el se recoñece é a de san Francisco.

O sorprendente chegou despois coas opinións dos dirixentes dos sindicatos, organizadores do festival: o da UiL: "Son declaracións estúpidas, que non comparto; nun pais cívico a libertade relixiosa e da Igrexa é tan importante coma a política e a sindical". O da Cisl: "O concerto do primeiro maio non é o lugar máis axeitado para facer política e marcar divisións. Senón é momento para a tolerancia e a convivencia. Se Rivera (o presentador) tomou algún grolo de máis, faría ben en se dar unha ducha fría. O da Cgil: "Son frases inoportunas, máis nunha xornada coma esta".

Así están as cousas Igrexa-Sociedade italiana a primeiro de maio de 2007.

[Francisco Rizi, Auto de fe na Praza Maior de Madrid, 1683]

TA LLUEU, CHITA

Muches gracies, tía, per toes les coses que nus diste. Con el puñu en altu, como a ti te prestaba.
Javier, Maritere: un besín del vuestru primu.

O EFÍMERO PERMANECE E DURA


Na Fundación BdelaM de Vigo exhíbese desde o 24 de abril unha mostra sobre un século de pósters. A exposición procede do Museu do Deseño de Zurich e amosa uns exemplares ben significativos da historia moderna dun xénero artístico, por excesivamente coxuntural, de efímera fama. Sen embargo, a importancia da mostra desminte este aserto. O recorrido cronolóxico en dous andares comeza cos anuncios comerciais de principio de século, con Toulouse-Lautrec e Chéret á cabeza de moitos artistas que por encarga eran capaces de levar a súa arte á existencia un tanto precaria dun cartaz pegado nunha parede por uns poucos días. Os anuncios comerciais dan paso á propaganda (palabra inventada pola Sociedade de Xesús) política, entre a soflama patriótica ou antibelicista da primeira guerra mundial e a reivindicación dun novo réxime de masas no cartelismo soviético, maoísta e nazista. Impresiona a carauta de Hitler, sobre fondo negro, co seu apelido en branco, no enorme cartaz das eleccións do ano 1932. O primeiro andar complétase coas manifestacións primeiras dunha incipiente sociedade de consumo masivo e a paulatina incorporación de mensaxes didácticos e positivos sobre os dereitos humáns, coa espada da bomba atómica sobre os ombreiros do mundo. No segundo andar, o colorido pop e rechamante da publicidade das grandes multinacionais alterna cos posters máis comprometidos contra a guerra, a fame, a miseria ou a desigualdade.
O inxenio e o talento artístico presiden gran parte desta exposición, probablemente menos anunciada cá de Tamara de Lempicka, pero, ao meu xuízo, moito máis interesante. Quizáis poda botarse en falta un maior detalle na explicación dos cartaces (en español), que, desde logo, a contextualización demanda. En calquera caso, ata o 24 de xuño hai unha oportunidade única para visitar non á historia dun xénero artístico, por veces minusvalorado, senón a historia do mundo a través da arte efimera, agora rescatada, do poster, un modelo familiar e paradigmático do noso tempo.
[Tadeusz Trepkowski, 1 maj e David Tartakover, Happy New Fear: os dous poden verse na exposición]