Caxigalines nella Reguera'l Campizu

21 dicembre 2008

ASTURIANÁ

No suplemento cultural, NÓS, do Xornal de Galicia escríbese sobre a Historia universal de Paniceiros, de Xuan Bello, traducido para Edicións Positivas. O libro leva un prólogo ben fermoso de Paco Fernández Rei, asinado en Fefiñáns, Mar de Arousa, lugar onde vivín e fun felicísimo durante varios anos da miña vida. 

Onde o mundo se chama Paniceiros, 

Xuan Bello (Paniceiros, 1965) escribe en asturiano. Escribe desde novísimo e publica, con aplauso, desde o ano 1982 (con apenas 17) toda clase de textos: versos que substantivan a natureza con palabras coma braña ou borrina, alternadas con nomes propios de veigas ou vales; columnas xornalísticas de urxencia semanal (en Les noticies, onde ata hai pouco facía de case todo e onde agora pousa breve a súa agardada opinión) sobre xeografía, goberno, lingua; meditacións entre líricas e especulativas sobre literatura, ficcións ou fantasmas; evocacións saudosas de tempos ou de poetas que evocan o tempo. En todos estes textos Xuan Bello exhibe a súa condición de lletramancau, de escritor que transforma a vida (o recordo da vida, ás veces) en materia literaria. Nun dos textos que figuran na súa Historia universal de Paniceiros (2002), “Nenúfares e rula”, a tópica disputa entre vida e literatura aparece saldada, co auxilio de Cunqueiro, coa victoria das palabras que nomean e constrúen o mundo: a vida “é sempre unha mentira máis ou menos ben contada”, sentencia ao cabo doutro texto.

O libro, traducido agora con feliz sotaque asturiano ao galego por Esperanza Mariño, presenta corenta e tres cadros, de diverso calibre e pretensións, xunto a catorce fotografías, en doméstico branco e negro, que ilustran a historia. No variado conxunto non faltan poemas, como o de Paniceiros, cuxos ultimos versos constitúen unha declaración para todo o volume: “onde la mirada yera pura cenciella/ la xaceda que dexara la nube en cielu/ Onde namás nos queda la memoria/ corrompida de la infancia/ La nuesa soledá/ L’abandonu de nueso”. Que se inclúan versos alerta sobre a condición primixenia de Xuan Bello coma poeta, pero non era necesario: todos os discursos son compostos con esa pulsión. A perspectiva dun eu lírico, de melancolía romántica, impón a súa ollada. Non é observable unha liña definida na distribución dos textos; se cadra, unha deriva final, case imperceptible, cara a narración. Pero, en todos eles, a voz do poeta encadra e ordena o pensamento.

Paniceiros é a palabra clave, o lugar de onde parte todo, unha pequena aldea na aba do monte, nas vales de Tineo, desde onde se pode intuir o mar de Lluarca. Este reducido territorio, un mapamundi de apenas dezaseis casas, como advirte Bello nos agradecementos, é un microcosmos, porque o que nel acontece (re)crea o universo. Os relatos desta Historia universal de Paniceiros, pequenas anécdotas que adquiren alento épico pola forza da saudade, son historias familiares: xogos de tarde de verán, lembranzas de antroido, estampas de aulas, escenas de caza entre a neve, encontros con persoaxes singulares (Evaristo Casariego, Villabazal, Pere d’Oumaña, Puliatos) que expanden coas súas vidas a memoria do narrador.

Sobrancea nestes textos un desexado vencello coa natureza asturiana de lobos, néboa, auga ou arbres, pero tamén unha delectación pola evocación do alén: o demo amable, a xigantomaquia que dá orixe á mesma aldea de Paniceiros, as fantasmas que non son máis ca retratos da memoria, a güestia acollente, os tesouros (de mouros, xaora) inatopables, os soños duplicados (con ecos de Borges ou das fantasías orientais), as illas inventadas ou as paisaxes de ultramar (Irlanda, Bretaña, Manhattan, Habana).

Esa forma de insatisfacción que consiste en recordar outro tempo (para Bello, o pasado “é un país estranxeiro, de costumes bárbaros, que escasamente entendemos”) e outros lugares (a pesar das súas procuradas raigames baixo un ceo de devanceiros, proclama, tras vivir en Coimbra, en Roma, en Nova Iork, que somos “errantes e desertores”) é o íntimo refuxio para un poeta que conclúe noutros versos (“Variaciones del mio nome”): “Y tu,/ qué estraño,/ llamate Xuan Bello/ y tar equí, n’Uviéu,/ pasando visiones/ escures/ al asturiano claro./ Saber que la to patria/ Siempre queda aende:/ ellí onde tu nun tas.”

Foto: A casa da miña avoa en La Villa de Mieres. A casa familiar, pranta baixa e primeiro andar co corredor, agora derruida por completo. 

1 commento:

Anonimo ha detto...

Ai trinta anos alí estabamos, con toda aquela xente. E ai corenta tamén, seguro, inda que eu non o lembre. E que ben o pasamos. Time pass slowly, pero pasa de carallo.