Caxigalines nella Reguera'l Campizu

6 dicembre 2008

MIÑAITALIA: I CARE, WE CAN, THEY WIN


A visita fugaz a Italia trae renovadas impresións sobre a decadencia e a crise dese país. Desta vez con contrastadas opinións dos propios italianos. Ben é certo que proceden todos eles do sector universitario, un dos que padecen de modo máis directo a política de Berlusconi. Pero as súas palabras non poden ser máis negativas: non hai conciencia colectiva, hai medo a case todo, o país vai cada vez pior, o control dos medios de comunicación é asfixiante, os políticos forman unha casta, non hai ilusión nin esperanza. 
As novas recollidas de forma ocasional (sigo todos os días a actualidade italiana, pero emprego neste caso o lido nos xornais do 3 e 4 de decembro) informan dunha crise económica terrible (a palabra bancarrota no país cun dos maiores déficits públicos do mundo soou con claridade: o propio ministro Tremonti desmentía con escaso entusiasmo ao que a pronunciaba); da decisión do goberno Berlusconi de incrementar ata o 20% as taxas para a canle Sky, a competencia dixital das súas canles (co escándalo conseguinte); dunha clase política permanentemente enleada en acusacións gravísimas (o nivel de vituperios sería insoportable, e mira que nós tiramos del, no noso país); dun enfrontamento coa Igrexa (o que a min me resulta máis estraño: críticas dos obispos á reducción orzamentaria para a educación ou a máis recente censura do arzobispo de Milán contra as palabras da Lega Nord solicitando unha moratoria para a construcción de mezquitas: "catocomunismo" chama o ministro Calderoli o discurso do arzobispo milanés); da criminalidade extendidísima (coas mafias, camorras e cosas nostras como principais protagonistas), dos casos de xenofobia e racismo abundantísimos e dunha violencia de xénero aínda máis sangrante ca nosa.  
En fin, sería para non seguir se non for porque unha simple visita pola cidade de Roma ofrece ademáis unha sensación de caos e de suciedade (moito máis do habitual nesta cidade) impensables nunha cidade supostamente europea. Fermosísima coma poucas urbes no mundo (para min a máis fermosa), repousa sobre o lixo, o desleixo e a profunda inacción dos seus gobernantes. 
Con todo non é estraño que o colega italiano con quen viaxei de Siena a Roma quedara fondamente impresionado ao mirar a limpeza dunha cidade como Madrid nunha viaxe recente: "entre vós e nós, un abismo" foron as súas palabras. O paso de Roma a Madrid, de Fiumicino a Barajas, non sei se significativo, confirmouno punto por punto.
 
Nota: estou a ler Sinistrati. Storia sentimentale di una catastrofe politica, de Edmondo Berselli (na contraportada: "Se o mundo é de dereitas, que fixemos mal para nacermos de esquerdas?"). Xa lles contarei, pero faría falta un analista político co humor, ironía e capacidade satírica de Berselli para narrar Galicia. 

3 commenti:

Anonimo ha detto...

Dear Arume,

Hai pouco estiven pasando uns días en Roma, e de alí fixen unha excursión de un día a Pompeia. Nunca antes estivera en Italia (hai que ghoderse...). Vel-hei-quí unhas pinceladas antropolóxico-turísticas desta viaxe.

Cando chegas a Fiumicino (recordemos, é o aeroporto principal da capital da república), é como aterrar en Lavacolla hai vinte anos. Tanto o mobiliario do edificio do aeroporto coma a estación do tren que te leva a Termini parecen sacados do catálogo de Construmat circa 1985.

Decidimos coller o tren "rápido" ao centro e hete eiquí a primeira sorpresa. Estamos a falar do tren "Leonardo Exprés". Case case me deixo convencer de que non é un atraco que os turistas teñamos que aboar os 11 ouros que vale a viaxe na esperanza de viaxar nun tren moi chulo, pero as cousas non son así. O Leonardo é moito nome para un convoio que me retro-trae una aniños a a aqueles regionales (sen “exprés”) que facían o traxecto Coruña-Vigo, os famosos camellos. Volvo recordar que este é o tren que te leva do aeroporto á capital da república.

Por outra banda, a estación de tren de Nápoles non lle ten que envexar nada a de Ferrol (con perdón), quero dicir a que había en Ferrol hai trinta anos.

Cando levas uns días en Roma empezas a decatarte de varias cousas:

(1) Xa podes levar un bo faixo de billetiños de euro porque: (a) case ningún caixeiro che dará cartos; (b) no 80% dos lugares a onde vaias non poderás pagar con tarxeta.

(2) Non pagues no autobús. De facto, o do "Roma pass" é un timo para turistas incautos. No autobús non paga nin Deus. Nin as súas representantes na terra, as monxas vaticanas, pagan. Nin o Papa paga. Pode ser que os romanos leven pase de pernocta, non o sei, e non teñan que picar o billete. Eu, desde logo, só vin a un fulano facelo e eso que non tiña cara de boa persoa. Pero, en calquera caso, moito moito coidado cando saian do autobús porque alí a xente entra por onde lle sae do nabo e non lle deixarán moito sitio para saír. Pero ben pensado, é boa idea: para que están as portas? Para entrar e saír. Para que agardar que saian os que están dentro, pois?

(3) Non, non, non vaian a restaurantes turísticos (para turistas) se teñen, coma min, os cartos tasados. Non, non, non vaian a restaurantes recomendados pola guía Trotamundos (ou calisqueira outra) se non queren poñerse á cola durante 1 hora. E non, non, non, o xamón de Parma non lle ten nada que envexar ao noso xamón galego rural authentic: puro plástico chiclesco unha miga salgado de máis. E con moito moito cheiro a ghroña que ghroña (a porco).

(4) Por se van ás excavacións de Pompeia. Teñen dúas liñas de tren para ir desde Nápoles. Collan a privada, non a dos ferrocarriles públicos italianos. As dúas son unha merda chantada nun pau de toxo, con trens que aquí empregaban hai 30 anos, pero polo menos a compañía privada deixaráos ao pé das excavacións [e de paso aforrarán os 10 euros que lle cravará un simpático taxista italiano pola viaxe desde a estación dos ferrocarrís públicos].

(5) Non, non, non se lles ocurra alugar un coche e conducir en Italia. Se van en taxi, tapen os ollos. Díganlle ao taxista que os avise cando cheguen ao seu destino e ábranos. Evitarán unha noite de pesadelos, con coches cruzando liñas contínuas e cousas así. Se non teñen máis remedio que conducir, aluguen un deses Smart, un cochiño pequeno que poderán aparcar en batería en todos os sitios. Xa saben: unha vez en Roma, fagan coma os romanos.

(6) Se sentan nas escaleiras da praza de España e se lles achega un nacho vestido de policía como nas comedias italianas e lles di que alí non se pode comer castañas, non se alporicen. O uniforme (a roupa) é moi importante para os italianos. O uniforme alí imprime carácter. Eu nunca vin tíos máis afoutos e cachondos (e mira que non me gustan os tíos) que todos os da sicurezza italiana, incluídos os do exército e os arcabuceiros pavos reais do Vaticano. Mesmo un nachiño con uniforme nun museo despide un non sei que de simpática chulería e arrobo que xa quixeran os policias nacionais españois, que máis se asomellan a barrendeiros de casino de pueblo.

(7) A comida/bebida italiana está moi ben pero han de notar o seguinte:

- o 75% da carta é pasta e pizzas. Até fan pizzas de Nocilla. Se queren cagar brando, pidan insalatas.
- bótanlle queixo a todo, mesmo á carne. Si no te gusta el queso, chaval, la llevas clara.
- se van a un pub (a mágoa é que non me acordo da rúa) non pidan cocacola. Traeranlle unha botella de plástico de 2 litros e serviranlle de alí directamente no vaso, xunto cuns cubiños de xeo. Asimismo te lo cuento como me pasó.
- ollo: os callos a la romana non traen os garavanzos e, o comino, víchelo, porque eu n’o vin por ningures.
- o pan, mentres non sexa de barra, está moi ben. Ten un aire co noso pero xa lles gustaría.
- tráianlle á súa naiciña un frasquiño de peperoncino (guindilla moída).
- proben a Panacota e o Tiramisú.
- o café é un invento italiano.


(8) Si, si, si, pernocten nun hotel ou pensión céntricas. Nin se lles ocurra pasar a noite lonxe do centro, por moi ben que llo pinten. Só hai dúas liñas de metro e coa rede de autobuses que teñen terán que facer trasbordos e máis trasbordos.

(9) Se van a ver a capela Sixtina ao Vaticano, tiren unha foto e cólguena eiquí. Eu quixen facelo pero había uns fulanos que dicían "no foto, no foto" e non deixaban. Ahora eso si: ao saír dicíanche "si euro, si euro" nas librerías do Vaticano.

(10) No Vaticano cómprenlle un rosario a algún parente católico que teñan. Disque están bendecidos polo Mázinguer e non se oxidan. E se pasan pola embaixada do Reino de España no Vaticano, déanlle da miña parte un saúdo moi afectuoso a don Francisco Velázquez, antigo alcalde la Laco, the city where nobody is a foreigner excepto os que falan galego.

Polo demáis, Romá é a cidade máis bonita que vin. E, por certo, sr Arume: compre un trípode para facer as fotos. Xa non é a primeira vez que me mareo vendo as súas.

Suyo afectísimo y que Dios guarde muchos años.

Marcel Swann

Anonimo ha detto...

Amigo Swann:
Subscribo case todo o que di. Quédalle o norte para mudar (algo, non moito) de opinión sobre servizos públicos. Sobre taxis, policía, comida e todo o demáis vostede pinta todo sen esaxerar nin un chavo.
Eu aluguei coche; estou afeito a conducir por Italia. Non esqueza vostede que vivo en Vigo.
Comín trippa en Siena: con parmigiano, xa que leva ragú incorporado. Non está mal e iso que non os comín con fagioli (fabas). Teña vostede en conta que para min os callos son á madrileña: o dos garbanzos e xa non digo o do comino son exotismos inaceptables.
O do autobús é raro raro. Falei con italiáns sobre o tema e ou non saben ou non queren respostar porque algo da súa falta de ética pública se lles vai ao carallo. Eles xuran que poden levar bonos, pero o normal sería ensinalos. O conductor só é conductor: non revisa. O revisor chega de improviso pero coa posibilidade de ter a porta aberta (cousa tamén interesante de analisar): de tal maneira que os ghichos que non levan billete (ou sexa, un autobús, máis ou menos, agás inmigrantes que pagan se non queren verse aldraxados públicamente como está a suceder nestes momentos) saen escopetados para fóra. Ou sexa o sistema dá a oportunidade última (como o propio catolicismo) de salvarse da multa. Esto vale para vaporettos. O máis alucinante é a bronca que recibe o revisor por parte do parvo que non puido escapar nese momento. Permítese o luxo de faltarlle por todo o alto: debe ser a recompensa pola multa.
Hai que sinalar que é un deses países onde as persoas en xeral síntense sempre máis poderosas ca autoridade. Eses policías que vostede viu, cunha liña de pelos sobre a barba, feita coas maquiniñas que tanto se estilan por Italia, e que parecen de opereta son, en efecto, de opereta: se lle busca a bronca retíranse porque non lles vai o soldo no traballo. O uniforme só vale para ligar.
Podería contarlle anécdotas ad infinitum, pero todas ao meu xuízo apuntan ao mesmo lugar: a falta de res publica, a desconfianza e desapego dos cidadáns italiáns pola polis.
En todo caso, moitas gracias, amigo Swann, pola súa impresión. Hai que recoñecer que Roma é marabillosa. Eso si.

Anonimo ha detto...

Esquecín o das fotos: están feitas cun teléfono móvil nokia mentres camiño polas quebradas ruelas. Entre que o fondo do blog é negro e saen movidas por falta de luz e por exceso de enerxía do viaxante, descúlpeme o mareo. Será recompensado noutra ocasión.