Pasei boa tarde transcribindo este texto dun coñecido meu que saiu publicado o sábado no suplemento do Xornal de Galicia. A ver se poñen todo en pdf, que copialo todo dá un choio de carallo. Se teño tempo (e ganas) poño os enlaces.
A lingua galega posúe no mundo dos blogs o seu máis fértil xacemento. Con periodicidade variada pero teimuda, centos de persoas, con moi diferentes gustos e vontades, publican na rede as súas anotacións sobre calquera cousa. Todas elas, máis de cinco mil segundo os últimos recontos (non todos agora operativos), constitúen o chamado Blogomillo, un fenómeno cultural de primeiro orde que pode resultar descoñecido para boa parte da sociedade, refractaria ou indiferente a esta indubidable mostra de enerxía creadora. A suma das anotacións e mesmo dos comentarios escritos en lingua galega nun só día supera a calquera medio de comunicación e pode equivaler á producción en papel de varias semáns. Ignorarmos esta fascinante industria cultural, xeradora motu proprio dunha riquísima literatura á marxe de calquera estímulo oficializador, resulta nestes tempos insólito e imperdoable.
Non é doado establecer o primeiro alento dos blogs. Unha pulsión expresiva, que algúns tildan de hipertrofia do eu e os máis de onanismo verbal, parece ser a causa primeira. Pero tamén a dun certo recoñecemento social e, por qué negalo, o ambicioso prurito de crear opinión ou de apurar debates de alcance social. Non é estraño que unha das materias que máis se extenden polo blogomillo sexa a discusión política. Aínda que non exentos de inescusables efusións persoais, os blogs Dpaso (Manuel J. Barreiro), Calidonia, Zerovacas (Marcos S. Pérez), Sihomesí (Xosé Manuel Pereiro), Cousas de Imeneo, O demo me leve ou Croques (Perfecto Conde) comentan, desde unha perspectiva obrigadamente crítica e libérrima, a actualidade política. A súa formación e nalgúns casos oficio (xornalistas, peritos en política) axudan a compoñer figuras de contrapoder en tempos revoltos (Prestige, a guerra de Irak), pero tamén a instalar vixiantes necesarios das eivas do presente.
A reflexión política sempre xorde a carón dunha inevitable preocupación polo mundo da cultura. Os veteranos e seguidísimos blogs (máis de 500 persoas entran diariamente) de Brétemas (do editor Manuel Bragado) e de As uvas na solaina (do historiador ourensán Marcos Valcárcel) alternan as anotacións sobre política (retrucadas con numerosos comentarios polémicos) con informacións e aportacións acerca de eventos culturais. Constitúen un marco de referencia do debate político-cultural e exercen, sen dúbida, unha clara influencia no foro político galego: moitos xornalistas (de letra impresa) e intelectuais confesan a consulta diaria destes blogs, animados polo interese que provocan tales debates.
A presencia da cultura é moi notable noutros cadernos, coma Capítulo 0 (Manuel Gago: cun cuidado exquisito na súa presentación), Fragmentos da Galaxia (Juan Blanco Valdés: que comezou como plataforma dun editor) ou Lándoa (Arturo Casas: que a partir da literatura emprende especulacións máis amplas), que hoxe conforman lugares de visita obrigada. Outros blogs, cunha particular tendencia pola literatura, preséntanse como espazos críticos, de análise de libros ou como foros de animación poética: tales son os casos de Trasalba, O levantador de minas (coa incorporación novidosa de videos para amosar presentacións ou lecturas poéticas) ou Ferradura en tránsito (Xosé M. Eyré, que adianta as súas críticas, en interesante borrador nalgúns casos, para os lectores en rede), páxinas hoxe indispensables para a información e a crítica literarias.
A creación non podía ficar allea a esta nova modalidade de expresión: nesta paisaxe virtual agroman interesantes propostas, que en xeral misturan texto, imaxes e bandas sonoras, coma a bitácora …mmm… de Estíbaliz Espinosa (un hiperespazo do eu), Casatlántica de María Lado (con podcasts poéticos), Ovnis e issoglosas de Igor Lugrís (con reflexos do agit-pop), A pícara de Allegue (con olladas oblicuas do cotián), Haicu de Leo (con escatolóxico orientalismo), Selva de Esmelle (coa elegante sensualidade de X), Cartafol de silencio (co lirismo da imprescindible Sara Jess), Chantos na chaira (coa inteligencia espilida de Lourixe), Modesto Fraga (desde Fisterra), ou o recente Clubdacalceta, de María Reimóndez. O predominio dunha voz feminina visible mesmo en corpos que se exhiben en galería de imaxes engade un particular interese a este fenómeno concreto da literatura en rede.
Noutros casos, escritores coñecidos polo seu éxito editorial en papel complementan a súa presencia con blogs, para prolongaren, obrigados pola enerxía do espazo virtual, a súa relación cos lectores posibles, pero, sobre todo, para crearen autónomamente novos textos: tal é o caso de Jaureguizar e Cabaret Voltaire, Fran Alonso e Cabrafanada, Francisco Castro e Canción do Náufrago, Uxía Casal e Gradicela, Xabier Cid e As túas balas, Mario Regueira e O porto dos escravos, Séchu Sende e Made in Galiza, Marcos S. Calveiro e Alfaias, cun blog afluente para comentarios da súa Festina lente, ou Rubén Ruibal e Alicia crece. As principais editoriais, Xerais ou Galaxia, comezaron hai ben pouco (a segunda hai apenas un mes) este novidoso formato, pero semellan voces, polo de agora, estrañas á substancia individual e pouco transferible dos blogs, máis destinados á comunicación das persoas que carecen de canles canonizados ou das que prefiren a calor inmediata da resposta.
Porque este é o mundo primixenio dos blogs: o da autobiografía entre intelectual e doméstica de quen pretende expresarse e remata por exhibirse ou de quen simplemente enuncia laios, desexos ou compromisos, pero son estimados e atendidos polos seus lectores por esa tenra impostura (de ser esta mentira) da veracidade. Trátase de blogs coma A raíña vermella, Apocalipse do porco (un dos máis lidos na rede), Beliscos pequenos (co peculiar desenfado de Besbelliña), Fíos invisibles (no próximo lonxe de Bos Aires coa voz de Debora Campos), Bouzafría, Leoeoseus ou Verbas, nos que prolifera o comentario despreocupado, cheo de liberdade, sobre a realidade cotián, e que contribúen de forma decisiva á extensión imparable desta impúdica blogoleria.
Con impronta desigual, o mundo educativo comeza a abrirse a este formato de visibles vantaxes interactivas, alomenos no seu emprego coma un servizo á comunidade. Desde unha biblioteca universitaria, coma Anabande, ata unha librería de barrio, coma Azeta Librería, ou desde un instituto coma o constante Trafegando ronseis, ata lugares de promoción lectora como Espazo Lectura, o modo do blog imponse pola súa inmediatez e pola súa capacidade case inmediata de desposta neste ámbito. As queixas sobre o pedestre e elemental do sistema de anotacións, sobre todo para quen esixe unha maior liberdade formal, son innecesarias neste terreo, xa que unha boa disposición dos enlaces e da información que fornece resulta máis ca suficiente.
As artes visuais non poden faltar no blogomillo. A banda deseñada ofrece un completísimo panorama, coa Revista retranca (creada por Kiko da Silva), que simultanea a impresión cunha vida virtual activa, e con blogs persoais como Paxarada ou As ovellas eléctricas como especial punto de referencia para os amantes do cómic. O cinema tamén constitúe tema principal do blogomillo, ben coma esporádico recurso nos blogs de carácter cultural, que permite dar voz aos espectadores ocasionais dos filmes, ben coma principal materia a través das anotacións fascinantes de Cinema Friki ou a través das críticas de Martin Pawley no imprescindible Días estranhos, unha fonte extraordinaria de información cinematográfica en Galicia.
A música ocupa un lugar moi destacado no blogomillo. O blog da plataforma A Regueifa é arsenal de grupos e escaparate das novidades musicais galegas. Os cadernos musicais de Projecto Mourente (Prosciutto Mourente), de Ataque Escampe ou de The Homens son complemento esencial das súas actuacións, sen darmos ao esquecemento as infinitas páxinas de myspace doutros moitos grupos que propagan así as súas músicas. Sen o concurso dos novos modos de comunicación interneteira, o aprezo e a singularidade deste aspecto da cultura ficaría arrumbado aos recunchos das miles de salas deste país: o soporte amplifica e constrúe un esceario complexo de afinidades e ambicións artísticas.
Deste fenómeno a plataforma Blogaliza establece un ránking. No vértice desa lista de éxitos, atópase O blog de Andrés Milleiro, que ten nas propias tecnoloxías e nas novidades da rede o seu principal tema. Iso tamén explica que outros blogs coma Marcus.es, Berto ou Galpón de Breogán, que se nutren da propia materia redeira e nacen fundamentalmente do mundo xornalístico, sexan uns dos máis seguidos. E que deles xurdan (con Berto Yáñez como propulsor) algunhas iniciativas case de mancomún, en forma de redes sociais ou de promoción de noticias relativas ao ámbito galego como Chuza!, onde todas estas manifestacións atopan unha especie de feira multitudinaria das letras galegas.
Facebook, Messenger, Tuenti, o citado Myspace e Foros de toda caste lindan con este mundo dos blogs e nalgúns casos parecen últimamente ultrapasalo. O tempo dirá, mais o que hai un par de anos –este recoñecido blogomillo, ao que deron por morto varias veces- semellaba un espazo alternativo á cultura máis tanxible (en termos de papel ou de presencia física) hoxe é, en moitos casos, a única e máis visible mostra da enerxía cultural dun país. Hoxe, o que non está no blogomillo (como anotante ou participante, que para o caso é o mesmo), sinxelamente non está. Ou non é.
11 commenti:
Gracias por transcribir (que si que é un coñazo, pero que satisfeito queda un) tanta letra porque eu esquecín mercar o Xornal de Galicia o sábado. Un bico grande, enorme, que encha o que queda do 2008 e o 2009 que ven :)
Digo o mesmo que Besbe: obrigado pola transcriçom. A verdade (já o digem na de Lándoa) é que o web do Xornal é do piorcinho que há na rede, e que nom se podam consultar os suplementos (a estas alturas...) é pouco menos que increível. Em fim...
Eu, por acrescentar, boto em falta que fale dos blogues de temática "filhos/as e criança" (por dizer-lhe de algum modo): para mim som de consulta practicamente diária O Bló de L&M, ou o blog dos pelachos.
Bom ano!
Vaia choio! Seu coñecido esqueceu referirse, aínda que fora de esguello, a vostede. E foi unha mágoa porque xa sabe aquilo de verba volant, scripta manent.
Que o vindeiro ano sexa mellor que este que xa, por fin, nos deixa.
Apertas.
Unha aperta e que sigan neses seus blogs dando caña.
Voulle falar a este amigo de todas estas eivas, que son moitas. Faltan mencións aos blogs de asociacións de veciños ou de concellos determinados (penso no Amicus de As Pontes ou no de Cambados, que case van á cadea), aos de artes plásticas (que non sei por que non os puxo: para min que non lle chistan moito), pero o máis imperdoable foi non mentar o fodemillo, aínda que ten excusa: desapareceu do mapa, a verdade. Tamén é verdade que faltan os de colegas e amigos e amigas máis próximas: é un pouco escrupuloso de máis con estas cousas. E non crean que non lle causa problemas. Conmigo polo menos vai telos: pénsollo recriminar. Pero hoxe non. Máis adiante. Hoxe é para preparar a cea.
Debería ter unha conversa con Candelas e cantarlle as corenta.
Graciñas enormes, inmensas, transoceánicas!! Foi un coñazo, dende logo, pero cando menos para min foi a única maneira de lelo. Grazas moitas e moitas!
Que boa nova para comezar o ano. Primeiro darche as grazas pola transcrición que é un traballo realmente pesado. A verdade é que é moi molesto que non colguen os especiais na rede.
Haberá que seguir demostrando que o blogomillo non morreu.
Saúdos.
O Candelas debe ser un namorado da Lourixe, a Lourixe é unha excelente foreira, das mellores que teño atopado na rede galega, e case seguro que unha grande persoa, pero o seu blog non é para nomealo entre os blogueiros galegos, pois chantosnachaira case que non é tal blog, supoño que por falla de tempo, sei que Lourixe pode facer o que se propoña pero o blog tenno semiabandonado, é ou non é?
Unha aperta para Lourixe e outra para o Candelas, sempre gusta ver que o amor e a amistade transforma a visión do mundo.
Ligazóns xa, pf!!
(En nove horas teno listo).
Eu tamén quero agradecerlle a referencia exhaustiva do artigo. O seu esforzo e a súa perspectiva, Arume, deitan un aroma a piñeiros que o Blogomillo debe agradecer.
Que teña un bon ano 2009
Who knows where to download XRumer 5.0 Palladium?
Help, please. All recommend this program to effectively advertise on the Internet, this is the best program!
Posta un commento