Caxigalines nella Reguera'l Campizu

28 gennaio 2009

CARPE NOCTEM, LUCÍA NOVAS



Outra casualidade, producto da promiscuidade feisbúquica, fai que lembre a Lucía Novas, unha poeta que coñecín como transportadora de bártulos pola fft hai xa algúns anos. Atopeina por esa feirabú estes días e trouxen á memoria algúns versos que lle lera como gañadora do premio de poesía da universidade. Había tempo que non sabía nada dela e agora sei das súas veciñanzas polo lérez. Pero, como con Aurora Luque, un poema vale máis ca mil palabras:

OUTÓRGAME fértil olor a espiga, sabor extremado

e ardente.

Rógoche ofrenda de humidade e terra, laranxas

caídas, figos

e cipreses, boca entolecida

na frescura.

Entrégame tempos, esporas de fentos

na tardiña,

presaxios de natureza vizosa e ricaz, bandoleiros salvaxes.

 Outórgame dondo leito de plumas e folerpas,

mazás de ouro, firmamento lixeiro.

 Rógoche estepa inabarcábel, ventos

que percorran os brazos (cabalos a galope,

eguas desbocadas),

lirios turbadores, présas terríbeis, madeiras

secas

que ulan a deserto,

bóvedas subsaharianas e latexantes.

 Ai, as orquídeas que provocan! Ai, esas

herbas que danzan!

Ofrenda de corpo e neve: último suspiro

(a intimidade absórbenos).

 

                            II

 

ÉRGUENSE as flores fortemente almiscradas,

adivíñanse labirintos,

dédalos luminosos e atraentes.

 Procuras espigas de trigo; procuro

na sensación a lingua voluptuosa (uvas

nos outeiros, lumes sobre os lombos).

 Os dedos intérnanse en xeografía salgada

e áchanse mirtos delourados, meles silvestres

en seos exquisitos.

 Reméxense nos corpos as terras antigas e esquecidas,

a vizosidade incríbel,

os socalcos fresquísimos

das puzas e as palmeiras.

 Ai os fentos que se axitan no teu torso cultivado!

 Procuras vulva de sal e vento, augas

escorrendo do delta, braña luminosa.

 Penetras por territorios inexplorados,

viaxas ata as tundras do corpo que insinúa,

lévasme por carreiros, tornas estes espacios

en estepa infinita.

 Ai, o ventre en que xorde doce flor de fariña!

 As alturas provocan unha luz que se verque

e agroman de socato suestes entre o trigo.

1 commento:

Anonimo ha detto...

Agora que sonsaca vostede tanta popa, vénme á memoria algo que nos berraba un profesor de ximnasia da vella escola, un tipo duro, case tanto como o férreo Eastwood. Dicíanos. A pouco que un remolonease saía o brado: "Te voy calentar los glútidos". Sempre imaxinei que o lapsus viña de telos el algo lípidos, ou grasos, cousa que non acontece coa xente ociosa que estes días nos presenta vostede en decúbito non tan prono.