Caxigalines nella Reguera'l Campizu

7 gennaio 2009

SAVIANO: ANCORA VIVO


O libro de Roberto Saviano, Gomorra, é extraordinario. Resulta moi difícil destacar algo da súa complexa descripción do fenómeno da camorra, pero parece evidente, á marxe das numerosas historias exemplares, insólitas na súa crudeza e impiedade, que Saviano non desvela nada que non se saiba de forma clara e evidente. Gomorra non denuncia, non proporciona nomes ou datos descoñecidos á opinión pública. Saviano emprega a documentación xudicial como soporte do seu retrato: recorre aos relatorios, aos sumarios, ás declaracións incluidas en miles de follas de varios anos de pescuda criminalística, para (tentar) comprender todo. Coñecer, mirar, como a muller de Lot, como vai caindo o xofre e o lume, mesmo baixo a advertencia e amenaza de convertirse en estatua ou cadáver de sal. Pero obrigado pola necesidade de pintar ese mundo arbitrario, en tantas cousas incomprensible. 
O libro comprende narracións de asesinatos ou masacres, contadas con limpeza e sobriedade deliberadas, observacións agudísimas cun esforzo de análise miudo, lonxe de toda demagoxia e simplificación convincente, descripcións de espazos inhóspitos (eses non lugares da periferia napolitana de naves e almacéns) trazadas con rigor case hiperrealista, consideracións apenas debuxadas sobre a magnitude do crime ou a profundidade da ruina. Gomorra pode parecer a demorada pintura dunha destrucción, dun proceso irreversible de descomposición, limitado á Campania, pero tamén é, sobre todo cando un vai rematando o libro, o retrato en plano xeral e panorámico dun país completo. A historia dos empresarios vénetos que aforran no tratamento do refugallo industrial coa axuda dos camorristas que cobran infinitamente menos ilustra a dimensión da catástrofe.
Saviano pode non ser un heroe (el así o declara), pero a súa ollada na contraportada do libro merece o noso recoñecemento, a nosa admiración. A miña polo menos aquí queda.

A foto é do Teatro Farnese no Palazzo della Pilotta de Parma.  

1 commento:

Ana Bande ha detto...

Certo. É un libro extraordinario. Como fonte documental de primeira para coñecer a realidade da camorra, xustamente pola concorrencia da información "oficial", tan fría, inabarcabel...e a aportación do autor, literatura de fígado e carne, (VilaMatas dixit) que eleva este macroinforme á categoría de texto literario. Agasalláronmo e tamén o merquei para varixs amigxs...boa crítica, coma sempre.