Caxigalines nella Reguera'l Campizu

25 gennaio 2009

GUIRRE, A GUIRRE


A cousa non é de rir. Segue esta semana a narración do chamado Aguirregate. Á marxe de que os xornais dosifican as noticias para manter a tensión e gañar cartos durante máis tempo, o que parece cada vez máis evidente é o cheirume podrecente que emanan as novas revelacións. Polo de agora, só unha risa displicente do ministro do Interior e unhas palabras altisonantes do escandalizado portavoz do PSOE serven de recepción política do sucedido. Supoño que por que ven que a cuestión se libra nos intestinos do partido rival e prefiren que o sangue sexa expulsado por eles mesmos. Creo que obran mal. Deberían ir, sen contemplacións, directos á iugular, como fan, por certo, os xornalistas do diario Público, que parecen querer rematar a faena do desvelado polo diario afín e ao tempo enemigo de EL PAÍS. Deberían pedir demisións ao máximo nivel, trabar e non soltar durante meses ata que ese miserento comportamento (agora probado con evidencias, pero suxerido durante tantos años) sexa castigado nas urnas e moi probablemente nos xulgados. Non é cuestión intrapartidaria: é infamia que afecta a todo o mundo.

Nota aberrante: a min fáiseme realmente insólito que uns tipos que visten como visten (e perdoen este comentario) non sexan sospeitosos e non sexan detidos ipso facto. Por se acaso. Xa sei o de inocentes ata que se demostre o contrario, pero é que levan o delicto na cara.
 

7 commenti:

Anonimo ha detto...

Por outra banda, se é certo que os "axentes" de Granados tiñan, entre outras "misións", a de confeccionar dossieres comprometedores para os rexedores corruptos do PSOE, e se tales informacións existen efectivamente, é obvio que o deberan poñer en coñecemento dos xuices e fiscais de xeito inmediato. Hala, así, de paso, merda para todos. A ver se se lle borra tamén a risiña raposeira ó Pepiño.

Qué contraste entre as presuntas alturas de mira propias da obamanía e as mesquiñas e trangalleiras intrigas de medio pelo dos mediocres que gobernan aquí.

Anonimo ha detto...

Intuio que todo se queda dentro do ámbito do PP, e se acaso con lixeiras conexións superficiais para o PSOE.
Tamén lles digo que se hai espionaxe, e non hai denuncia, como ao parecer pasa, todo se acabará arquivando.
Sospeito que detrás de todo esto está a pelexa Aguirre vs Gallardón, pola irremediable sucesión, cabendo incluso a posibilidade de que non estén eles enterados directamente e sí cargos intermedios.

Anonimo ha detto...

Pois a min paréceme que unha das manifestacións máis noxentas da capacidade de intriga deses grandísimos histrións que son os politicos profisionais non é outra que a de non dárense por enterados do que non queren, botando man do seu proverbil cinismo. Creo que os chefes (os "padriños") estabelecen os "obxectivos estratéxicos", asesorados convenientemente polos seus "consiglieri", pero sen se meteren nas lameiras da eleccións dos medios acaídos, que corresponde ó personal subalterno e prescindible. É dicir, o que mancha as mans. Non é nada novo: sen remontarse máis atrás, disque xa o de Meirás facía a vista gorda ante as corruptelas e negocietes (ou negociazos) dos seus altos cargos, pero estaba ó tanto de todo e mesmo usaba esa información esporádica e dosificadamente, para descabezar a quen consideraba oportuno no momento preciso. Sinceramente, quen coñeza mínimamente a psicoloxía política (é dicir, a psicopatoloxía dos políticos profisionais) non creo que poida pensar seriamente que é doutro xeito.

Anonimo ha detto...

Por certo: con independencia de que haxa ou non denuncia de parte, pode ocurrir, segundo a Lei de Enxuizamento criminal, que o fiscal a formule ou que un xuiz competente decida actuar de oficio. O cal non quere dicir que o asunto non poida ser arquivado de todos xeitos, claro está.

Anonimo ha detto...

Meu querido cäesemdono: se o delicto de que se trata é contra a intimidade e a propia imaxe, só se pode perseguir se media denuncia previa ou de parte agraviada ( art. 201 do Código Penal).
Se como supomos se espían os do PP entre eles, desaparece a perseguibilidade polo Ministerio Fiscal, xa que quén podería denunciar sería precisamente o PP.

Anonimo ha detto...

Amigo Iacobus: ten vostede parte de razón, pero permítame un importante matiz. O mesmo artigo 201 do Código Penal, no seu apartado 2º, exime da necesidade de denuncia de parte no caso do delito previsto no art. 198, é dicir, cando as conductas propias do descubremento e revelación de secretos son executadas por autoridades ou funcionarios públicos fora dos casos previstos na lei, sen mediar causa por delito e prevaléndose do cargo. Creo que todo apunta a que poderían ir por aí os tiros. E aparte, claro está, que á vista dos feitos nos atopemos cun concurso de varios delitos, consumados ou mesmo en grao de tentativa, e de natureza non necesariamente privada (por exemplo, violación de morada, amenazas na modalidade de chantaxe, denuncia falsa, etc., etc.). Tamén é máis que posible que o espionaxe afectase a terceiros alleos ó PP (os alcaldes eses corruptos do PSOE). Xa o iremos vendo (ou non).

En fín, o demo que os coma e os confunda a todos eles.

Uma apertinha!

Anonimo ha detto...

A min se uns dos do PP espían a outros, dáme exactamente igual (problema do PP, que nin é o meu partido nin me representa en Madrid).

E todos os meus parabéns ao "El País" por sacar adiante este tema. Non hai mellor maneira de facer que a xente non mire o que está a pasar diante dos ollos que publicando unha de Mortadelo e Filemón todos os días. Coma se iso lle importase aos cidadáns (e non a crise).