Utilicei o tren para vir de Santiago a Vigo. Tardei unha hora e vinte minutos e iso que paramos máis da conta para o meu entender: deixamos pasar outro en Chapela e fomos a modo por Pontecesures. Pero é doado facer o recorrido nunha hora longa de traxecto. Por suposto, cómodo a máis non poder.
Cando empecei a utilizalo na década dos oitenta para facer Vilagarcía-Santiago descubrín que funcionaba cunha eficacia moi notable e que resultaba especialmente útil. Co tempo, deume a impresión de que se estancaba, aínda coa melloría constante que se podía advertir en comodidade e rapidez. Os comboios de hoxe son excelentes: limpeza, cuidado, confort son indiscutibles. Tamén é certo que pasa pola zona máis densamente poboada de toda Galicia e, polo tanto, unha sensación de estar a utilizar un metro ou un tren de cercanías é inevitable.
Por iso parece mentira que en todos estes anos de goberno autonómico nunca lles dera por promover unha empresa pública de tranporte ferroviario (fago aquí xa o concurso para o nome) que colocara vías (e falo do que mellor coñezo) no Salnés (Vilagarcía-Ogrobe-Pontevedra), no Morrazo (Marín-Bueu-Cangas-Moaña), na propia ponte de Rande, de Vigo-A Guarda. Sempre pensei (sobre todo cando collía o talgo para Madrid) que a Porriño (e mesmo ao centro da vila, cun soterramento das vías), con todo o rodeo que parece que damos, se pode chegar nun cuarto de hora cun tren máis ou menos veloz. E o mesmo se podería dicir da poboación de Vigo ou de Redondela (sexa centro ou sexa Chapela) que podería empregar esa liña con maior frecuencia para ir e vir con total comodidade. Os apeadeiros que vemos ao pasar piden ser utilizados como ocorre co Euskotrén ou coas cercanías admirables e exemplares da Asturias central.
Creo que o abandono do tren non se mide pola demora na entrada do AVE ou pola lenta renovación dos materiais existentes, senón pola ausencia de redes viarias para satisfacer ás zonas máis poboadas de Galicia. Unha liña norte-sul, moi necesaria, debe ser complementada con outras moitas redes adicionais que incrementen o uso e a eficacia: a audacia e a vontade políticas para crealas son a obriga irrenunciable dun goberno que pense nos seus cidadáns.
12 commenti:
vigo - ourense: 2,5 horas. En efecto faise necesaria a mellora das liñas
betanzos - coruña: 40 minutos no mellor dos casos.
distancia en liña recta: 18 km.
Arume falou. E falou ben.
A ministra Álvarez non sabe o que significa "románticos" e non sabe nada de case nada.
Digo eu, que non o sei: custa máis facer un km de vía de tren ou de autovía, incluindo o tren? Porque se custa menos o tren non vexo razón para que no haxa trenes a mazo.
Outro método: este ano rematan a autovía Ferrol-Vilalba. Ao mellor tampouco era para tanto aproveitar e facer un trazado válido para ambos transportes e reservar algo do ancho para meter unha/s vía/s en paralelo. Ao mellor enchíamos de vías Galicia cun custe moi reducido.
Non sei. Se alguén pode dicir porque non, que o diga, por favor.
Vexo varios motivos que dificultan a implantación do tren en Galicia, mesmo de liñas de cercanías, ademáis do desleixo dos distintos gobernos:
- Non son un experto pero creo que vale moito máis facer un km de vía férrea que de autopista/autovía.
- Galicia ten a poboación moi espallada en pequenos núcleos, mesmo en áreas próximas ao eixo ferroviario Santiago-Vigo, así que é moi facer que o tren pase por todos os sitios. A liña que hai hoxe entre A Coruña e Santiago non para en Ordes
- A orografía: o tren non pode discorrer por pendentes e facer túneles é moi custoso. Por iso o tren entre A Coruña e Lugo da un rodeo quenindiola á altura de Curtis.
- A propia paisaxe humana que rodea as urbes (nomeadamente Vigo) dificulta moito facer unha liña férrea. Alí a ocupación do espazo é total. O tren non o quere ningún concello cerca a non ser que vaia pasar por alí. As autoestradas quérenas todos.
Resultado: a día de hoxe, o cativo mapa do ferrocarril galego é moi semellante áo dos anos 40.
http://www.acafcompostela.es/acaf/?q=node/31
E o aproveitamento intelectual que o Arume ten feito da tardanza de tantos anos, que, acaso non conta? E os momentos de disfrute lector que ten pasado neses minutos de mais, que, quen llos quita de enriba? Onde foi se non que naceu o seu amor literartio por Vargas Llosa? Cantas veces, o noso home no tren, e cun libro do peruano nas mans, lle pediría aos Deuses do Tempo Lento que se demorasen un chisco mais para rematar o capítulo que ía lendo. Que sería do Arume sen eses trens de tardanza.
Se Arumes ten amor literario por Vargas Llosa, eu apéome deste tren defecating hostias. Aviso.
Sr. Swann, é certo o que di. Engado: teño observado que cando a xente critica o transporte público (incluindo o tren) é porque non pasa xusto por diante da súa casa e xusto á hora que o necesita. Non importa que haxa 20 buses ou trenes ao día entre A e B: eu, no coche, saio da casa ás 7 para estar no choio as 7:30. Como o bus non para debaixo da miña casa nin diante do choio, e inda por riba teño que coller o que chega alí ás 7:10 para que me de tempo a chegar (o seguinte chega ás 7:25 e a pouco que se retrase e como teño que ir da parada ata alí andando...), pois teño que sair da casa as 6:40. E non.
Iso funciona nas grandes urbes, onde hai centos de miles, senón millóns de persoas, que, literalmente, non poden chegar cos seus coches diante do choio, onde os atascos son monumentais e hai que saír da casa sempre media hora antes (mínimo), e etc, etc... Ao final compénsalles, en tempo e comodidade, coller o transporte público. Aquí, en Galicia, só un tanto por cento moi pequeno da xente ten eses problemas. E o coche é o rei.
O nivel de lectura en países que teñen tren é infinitamente maior, malia ter que ler a Vargas Llosa. Que non é o meu escritor favorito nin de lonxe, pero sempre cumple. Un probo literato, se me permite a analoxía co funcionariato. Un autor eficaz.
Nota: o que me chama moito a atención é que, debido ás súas posicións ideolóxicas, moitos non acreditan na súa literatura. Nun Saramago vs. Vargas hipotético sempre gañará Saramago. E supoño que non por razóns estrictamente est(éticas).
Carallo, Arumes, falou ben ata no de Vargas Llosa, que escribe ben aínda que sexa personalmente... mmm... como é.
Sobre o do tren: eu non me creo que sexa máis caro un km. de vía que de autovía, e sospeito que o abandono do ferrocarril ten máis que ver con provocar gastos e non afogar mercados (de combustible e veículos) que con costes reais. E o da presunta rapidez do coche respecto ó transporte público nas cidades...
Pero, máis alá das cidades: que en lugares onde existe a infraestructura o servicio sexa cada vez peor (máis alá de Betanzos estamos os de Oza, aínda máis lonxe) e nestes catro anos non se fixese nada por melloralo, paréceme fondamente lamenteibol. E claro, se poñemos as frecuencias que hai, eu tampouco monto no tren nin nos buses, Turmano...
Pois logo díganos quen son os seus escritores favoritos, aparte de Quevedo. Con que nos diga tres, conformámonos. Procure escoller con tino, que Turmano ameaza con baixarse na próxima estación.
Canto cobraría por semellante declaración?
En Vieiros tratan hoxe o mesmo tema.
r.r.: "E claro, se poñemos as frecuencias que hai, eu tampouco monto no tren nin nos buses, Turmano..." A iso é ao que eu me refiro: a frecuencia precisa para facer uso do transporte público, cal é? A que eu digo: a que lle permita a vostede ir a Betanzos, Lugo ou Coruña e dar a volta xusto cando vostede quere ir e dar a volta. O que pasa é que o seu veciño quere ir a outra hora e o de máis aló tamén. Para que todo o mundo vaia á súa hora precísase unha frecuencia de metro xaponés: continuamente. E iso está moi ben. Pero para que sexa rentable hai que encher os vagóns, e moito me temo que na liña Betanzos-Coruña, por exemplo, non vive xente suficiente como para que saian buses cada, digamos, cinco minutos. É así.
Os gustos literarios do Arume son amplísimos e variados. Eu fago unha aposta (ventaxosa, aviso): ademais de Quevedo: Borges, Ibañez (Blasco non, o de Valor y al toro) e os artigos de fondo da Playboy.
Posta un commento