Caxigalines nella Reguera'l Campizu

31 marzo 2009

FRATERNIDADE COMPULSADA

A medida que vai pasando o tempo vou comprobando a miña incapacidade de someterme a unha especie de convivencia social artellada sobre consensos miles e sobre renuncias aínda máis numerosas. Teño a teórica aprobada nestes casos e mesmo teño feitos varios másteres en acordos, tolerancias e compromisos a varias bandas. Tamén é verdade que fixen prácticas en negociacións e concordancias, e sempre que puiden alonguei brazos para acadar tratos e achegar digamos posturas sen temor ao chiste doado. 
Pero duns anos a esta parte, toda intemperancia é pouca, a piques case sempre da irritación aínda que sexa íntima. Non acepto con facilidade o cambalache do nothing for money, a farsa autoenganada do insolente secolacolou, o teatriño agochado do quehaidomeu, a solemnidade didáctica da miñaleiriñaquenonmatoquen e ao cabo a indecente palinodia de tesrazónpero.
Ás veces, a irritación non é tan íntima e ouveo. Ouveo coa (que creo eu que é) ironía que non impido que morda, co indisimulado desdén evitable que me perde (xa sei) soberbio. 
Non me arrepinto, pero hai algo que xa non me entra, que non estou eu xa para estas pamemas de amor universal e de fraternidade compulsada.       

2 commenti:

SurOeste ha detto...

Fraternidade convulsionada, Arume.

xOsse dorrío ha detto...

Descoñezo si existe un termo intermedio xa que, para min, nesta vida só se pode ser e/ou actuar de dúas maneiras: dende a posición sumisa e caciquil da ampla sociedade galega ou dende a reinvidicativa e rebelde dunha minoría da mesma.