Caxigalines nella Reguera'l Campizu

24 maggio 2009

BARES DE VIGO: CASA PEPE DE JUAN


Un dos locais que primeiro visitei recén chegado a Vigo foi un restorante con apariencia de furancho da avenida de Madrid. Era xuño e o tempo cálido de case verán convidaba a tomar unha caña ao aire libre. Aquel sitio tiña un emparrado sobre mesas de pedra e formaba parte da sólida tradición viguesa do ghalpón acondicionado para a molicie e o ágape. Levaba pouco tempo na cidade, pero aquela mostra de casa de campo en mitade dunha cidade (o balbordo da estrada para Madrid contaminaba o espazo) resultaba estraña: logo comprobei, con visitas a outros lugares semellantes nese territorio fronteirizo que os urbanistas chaman, con perdón, perirrural, que era unha das súas marcas irrenunciables. 
O lugar chamabase e chámase Pepe de Juan. Agora está a carón da horripilante estación de autobuses (u-lo arquitecto?), que antes non existía, nun entorno escasamente amable pola proximidade dunha ampliada Avenida de Madrid. O acceso desde san Roque dá a apariencia de estarmos nunha vila pequena, case recoleta. E así tende a crelo o visitante que desexa completar cunha localización fermoseada a espléndida comida que alí ofrecen. 
Porque diso se trata: de gozar, baixo a parra ou dentro ao lado da cociña, dun xantar clásico, sen estridencias, cos mellores productos deste paesino. Hoxe comimos empanada de xoubas e de zamburiñas (sen tacha: e iso para min xa é un mérito nesta terra de miles de empanadas de pacotilla), un polbo/pulpo de primeirísima calidade (xunto co do Llogo, alto de san Cosme, dos mellores de Vigo), puntillas (que eu non sei se son moi legais: aproveito para preguntar) exquisitas, e xarrete finamente estufado. Hai, como especialidade, outros guisos mariñeiros, así como peixes preparados case ao natural, sen ornamentos prescindibles, que, xantados noutras ocasións, avalan o prestixio dos seus servizos. O servizo (os manteis de papel son  unha praga imposible de exterminar neste país: cando rematará esta peste?) é completamente familiar, pero, a pesar do risco que ás veces isto conleva, resulta case admirable. O café non está nada mal e o prezo, moi axustado ao nivel de grande calidade do que aparece na mesa. 
A compañía de hoxe, extraordinaria e incombustible, permitiu desfrutar do que sen ningunha dúbida é un dos clásicos inescusables de Vigo. 

FOTO: a falta de fotos do lugar, este anaco do skyline de Bouzas.

1 commento:

herba ha detto...

Certamente recomendable. Tamén foi un dos primeiros lugares ós que me levaron a xantar estando eu recén aterrrado en Vigo. Suscribo íntegramente a reseña. Parabéns.