Caxigalines nella Reguera'l Campizu

3 luglio 2009

AZAÑA SEGUNDO JULIÁ


Lin con moita atención o libro de Santos Juliá sobre Azaña. É unha biografía extraordinaria. Prolixa nas análises dos discursos máis célebres de Azaña e de certos textos que semellan fundamentais na traxectoria ideolóxica azañista. Subtil no desbroce dos paseniños pasos de Azaña desde o reformismo de Melquíades Álvarez ata o esquerdismo republicano de ultima hora. Exhaustiva ata límites extremos na descripción da súa actividade de axitador intelectual e político no Ateneo. Profunda no minucioso exame da intimidade solitaria dun home que cre na palabra que constrúe unha res pública. Limitada, no entanto, na apreciación de certos fitos da súa cronología: demasiado extensa na descripción da súa etapa de formación bachilleril ou na súa relación contradictoria co mundo relixioso, insatisfactoria por escasa no relato de casas viejas, da revolución asturiana de 1934 ou da súa visión demoledora de Companys ou de Aguirre, desilusionante por nula na referencia das viaxes e estadías de Azaña na Coruña (ou polo norte de España) durante varios veráns. Creo que voluntariamente desleigada na narración das miudenzas domésticas ou sentimentais; apenas medio bosquexo das súas relacións amorosas (abandonadas despois dun algo morboso relato de mocidade), nin siquera un breve e necesario, ao meu xuízo, retrato da súa muller ou dos seres máis próximos (a insinuación dunha relación homosexual con Cipriano Rivas queda, malgré tout, inconclusa), sobre todo a medida que avanza o libro e a vida turbulenta, axitada e crítica da República remata por anular case toda a vida íntima que puideramos intuir. Amósase, ao cabo, irregular nalgúns tramos: preponderante sempre a voz política, coa correspondiente presentación das súas circunstancias (para min fascinante o detalle sobre os seus mitins multitudinarios nas prazas de touros de Bilbao,Valencia ou nas Ventas, con xente que acode desde todos os lugares xa de mañán e que enchen ata a bandeira os recintos para escoitalo en silencio), pero mitigada a súa pegada introspectiva, agás nos casos en que describe diarios ou notas persoais.  
O libro de Juliá resulta interesantísimo para dar conta da personalidade política de Azaña. Se cadra polo propio poder de fascinación intelectual que emite o personaxe e que remata por superar todo o demáis. En perspectiva, a biografía, que ao comezo se detén en particulares episodios da súa infancia aos que se lle outorga natureza epifánica, faise aos poucos unha paráfrase (engaiolante, sen dúbida) do seu discurso intelectual, cifrado en textos escritos para a conferencia, o mítin ou o debate parlamentario. Dá a impresión de que a Juliá lle seduce en exceso o poder que Azaña supón na construcción retórica e verbal dun mundo político. E, polo tanto, fica seducido máis polas propias palabras de Azaña ca pola propia acción política, que pasa, sen pretendelo probablemente, a un segundo plano. Tal seducción (ou abducción, segundo os pasaxes) advírtese, non sempre con éxito, na apropiación estilística de Azaña. Juliá sempre é moi cuidadoso con este aspecto (subxectivador e case literario) da figura do historiador: a súa vontade de estilo é evidente, pero ás veces, a cercanía con Azaña pásalle factura. Non me resisto a comentar que hai pasaxes nos que a paráfrase chega a fundir estilos ata o punto de que o lector ignora (por pouco tempo, iso si) se transcribe ou escribe Juliá sobre Azaña. 
A min esta opción paréceme moi lexítima e fíxome pasar uns momentos especialmente intensos, pero tamén teño que recoñecer que ás veces prefería que unha persoa feramente humana coma Azaña fose descrita na súa intimidade curiosa e amable, tal e como os seus diarios revelan en moitísimos casos.  Juliá preferiu o homo politicus antes ca outros homines: admitámolo como punto de partida e procuremos tras este primer grolo gorentoso as obras de Azaña para poder compoñer (ao aire e ao albur dunha vontade propia) o retrato completo. Nisas estamos.   

3 commenti:

bouzafria ha detto...

Magnífico foi o artigo de Santos Juliá o 21 de novembro de 1994 en El País, ridiculizando a Jiménez Losantos ao demostrar que este último plaxiou páxinas enteiras das memorias de Cipriano Rivas Cherif para facer un libro sobre Azaña.
Outra cousa son as consecuencias: o plaxio, ben o sabe Ana Rosa Quintana, non leva penitencia posterior.

carrascus ha detto...

“Hoy he visitado la casa de mis mayores por cumplir el deseo de presentarme ante los graves y melancólicos espectros que vagan en la mansión abandonada. Un prurito irresistible que sentía de evocar los días de mi infancia está satisfecho, y unas horas he gustado el amargor de mis recuerdos, viviente revoltijo de lágrimas y delicias”

Así comezaba a novela que Azaña escribiu aos 24 anos e nunca se atreveu a publicar. Cipriano Rivas dicía que Azaña pedía que non se tomase ao pé da letra que o protagonista dos seus escritos era él, polo feito de non poñerlle un nome ficticio ao personaxe (ou algo polo estilo...). O personaxe desta novela si tiña nome, Jerónimo Garcés, pero se en realidade hai algo de biográfico xa no que escribía Azaña a esa idade tan nova merecería moito a pena que Juliá (cuxo libro debo dicir que non lin), como di vostede, centrouse máis na parte humana del que na parte política.

E falando do tema, e como sé que vostede ten contactos coa Universidad de aquí abaixo, mire a ver se pode atopar (se é que non o coñece xa) o libro que en 1.979 escribiu José Montero, "El drama de la verdad en Manuel Azaña", que publicou la Universidad de Sevilla.

arume dos piñeiros ha detto...

Moitas gracias por estes dous apuntes. Lembro moi ben o primeiro e estou de acordo en que todo quedou en nada. O segundo procurareino canto antes.