Caxigalines nella Reguera'l Campizu

21 luglio 2009

OS TRIBUTOS


A diversión nunhas festas, pasada certa idade para disfrutar dos carruseis, non adquirida a imprudencia temeraria necesaria para subir a saltamontes e breakdances e a ausencia de serios contricantes, pernas mediante, nos coches de choque, cífrase na contemplación atenta das orquestras e, en segundo termo, dos grupos, grupiños ou cantantes de moda que acostuman a marcar mesmo as festas. Quen non lembra o ano que chegaron as Azúcar Moreno ou Marta Sánchez ou Víctor Manuel en retirada? Quen non lamenta aquela friaxe con Cómplices e apenas cincuenta persoas nun lameiro no que agromaba unha xeada en pleno xullo? Ou aqueloutra de Regina dos Santos, cando bisbarra enteira, incluidas parroquias de provincias alleas, se aproximou por ver se era certa?
Este ano había grandes expectativas: unha actuación do novo grupo (sempre potente, duro, sexualmente desbordante) do meu irmán, Que cunda o pánico (con lixeira tendencia ao funky que se agradece tras unha perturbadora por perigosa deriva mikerivereña: o único, por outra parte, vangardista grupo trilingüe, incluso dentro dunha mesma canción); a delirante confusión de voces desgarradas e guitarras (demasiado melódicas, segundo retranca fraterna) do trash metal de Raze; a interesantísima posta en escea do grupo de Rap de As Pontes (Poblado do Barreiro, hors categorie) Ogmios, uns rapaces que riman con especial enxeño (eu quedei abraiado ao escoitar Góngora e Quevedo na canción) e cun excepcional sentido do ritmo; a magnífica (de menos a máis) actuación de Burning, incendiaria, cun cantante en estado de boa esperanza (froito da liquidación de lúpulos) e uns músicos que poden tocar en calquera estadio do mundo sen nengún tipo de complexos. Tras eles, varios grupos máis, xa a horas tan intempestivas que pechaban mesmo os toldos (por certo: magnífico servizo de catering en vasos de plástico) e os ollos do batería, por moita Locura que lle botaba. O dos horarios dos concertos convén revisalos de cando en vez. Digo eu.
Ao día seguinte, tocaba a Sintonía de Vigo, unha orquestra clásica entre as clásicas, que demostrou, ao meu ver, unha categoría por riba da media, pero ofreceu un repertorio insulso, plagado de mixes de cumbias, merengues e salsas con mecánica indiferencia. Só a contemplación dalgunhas parellas, expertas no baile, parecía animar o frío da noite. Neste punto quixera facer notar unha constante no público asistente, desde que eu teño uso de razón en As Pontes: a frialdade monumental, que non sei se debe a idiosincrasia de xente demasiado afeita ao nordés xélido ou ao severo xuízo ao que someten ás orquestras que visitan aquela vila. A estampa de decenas de parellas, cos brazos cruzados, a faciana seria e a ollada fixa nas luces do esceario, sen apenas un aceno de entusiasmo, debe sorprender á máis animada troupe de músicos que veñen dar o espectáculo. Ben se ve nas insistentes e inútiles proclamas dos vocalistas pedindo colaboración aos espectadores. E abofé que son entendidos, porque non hai máis que escoitar os comentarios de boca a orella que van deixando entre canción e canción. Non sei noutros lugares, pero aquí lograr a efervescencia évos difícil.
Pero ese mesmo día de Sintonía de Vigo foi o turno dunha nova variedade festeira, xa extendida en pubs e bares de pouca ou familiar concorrencia: o tributo a algún cantante ou a algún grupo. En Vigo, hai xa varios, pero nunca os vira lanzados ao esceario. E hai que dicir que nun caso, o dos Mckuin (porque para os Highlights dylanianos de Coruña o ambiente facíaselles excesivo), o resultado foi apabullante. Tributaba honores a Freddy Mercury un cantante tocado cunha cabeleira posticísima, unha camiseta sen mangas e un pantalón de plástico apretadísimo. Non pretendía emular a voz do finado, pero a súa propia (impostadísima como é de esperar nun rocker) era fantástica. Os músicos, ao parecer tamén tributarios de ACDC noutras ocasións, eran extraordinarios: o guitarrista principal, tamén maravillosamente toqueado para o evento, era de primera categoría, así como os demáis músicos, entregados á causa imitadora. Nun momento do espectáculo, coa rapsodia kuineira, deixaron de cantar, fixeron mutis por el foro, mentres seguía soando a música de Queen (ou do que podía parecer Queen, a estas alturas xa completamente difuminado) e voltaron un minuto despois para retomar a canción e rematala, nun alarde prodixioso de dobraxe técnico. Foi a actuación máis celebrada das festas (os da Unión do día seguinte só foi unha excusa para locir galas e preparar o asalto sexual da romería da fraga do día 25 por parte do público) e, probablemente, anuncia unha moda postmoderna: a do triunfo da emulación sobre a creación ex novo, a victoria da impostura completa sobre o remix de gasolineira en que se acomodan as orquestras. Moi axiña, todas as festas serán así: a exaltación monográfica do karaoke.  
  
  

4 commenti:

Lula Fortune ha detto...

Mckuin forever!

Turmano ha detto...

Só en Ferrol e arredores pode haber 20 ou 25 guitarristas, outros tantos baixistas e bateristas (o dos vocalistas é máis difícil, pero tamén hai abondos) capacitados para bordar o repertorio máis jodido da banda máis jodida. O nivel técnico e os coñecementos musicais dos roqueros, agora mesmo, son elevadísimos, e ata no peor grupo hai un guitarrista, un baixista, un baterista ou un cantante non bo, senón moi bo. Así as cousas, montar un grupo tributo-a-lo-que-sea e facelo ben (se non moi ben) é algo nada raro.
Non se trata de sacarlles mérito. Todo o contrario: son músicos realmente excepcionais. Por iso mesmo é unha mágoa que non se adiquen a crear. Pero claro, agora mesmo os que máis cobran son eles, e así vai ser difícil que se pasen ao outro bando. Unha mágoa, repito: seguro que estamos a perder moito.

Xosé Manuel Carreira ha detto...

Está claro que a xente xa non se sorprende nin entusiarma por nada.

Turmano ha detto...

Iso é a verdade máis grande.