Caxigalines nella Reguera'l Campizu

10 febbraio 2010

NAS ABAS DUN MONTE

A manifestación de onte en Vigo contra a fusión das caixas dá corpo social, coa visibilidade da masa camiñando urzáiz abaixo en silencio e por parellas, a unha consubstancial materia humana que permanece agochada en estado de latencia durante a meirande parte do tempo. Forma parte da querencia da humanidade procurar o beneficio dun mesmo en primeiro lugar, como proxección aparentemente cultural do instinto reptiliano de supervivencia, dos máis achegados, en segundo término, chamados por hábito e por imposición do latín familia, aínda que neles o nome designaba algo ou bastante máis segundo os casos. Tamén forma parte desa pulsión animal a defensa dos que forman círculos próximos que compoñen veciñanza e, aínda que co grao de consanguinidade xa perdida, os que constrúen tribo. A medida que o radio de movemento do individuo se amplía o afecto mingua e, no caso de serios alonxamentos, digamos a partir do territorio en que o espello devolve unha imaxe diferente ou a voz repite outro idioma, aparece o receo e, aos poucos, o temor e o medo. A historia da humanidade (ou a historia que eu entendo da humanidade) é a historia da paulatina comprensión do outro, da creación de vencellos políticos, artificios racionais para organizar o que escapa desa determinación emocional. 
Eses estados latentes (que son reliquias dese pasado primixenio que acepto como manifestacións do animal que levamos, algúns máis, dentro) son de cando en vez encendidos, ás veces por razóns esoxénas, pero outras veces desde dentro co propósito de manter o espíritu de unión interna. En ambos casos, precísase o concurso dun outro (que ás veces adquire rango de nemigo) para que a tribo recobre o vello lume e arrime a súa carne á calor das lapas. Pero ás veces é a propia sombra dun mesmo a que leva o engano. O chamán sabe eses trucos; cuspe o bebedizo e aviva o folión para, con esa parafernalia de trileiro, ademais lembrar quen posúe a omnímoda forza capaz de protexer ese espazo primitivo, ese poboado de pallozas con espléndidas vistas sobre a ría, sobre as abas do monte. 
Convén preguntarse onde é que foi a Ilustración?   

6 commenti:

Álvaro Montoya ha detto...

A política é cousa de necios.
Homo necius necius debéronnos nomear e non sapiens.
Darlle a unha caixa o estatuto de vencellador dun pobo é o mesmo que darllo a un clube de fútbol, ou a unha bandeira.
Especie de tolos.

Anonimo ha detto...

Qué foi da Ilustración, amigo Arume, cando a Douce France (que dicía Apollinaire) anda a rebuscar da súa identidade.

Aquí lle deixo o poético himno da Comuna de París, cando os revolucionarios falaban de reiseñores, merlos e cereixas.

Pablo Eifonso ha detto...

Unha boa resposta á pertinente pregunta de que foi da Ilustración tena, penso, Carlos Fernández Liria, profesor de filosofía da Universidade Complutense, independente nas listas de Izquierda anticapitalista nas últimas eleccións, guionista no seu día de La bola de cristal e, mira ti por onde, discípulo do filósofo vigués Felipe Martínez Marzoa. A este o "caos" vigués resultoulle, sinxelamente impenetrable, ou, como di un amigo meu, irreductible por argumentación lóxica.

folerpa ha detto...

A Ilustración, caro amico, botárona á ría hai douscentos anos e aínda o celebran na súa ignorancia.
Por certo, anda vostede nun estado de lucidez...

Pablo Eifonso ha detto...

A Ilustración, caro amico, botárona á ría hai douscentos anos e aínda o celebran na súa ignorancia... e cantando o himno galego para acompañar a expulsión do gabacho. Aínda lembro que por alá nos noventa houbo unha pequena movida na esquerda contra a celebración da Reconquista, pero éranche outros tempos.

arume dos piñeiros ha detto...

Pois desde aquí xa lles digo que estou disposto a organizar un colectivo contra a (celebración da) Reconquista.
Xa nos poñemos a lanzar un manifesto.