ANF é da miña idade. Naceu no 61 e debeu de compartir, case seguro, os anos composteláns conmigo. Seica o ano 1985, xa licenciado, aprobara unha oposición para un posto na administración, o que quere dicir que rematou a súa carreira o ano anterior. Non o lembro de Santiago. Isto pode dicir moito da miña escasa memoria ou da grande poboación compostelana naqueles tempos. Pero creo que, mirado aquel tempo, entendo ben boa parte da formación política de Feijoo. Daquela os que non asistían ás asambleas, non formaban parte de ningunha agrupación partidaria, non participaban nos eventos característicos daqueles grupos (por suposto, non limitados), como teatro na Salle, ciclos de cine no Salón Teatro, foros na Caixagalicia de Carreira do Conde, movíanse por outros sitios. Pero coincidiamos moito nos novos pubs da parte nova, que tiñan o seu horario preciso e calculado para que todos estiveran de bote en bote durante alomenos media hora ao día. Os amigos que vivían case en exclusiva para estudar (pouco, porque se comezaba a estudiar segundo a regla non escrita do estudantado, en especial de dereito e tamén algo de medicina, por marzo ou abril) e para saír de copas e pertencían a un espectro social de clase media tiñan o seu mundo planificado para seguir ou ben a estela dos seus pais ou ben para procurar rápido un emprego definido e definitivo. Eran bastante máis pragmáticos có resto e tomaban a vida universitaria compostelana como unha preparatoria para a vida regulada e convencional, por suposto, nada contestada nin discutida. Pero tamén teño que recoñecer que aquel foi o signo dos tempos, que comezou daquela a fraguar no horizonte dos estudantes, probablemente coincidente co abandono da práctica partidaria, da participación en agrupacións políticas ou da intervención en cuestións sociais. Non sei se o tempo aquel chamado da movida, das ganas de pasalo ben e de pasar páxina a un tempo determinado non cobrou a súa parte no proceso.
O certo é que Feijoo é un presidente desa primeira xeración de BUP e COU, desexosa se cadra duns novos planteamentos e de romper co pasado. Non sei se algunha daquelas teimas, observables nos estudantes máis comúns e menos comprometidos, de non meterse en política (como eles mesmos aclaraban a cada paso) explica ese desmontaxe, esa peculiar negación da cultura política da transición que eles viviron de perto e que non puideron mudar. Decidiron ir escalando postos na administración, mentres os demais se entregaban á lea política. Cando estes lograban o paso a través de dialéctica e disputa en campo aberto, eles emerxían coa meritaxe de oficinas e cargos públicos posibilistas, empregados como trampolíns individuais para o acceso ao poder. Enfrontando Feijoo ao seu antecesor, Touriño, dámonos de conta de que a Xunta abeira a un funcionario curtido na xestión administrativa, exercida desde arriba sempre, desde esa mesma atalaia, en substitución doutro, igualmente funcionario, tamén experimentado en dirección de organismos, pero moito máis afeito á pugna civil, ao modo asambleario e parlamentario doutros tempos. Sen establecer distincións valorativas porque nos efectos poden estar as bondades ou maldades dos dous sistemas, Feijoo adopta de forma natural un xerencialismo baixo carauta de presidente severo e decidido, mentres Touriño, coa axuda de Quintana, prefería unha gobernabilidade composta de dúbidas e consensos. Probablemente dúas formas de comprender a acción política, que teñen a súa orixe nesa pequena mudanza xeracional, que non o explica todo pero que permite (a min, alomenos) entender algo mellor o panorama deste último ano.
2 commenti:
Dúas precisións: o cursus honorum de Feijóo apunta claramente, como ben se sabe, á baronía territorial transitoria coa perspectiva do delfinato a medio ou longo prazo. Que é o que realmente lles vai a moita desta xente guai que describíu vostede tan colorísticamente. Por outra banda, supoño que o de Touriño e as "pugnas civís" vai polo antigo affaire da súa cátedra, liorta coprotagonizada con López Suevos.
Agradezo estes apuntes que veñen a engadirse ao dito.
Ese tipo de pugnas das que fala, que eu descoñecía no caso de Touriño (aínda que algo me sona de forma moi imprecisa), non sempre son civís. Pero obviamente non me refería a esas.
Posta un commento