Caxigalines nella Reguera'l Campizu

4 maggio 2010

DE CAIXÓN


O desenlace disque está próximo, aínda que sexa provisional, ata a próxima ocasión. A fusión parece ser o final desexado por todos os partidos políticos e por unha parte moi maioritaria da opinión pública, nunha desacougante para min coincidencia de criterio. Digo desacougante desde un punto de vista de hixiene política, habida conta, desde o meu punto de vista, da vulneración da necesaria diversidade de opinións nestes casos. Pero desacougante e algo máis tamén porque non é preciso sinalar que as cousas que se levan dito ata o de agora sobre este particular son especialmente graves para a saúde democrática dun país, sobre todo a partir dunha opinión pública sectaria, entregada a intereses claramente espurios, con comentaristas incapacitados de por vida para a crítica ou para a análise imparciais, pola súa aposta libelista ao servizo dunha causa.
A intervención do presidente coa intención de mudar as reglas dun partido que non estaba a gañar (porque entre outras cousas non o podía xogar) contribuiu, como xa comentei hai tempo, a enrarecer e distorsionar o ambiente. Sobre todo con esa práctica asimesmo sectaria de trazar unha liña separadora entre os que aceptan as súas teses e cren en todos e cada un dos seus argumentos a favor dunha fusión -que por suposto aman e queren a unha Galicia que eles mesmos identifican (sen metonimia nin ostias) cunha caixa única- e os que, co marchamo de traidores (e colonizadores, en claro revival dos primeiros oitenta, cando puido escoitalas probablemente Feijoo en aulas xacobeas), ofrecen resistencia a tal iniciativa.
Planteado dun xeito tan a propósito elemental este asunto, non resultan estraños aínda que si igualmente lamentables os recursos dos que amosan descontento co planteamento fundidor: aparecen, á luz de todos, coma os dunha tribu nemiga de enrocados brutamontes que aspiran á (auto)destrucción de Galicia enteira. Entre uns, que argumentan con ideas populistas (como as que hoxe mesmo emprega o Presidente ao facer propietarios dunha caixa única galega aos 315 concellos de Galicia ou ás catro provincias galegas, cando sabe que esa é especie falaz), e outros, que para gañaren algúns votos locais, convidan á rúa a respetables (isto vai polo meu veciño do z) cidadáns para defenderen tamén unha idea de Vigo que tampouco é certa, o asunto das caixas ten xerado unha estéril confrontación social que, creo eu, tardará en sandar.
O ton con que se emprega a opinión pública delata que existe un intento por anular calquera disidencia e, o que resulta máis importante, a sensación de que non contemplan siquera a posibilidade de que alguén poida non estar de acordo con algo. Isto é o que máis me preocupa: a idea totalizadora, aniquiladora do contrario, con tácticas infamantes que eu non miraba desde hai moito tempo.
Non sei que será deste asunto. Eu creo que non remata con esto; que a historia destas entidades ten máis recorrido, por suposto difícil de prever, por moita categoría de peritísimo economista que un se bote ao lombo. O desgaste ao que someten e aínda someterán a este xa longo proceso é insólito e xa está causando perxuízos notables á sociedade e mesmo á economía destas entidades. Fíxose todo tan rematadamente mal que voltar os pasos cara atrás para lembralo dá preguiza. Por iso, neste último tramo (onde, por certo, se agudizan as barbaridades e as miserias, supoño que para acadar unha posición máis favorecedora na foto finish) eu xa pido que rematen canto antes e que nos deixen en paz unha tempada e que se poñan a reconstruir (se é que hai interese nisto) o destruido, que é moito.
Mentres tanto, irei ver que me ofrecen en Caja Badajoz.

Nessun commento: