Caxigalines nella Reguera'l Campizu

11 maggio 2010

O PORRIÑO-VIGO: NO CALVARIO EN CORENTA MINUTOS



A semana pasada prometín relatar a viaxe entre O Porriño e Vigo en autobús. Pois ben: aló vou.
O bus sae dunha marquesina situada na Avenida de Galicia porriñesa onde non hai indicación de horario, agás se preguntas no bar do lado. Polo menos eu non a vin e preguntei, abofé. Subimos unhas doce persoas nun horario digamos aceptable, ás 10 da mañán. O recorrido segue a antiga estrada a Vigo, o que permite coñecer todo Sanguiñeda, coa parada diante de Queen (engado que o número de autobuses con parada e saída en Queen (sic) a e desde calquera sitio da provincia supera con creces os habituais diarios). O autobús accede durante cincuenta metros á autovía pola parte do night-clube Los Molinos para que o viaxeiro poda contemplar desde o alto un dos moitos cemiterios de neumáticos e de coches que adornan o traxecto.
Volve saír da autovía para meterse pola vella de novo, con parada diante de Casa Alfredo e posterior saída a autovía xusto canda as curvas máis pechadas da portentosa autovía das rías baixas. Regresa o autobús de novo pola estrada vella para recorrer os escasos metros que nos separan de Puxeiros. Durante o camiño sucédense a un lado e outro da estrada casas de pedra ruinosas, galpóns abandonados, marquesinas da xunta de dubidoso gusto (xa non estamos no feísmo dependente da ocurrencia do particular, senón dun concurso público, ehem, onde acode a frol e a tona do deseñador de móveis urbanos), e armacéns de calquera tipo, como alternativa ao eterno párking de coches abandonados que semella o recorrido.
En Puxeiros, o autobús efectúa un xiro insospeitado e sube cara ao Rebullón, onde ten de novo outra parada. A construcción de miles de autovías e autopistas obriga ao autobús a baixar por unha das máis empinadas costas de Vigo, unha ruta nova que supera a autopista que vai a Baiona e a Portugal, cunha vista iso si vertixinosa (unhas das máis impactantes) de Vigo cara o Meixoeiro. O autobús volve sobre os seus pasos cara a autovía de Porriño, pasa o vigomemorial, cruza por baixo a autovía e de forma paralela continúa ata o Hospital onde deixa a case todo o pasaxe.
[Non quixera pasar de longo este momento porque acaban de licitar un novo hospital para Vigo, con non sei cantas prazas para enfermos e, sobre todo (así se remarca na publicidade institucional), de párking para traballadores, doentes e visitantes. Sería conveniente que o espectáculo do aparcamento arredor do Meixoeiro (infame, se mire por onde se mire, cos coches aparcados entre un bosque de arcolitos, en terreos impracticables ou en fincas onde se cobra supoño que ilegalmente por amorear autos) sexa cumpridamente rematado.]
Pero a viaxe continúa. Aínda queda a baixada pola estrada vella vella ata a rotonda na que se vira aparentemente á dereita para desandar o andado durante todo este tempo. O autobús retrocede ata Cabral, ata o cruce da antiga fábrica de Álvarez, que agora mesmo luce lunar e fantasmagórica.
Xa en Ramón Nieto, a saída de Ourense superpoboada e agora completamente obturada de coches e cun movemento de tráfico densísimo, o autobús enfía a cidade. Aínda ten que pasar polo Calvario e baixar toda a Doblada para chegar á estación. Eu baixo arriba do Calvario. Son as 10,40. Corenta minutos para facermos vinte kilómetros de estrada.
No autobús só quedamos tres persoas e o conductor. Conmigo baixa outra persoa. O autobús de O Porriño chegará cinco minutos despois á escura e tenebrosa covacha da deplorable estación de autobuses de Vigo.
Chegará o AVE ao Areal e despois á nova estación superluxosísima de Vázquez Varela antes ca un individuo de O Porriño ou de Vigo consiga viaxar entre ambas cidades cun servizo público moderno, rápido e eficaz. O actual dá entre mágoa e noxo.

Nota: hoxe poño dúas fotos, non me resistín a poñer a flota de autobuses do Conceyu Mieres. Recomendo click sobre a segunda.

2 commenti:

Perfecto Conde ha detto...

Meu querido Arume:
Felicítoo pola magnífica reportaxe que nos fai de como funcionan ás veces os transportes públicos galegos, e anímoo moito a que siga pescudando e contándonos esta cuestión.
Se tivese tempo e medios plaxiaríalle a idea. Facer o mapa social deses transportes por toda Galicia seguramente remataba superando o "Celtiberia Show" do meu desaparecido e admirado amigo Luis Carandell.

paideleo ha detto...

Un percorrido mui detallado.
Espero non ter que empregar muito o autobús.
Ah,Los Molinos chámase El cóndor,xa se sabe: un voutre sudamericano.