Caxigalines nella Reguera'l Campizu

6 maggio 2010

O TREN QUE ME LEVA AO PORRIÑO AO PORRIÑO


O Porriño, unha vila a uns 25 kms de distancia de Vigo. O tren que comunica Madrid con Vigo, o trenhotel Talgo, para na súa estación catro veces, dúas de ida (18,31; 22,49) e dúas de volta (7,00; 10,39). O comboio que vai a Porto outras catro veces, dúas de ida (7,40, 19,42) e dúas de volta (11,46; 21,42). Salvo eses trens (catro viaxes para cada lado a horas moi descompensadas) e algúns de mercadurías, e sempre que a páxina web da renfe non oculte outras viaxes, entendo que ir de Vigo a O Porriño, andata e ritorno, carece do máis elemental servizo ferroviario.
O abandono do tren por estas terras é tan proverbial como indecente, sobre todo se temos en conta o número de autopistas, autovías, estradas de diversa natureza que atravesan toda esta bisbarra.
O traxecto dura como moito vinte minutos (así figura no horario da Renfe e iso que ten parada en Redondela) e as estacións de ambas cidades están no mesmo centro (a de autobuses de Vigo, un infame enxendro, noxento e destruible sen piedade, está a desmán para case todo o mundo). Pois ben, con todo a favor, non hai un mísero tren de proximidade nin se agarda por el en anos. Xa sei que precisamente esta zona necesita que se merquen automóbiles a tutiplén, cantos máis mellor porque diso vive boa parte da xente. Pero nin así se explica o desleixo, a terrible despreocupación por un modo saudable, eficaz e rápido de comunicación entre estas dúas cidades, no medio e medio, ademais, da zona máis densamente poboada de Galicia. Todo un síntoma, por outra parte, do desleixo xeral por artellar o territorio enteiro desta parte (algo máis) afastada do mundo.

Nota: a viaxe (en certo modo, ao pasado, digamos anos setenta) en autobús (insólita para os tempos que corren) entre Vigo e O Porriño dá para outro post. Ou para varios. Todos, do mesmo teor deplorable.

Nessun commento: