Caxigalines nella Reguera'l Campizu

15 maggio 2010

O DICTAME DO CCG

"O proxecto de decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia resulta contrario ao ordenamento xurídico no tocante ao exposto nas consideracións cuarta e quinta". Así, con esta redacción tallante, conclúe o dictame CCG 183/10. Vexamos cales son esas consideracións da forma máis sintética posible habida conta da densidade conceptual da prosa xurídica nestes casos.
Dous son os artigos do PDP sometidos a estricta censura: o artigo 5 e o 6. O artigo 5 trata o asunto da consulta. O dictame non a rexeita: rexeita que a consulta sexa vinculante e decisiva, xa que aparta á administración educativa do seu deber de ordenar o ensino. Entende o CCG que os poderes públicos son depositarios das decisións nese terreo, polo que entenden que deixar que sexan as consultas á familia os instrumentos executivos vulneran o ordenamento xurídico. Indispoñible, irrenunciable e indelegable son os adxectivos empregados polo CCG para definir a competencia das autoridades educativas neste aspecto. Dese mesmo artigo, aínda que non con tanta contundencia, o CCG acusa imprecisións conceptuais sobre lingua materna, lingua da contorna ou lingua ambiental, que deben ser corrixidas non por prurito terminolóxico, senón porque de tales empregos se derivan consecuencias tamén contrarias a dereito.
A propósito do artigo 6, que trata tamén das consultas ás familias sobre materias ou asignación lingüística, o CCG exténdese en consideracións sobre a garantía vixente no marco lexislativo de participación das famlias (a través dos consellos escolares) no desenrolo dos curricula educativos. Esta longa explicación ten como fin no dictame afirmar con rotundidade que non se pode redactar unha norma que pretende outorgar á elección familiar toda a responsabilidade sobre o ensino porque esta decisión sobrepasa o rango legal do texto, polo que o PDP non ten cabida no ordenamento xurídico actual. Pero onde o CCG é aínda máis contundente é no establecemento dos catro anos que deben pasar entre consulta e consulta. Aquí o CCG é diáfano: "arbitrario e contrario a dereito", xa que impide aos alumnos que entran con posterioridade á consulta no centro participaren no proceso durante alomenos tres anos (no catro como di o CCG).
O CCG engade como consideracións de mellora outros items. A min me chaman a atención os relativos á imprecisión entre equilibrio, igualdade e semellante, non moi clara desde o punto de vista lingüístico pero si probablemente desde o xurídico, que pide corrixir, ou á necesidade de manter o nome de normalización en troques do novidoso dinamización que engadía o PDP. Neste aspecto, no que non se formulan obxecións sustanciais e radicais de estricta legalidade, é moi minucioso o exame de detalles importantes, cun rigor analítico nada desdeñable.
Visto o informe, as autoridades da Consellería de Educación deben modificar de forma esencial o PDP. Pedirmos a súa retirada sería o desexable desde todos os puntos de vista: esa é a miña opción. Pero hai que recoñecer que, desde un punto de vista estrictamente político e tras estes meses de elaboración, discusión e polémica, o equipo de Feijoo non vai afrouxar a corda nin vai, xaora, adoptar a decisión radical de empezar desde cero porque iso suporía unha clara claudicación dunha das súas bandeiras electorais. A súa teima obsesiva neste campo, como xa dixemos neste mesmo espazo, impide un retroceso e aínda menos a aceptación de erros (neste caso directamente ilegalidades) ou de malos cálculos estratéxicos na súa vontade de compromiso cos seus votantes máis belixerantes.
Tendo en conta esta nada nimia cuestión, este dictame do CCG constitúe a derradeira oportunidade que ten o goberno do PP de retirar alomenos aqueles artigos que conculcan a lexislación e que foron sometidos á crítica rigurosa desde o comezo deste longo proceso. Ten a excusa perfecta. Diante dos seus electores menos proclives á lingua galega, en primeiro lugar, xa que pode manter a consulta, desligada do seu ilegal carácter vinculante. En segundo lugar, diante dos seus votantes galeguistas (que habelos hainos, disque), indignados e irritados pola fuxida cara adiante ou polo enroque estéril destes meses, que poden finalmente albiscar unha vontade conciliadora, que botaron a faltar (pola boca pequena ou con sordina) durante todo este tempo.
Eu non ficarei satisfeito nin siquera coa posible mudanza deste decreto, aínda que teñan en conta as consideracións fundamentais do CCG (como tantos outros que creo eu constitúen maioría), pero para Feijoo (para Vázquez e para Lorenzo) é, como digo, o derradeiro tren ao que se pode subir nestes días.

Nessun commento: