Abundando na de onte, que facía a entrada 900, direi que a exacerbación estes días de propostas e medidas para os vindeiros catro anos revela de forma palmaria o silencio durante o resto do tempo. O famoso espíritu crítico que debe procurar a institución universitaria, proclamado aos catro ventos para que a sociedade saiba canto vale un peite da alma mater, está convenientemente ausente nos distintos foros. Abraia entrar nunha reunión, consello ou xunta e comprobar como, salvo fundamentais asuntos como adecentamento de despachos e axeitada pintura nos aparcadoiros, a peñuqui (que di a miña filla) pasa muda polo foro, aínda que sempre preparada para erguer o brazo cando a ocasión, xa previamente tratada en reunións algo máis íntimas e case secretas, o esixa. Se cadra o espíritu crítico existe, pero a voz con que se emite debeu quedar afónica nun curruncho dun despacho, non sei se por preguiza natural ou por aquela cousa de non ofrecer ao contrario motivos para a sospeita de que unha lixeirísima fenda pode estar a abrirse no monolito da plataforma á que se pertence. O que se dá en denominar liberdade de non opinión polo que poda pasar. Licitísima, pero in accademia lamentable.
En fin, taparemos os ouvidos estes días como cando acudías (por descuido e por saír de noite, que a querencia é a querencia) aos entroidos e atopabas a esa xente a tempo completo antipática facéndose a graciosa, a divertida e a chupigüai por unhas estomagantes horas.
Nessun commento:
Posta un commento