CATALÁ-ROCA: VISITAR O PASADO

Mañán clausura Català-Roca na Barrié de Vigo. Aínda teñen tempo os que non foron para contemplaren unha marabilla. A fotografía é unha das belas artes, por moito que porfíen os clásicos de sempre en negarlle valor ao longo do tempo, moitas veces por riba de calquera outra manifestación artística. Tal é o caso deste fotógrafo catalán que exhibe en Vigo as súas obras mestras dos anos 50 e 60. Aparte da prodixiosa técnica compositiva (ese branco e negro tan radical, o neboento fondo que singulariza os primeiros planos, a luz tantas veces cenital que evita as sombras), Català-Roca entende o don da oportunidade porque está atento, porque busca o ángulo que agudice o sentido paródico e algo irónico das escenas. Nas fotografías que realiza con motivo dunha visita de Lucía Bosé e Dominguín a unha modesta corrida de touros en medio do secarral castelán advírtese esa especial perspicacia, o achádego do lugar esencial donde cobrar a peza mestra. As fotos das cidades, de Madrid e de Barcelona, de paisaxes humanos fundamentalmente, que son o que a min máis me atraen da fotografía, son extraordinarias: cada unha ilustra a historia deste país. A clásica das mulleres (vistas case sempre desde atrás: ignoro a razón) pola gran vía madrileña, a do pai e o neno por unha rúa baleira coa brétema invernal (que deu para a portada de La sombra del viento), a do piropo en plena semana santa sevillana, coas autoridades relixiosas e militares de neglixente testemuño, a das aguadoras (galegas?) cos seus botijos en Madrid, ou tantas outras mostras do ollo iluminador de la cámara.

1 comentarios:
En Català Roca és un magnífic fotògraf. Va saber captar i captivar amb la seva càmera.
Publicar un comentario en la entrada