Caxigalines nella Reguera'l Campizu

27 novembre 2010

O CLÁSICO


No Clásico dirímense concepcións morais e políticas fundamentais en época de crise. E non é a típica confrontación federalismo e unitarismo, aínda que esta tamén, por moito nacionalista periférico do Madrí que haxa, esa contradictio in terminis insuperable. Trátase de enfrentar un modo de organización social, baseado na escrupulosa colocación das pezas para que estas estean cómodas e poidan desenrolar todas as súas capacidades, e o outro, derivado das maquinarias das vellas galeras, nas que un cómitre zosca aos amarrados ao remo con particular disciplina e control. No primeiro caso, o silencio, o aceno tranquilo é suficiente para que o engranaxe funcione ás mil marabillas; no segundo, os berros, amplificados no baleiro das profundidades da nave, intimida de tal xeito aos galeotes, traidos precisamente por esa capacidade de crerse deuses, que chegan a sentir como seu, como propio, o destino da propia embarcación. A governanza exércese no primeiro caso por convicción, por interacción constante, por solidariedade; na segunda, por imperio autoritario. No modelo primeiro, o triunfo sempre vén sen violencia, cun pequeno toque a escasos metros de distancia da porteiría. Nel vence o regate, o rodeo, a reticencia, o doble sentido. No segundo, a victoria procede por ofensa, por agresión, por derrubo das liñas de enfrente. Unha falta directa, un punteirolo: o furador como máxima expresión poética. A primeira estratexia ten o risco da contemplación, do lirismo excesivo, que só un pequeno cambio metafórico pode arranxar; a segunda, que calquera pequena pausa no látego mal dado pode levar a ruina o embate e, cando as cousas torzan, ao motín inmediato. Asusta, porén, pensar en que a segunda opción entusiasma a quen mira desde fóra o espectáculo, seguro de que aprezan o navegar a todo filispín daqueles leños ferreamente escravizados. Nin siquera as voces e a faciana do fustigador permiten ao espectador darse de conta das terribles consecuencias.
Nestes tempos de crise, nada sería máis tremendo que a xente prefira a Mouriño antes que a Guardiola.

12 commenti:

detective crepuscular ha detto...

"Cuando acordou, a canteira do Barça aínda estaba alí" (soño/conto que perseguirá obsesivamente a Mourinho até torturalo e non deixalo acougar). Esa é unha das grandes derrotas que nunca poderá superar Mourinho, el que vai de gran triunfador e mellor adestrador do planeta futebol. Que o partido é contra o Madrí e non contra Mourinho. Xa sei, xa sei que non hai que entrarlle ao farrapo e deixar que se confunda e desprestixie el só. O que queirades, pero hai que lembrarlle o que dicía onte Mascherano (o de Mas a un día das eleicións é unha boa cousa) e que o Mou sabe de sobra: "Más que ganar un partido o un trofeo, lo que hace diferente a este club es su manera de jugar. Este equipo tiene unha marca registrada, una filosofía de juego... Es la primera vez que estoy en un club en el que, aunque el resultado es importante, no cambiará su estilo por un partido o una victoria." Aí lle dói ao portugués hostil e marrulleiro, que lle vale todo para gañar. Filosofía, canteira e estilo, Señor Marrulleiro, que é o que vostede non ten. Pensa que por queimar aos xogadores obrigándoos a daren mais de do que poden dar e erguer ao céu vitorioso mais copas da champions que ninguén, xa o fan o adestrador mais sobranceiro de todos os tempos. E non, non lle é así, Señor Provocador Repugnante. Tiraralle da carteira aos magnates rusos, italianos ou españois que escolle para os seus soños imperiais, recorrerá ás artimañas mais "bellacas" para gañar os partidos, e montará todo o mau teatro que queira para entreter á gradería e despistar ao rival, pero nunca terá o pracer de traballar un "Pedrito" e vé-lo trinfar contra todos os prognósticos. Esa é unda das grandes carencias do elemento. Grandes clubes, grandes fichaxes, grandes esquemas defensivos e neutralizadores dos rivais, e mais nada: FUMO DE VAIDADE MAL LEVADA. Confesaba aí atrás un do Inter que xa non podían mais, que Mourinho tirara tanto deles que os deixara sen forzas. Diso é do que había que falar, do que deixa atrás cuando colle e fuxe dos equipos campións. UN EXÉRCITO DE VETERANOS DE GUERRA DERROTADO E INCAPAZ DE SOBREPORSE Á ADVERSIDADE DO DÍA DESPOIS. Un fantoche inaguantábel. Estou mui de acordo coa última frase do seu escrito, don Arumes. En tempos de crise e sempre. Agora que me desafoguei contra o portugués hostil ao xogo limpo, vexo que a cousa ía do CLÁSICO.

Turmano ha detto...

Eu sonlles máis de nobles brutotes, desa xente que non sabe conterse pero que de puro verdade acaba por caer ben ata cando fai unha burrada. E que queren que lles diga? Nin Mourinho nin Guardiola me entran na categoría. Tanto un coma outro son máis teatro, finxemento, que outra cousa. Un por riba e outro por baixo, pero nin me creo a fachenda dun nin a humildade doutro. Fachada.
Dito iso, o que se enfronta o luns si que son dous modelos, pero non os representados polos entrenadores, senón polos clubes. A planificación contra a solución circunstancial. O bo goberno contra a forza bruta.
En tempos de crise, a min gustaríame que o meu país fora como o Barça: se sabes aguantar, xogar ben as bazas, apostar todo á base, acabarás gañando. Si ou si.

Anonimo ha detto...

Nestes tempos de crise, nada sería máis tremendo que a xente prefira a Mouriño antes que a Guardiola.

Perdoe, señor Arumes, que acabo de chegar e nin lin o seu post. Só pillei esa última frase que reproduzo.

¿E non será, digo eu, que a crise consiste precisamente niso, en que a xente hai xa moito tempo que prefire a Mourinho antes que a Guardiola?

Turmano ha detto...

5-0
A verdade é que o Madrid tiña controlado o partido ata que o Barça marcou o cuarto. A partir de aí, viñeronse abaixo.

arume dos piñeiros ha detto...

Os goles do Barça, como dicía eu: un toque suaviño, sen forza, ao lado da portería.
O partido, unha obra de arte ata o cuarto. Despois, demasiados caños, taconciños e cousas polo estilo para a provocación. Prefiro sete ou oito goles cá burla.
[O culé que levo dentro nega coa cabeza todo mentres quita un sorriso de descarallamento]

homburg ha detto...

De todos os xeitos ó césar o que é do césar, xa que Cristiano tiña razón, non lles meteron oito. Eso deixa abertas algunhas dúbidas ó respecto da superioridade do Barça, eso e máis a xogada do penalti, que desvirtuou o resultado final, por non falar tamén do abusón de Iniesta indo intimidar ó CR. En fin, acábanseme os sarcasmos e non sei se non estará Sergio Ramos petándome na porta!

Turmano ha detto...

Digades o que digades, está claro que a expulsión de Ramos condicionou o resultado.
O Barça sigue sen gañar a Mou 11 contra 11.

ms ha detto...

Resumindo:

1-La humiltat apallissa la prepotència.
2-El planter humilia el talonari.
3-El joc ofensiu arrasa contra el joc especulatiu.
4-L'educació s'oposa a la insolència.
5-El talent escombra el joc brut.
(Carles Capdevila, Ara)

xos ha detto...

Acusar ao Madrid de usar só o talonario é criticable. "Gaño títulos porque estou nun club rico", Guardiola dixit. Manter esa marabillosa canteira sonvos moitos millóns. Desde logo, gañou o mellor, que coincide durante estes anos co máis bonito, e ademáis co que máis títulos gaña. Unha coincidencia excepcional, traballada, por suposto.
Gañou a elegancia contra a vulgaridade, pero non a canteira contra o talonario, pois sen talonario non hai elegancia posible

arume dos piñeiros ha detto...

Amigo Xos: moi oportuna a súa anotación, coa que estou completamente de acordo. De canteiráns están as chequeiras cheas.

Anonimo ha detto...

Perdonen á intromisión. MARIO MONICELLI. Noventa e cinco anos. Hospitalizado por un cancro de próstata terminal. Defenéstrase desde a ventá da súa cela do hospital.

¿Que clase de loucura nos habita para que un home hospitalizado con -supoño- terribles dolores e terribles angustias, poida acabar dese modo?

¿Ata onde chegará a ignominia da impiedade?

Turmano ha detto...

"The Special Five"
Tamén hai que ser cabróns.