Non lembro a primeira vez que fun a Coruña. Si lembro que moitas das primeiras eran semellantes: entrada por alfonso molina, aparcamento na dársena e paseo obrigatorio pola rúa real, compras, algunha comida (cando viñamos de visita con convidados) e algunha foto en maría pita. Non lembro outras paisaxes.
Máis tarde Coruña convertiuse nun espazo puramente burocrático: ou para irmos aos chamados novos ministerios en Elviña ou para presentarme anualmente na caixa de reclutas para as prórrogas militares. Era a oportunidade para percorrer as rúas da parte vella, só habitadas daquela por persoas uniformadas. Ou iso me parecía. A verdade é que desa época non gardo especiais recordos da cidade. Todo o contrario: contribuiu a un xeito de xenreira, pouco racionalizado, que durante tempo condicionou a miña impresión sobre a cidade.
No entanto, e dada a miña especial querencia polas urbes algo grandes, era para nós, habitantes de As Pontes e pasaxeiros estudantes composteláns, a cidade de referencia. Cando houbo que pedir destino nos primeiros anos, Coruña sempre era a preferida. Quixo a fortuna (aquelas marabillosas subhastas no gran salón de actos do instituto Eduardo Pondal de Santiago) que me enviaran a Cambados, sen sospeitar eu que o sul de Galicia sería para sempre o meu lugar de traballo e de vida. Salvo esporádicas visitas (máis por afán amoroso, demasiado romántico para contar aquí, ca por outra cousa) Coruña foi pouco a pouco esquecida dos meus intereses.
Unha pequena estancia do meu irmán alí, varios anos despois (xusto aquel ano en que o amigo Djukic pasou a formar parte do barcelonismo militante), permitiume renovar a miña antiga relación coa vella capital de Galicia, pero foi o traslado dos meus pais alí o que de forma definitiva fixo que Coruña formase parte habitual da miña vida. De cando en vez visítoa e aproveito para desfrutar de lugares familiares, imprescindibles xa na miña memoria. Probablemente deixo fóra algún deles, pero inesquecibles resultan os paseos por juan flórez, polas prazas de lugo, de vigo, de pontevedra, por san andrés, polos cantóns, pola rúa real, polas rúas dos viños, polo rego da egoa/agua. Ou subir ao monte de san pedro ou ao faro, mirar a baía desde a tumba de Moore, tomar chiculate no bonilla, baixar pola rúa barcelona, solearse en san roquiño de afóra, entrar no estrella de four roads, pillar sitio entre o pigherío de casa rita, lembrar o barra no novo barra, ventilarse a todas horas por rubine, deixarse convidar no praia clú, contemplar as galerías durante horas, recordar o continental, aparcar unha tarde de chuvia e vento en montealto, mercar pan en san agustín, tirar da servilleta do bote de colacao no bombilla despois de tomar o mellor filete empanado con patacas e pimento do mundo coñecido.
Comprendo a parte lúdica (só a lúdica e desta a máis divertida e cariñosa) da rivalidade coruñoviguesa: ás veces, resulta ata emotiva. Pero non hai nada que me guste máis ca escoitar a un coruñés falar marabillas de vigo e a un vigués facer o propio con aquela cidade do norte. Para os que somos da cidade amante do pimiento picante resulta grato comprender, coa alma do forasteiro que non son, que ás veces os eslóganes non son unha chocante ocorrencia publicitaria.
Nessun commento:
Posta un commento