Caxigalines nella Reguera'l Campizu

15 dicembre 2010

ONDE VAI O MEU AMADO XORNALISMO?


Onte comentaba neste mesmo blog que a ausencia de críticas ou censuras no Faro de Vigo de onte (hoxe segue igual) ao silencio de Blanco sobre a variante do AVE que ten que chegar a Vigo podía ter explicación na abondosa publicidade, incluida no mesmo exemplar do xornal con fotos de todos os dirixentes do psoe pousando para a posteridade maqueta mediante, en relación coa próxima inauguración da nova terminal do aeroporto de Vigo auspiciada por Aena e, en segunda instancia e máis importante, polo Ministerio de Fomento. Como na reunión do luns estaban os dous grandes partidos representados, os cidadáns quedamos sen saber nada (sobre todo tras o constante apedreo en relación con este tema durante anos) que é o que vai pasar coa comunicación de Ourense e Vigo programada desde o principio. Só Santi Domínguez, de forma tímida, tentou dicir algo, pero o silencio con que foi recibida a súa crítica polos xornais foi tan estruendoso que non hai que ser moi espilido para concluir que o dominio dos medios de comunicación a cargo dos poderes públicos, que manexan cantidades indecentes en publicidade institucional encuberta ou completamente descarada, é propio de réximes dictatoriais, iso si, coa apariencia de límpida pluralidade de voces.
Gabinetes de prensa a medida da empresa ou da corporación correspondiente, liñas editoriais marcadas polo esponsor do programa, ideas programáticas promovidas por lobbys non declarados, xornais que cobran (sic) por cubrir unha noticia de xeito favorable, en fin, todo un sinfín de situacións nas que o xornalismo abandoa a súa disque función informativa e crítica para ser un elo na cadea de transmisión xa non digo de doutrinas ou de pensamentos únicos, que soan tal vez demasiado solemnes, senón de simples cuñas publicitarias a favor de quen pague máis cartos pola súa promoción. De aquí a maio, veremos o peor desta profesión enlamándose en progresión xeométrica, baixo a forma de incontables lambeduras colectivas e, o que é peor, da usurpación consciente e calculada da información aos cidadáns.
Onde vas, meu amado xornalismo?

Nessun commento: