Caxigalines nella Reguera'l Campizu

8 febbraio 2011

FRANQUISMO


Quixo a casualidade que por indagar en épocas non moi lonxanas, poñamos ano 1956, entrei na espléndida hemeroteca do diario madrileño-sevillano ABC. Trataba de buscar noticias sobre un personaxe clave da cultura franquista: director dunha academia e membro de tantas outras de semellante fasquía. Din coa súa esquela e din, un día antes, coa nova do seu óbito (palabra de época) e coas glosas habituais á súa persoa. Lin con atención a prosa solemne de encomio ao célebre erudito coas alusións ao protocolo funerario daquel tempo e ao cortexo fúnebre de tan afamado persoeiro, repleto de nomes de infames turbas de nocturnas aves. Mantos de santas, coches estufas, galas do difunto chamaban a espanto retorizante. Catro follas enteiras do xornal, con fotos dos corvos académicos e figuras da miserable corte de miragres franquista. Non resistín a tentación de botarlle unha ollada a todo o exemplar. De principio a fin, portada, a terceira de abc, fotos, comentarios, crónicas do estranxeiro, discursos enteiros dos xefes de falanxe, esquelas, recensións de libros apuntaban a unha mesma liña ideolóxica fascista e católica. Só algúns anuncios de medias (para collelas máis ben), de máquinas de coser ou de películas aliviaban a desacougante lectura daquel periódico.
Disque moitos ignoran ese periodo da vida deste país. O que traen os libros de historia, a pesar de marcar fitos, personaxes, sucesos, non pode explicar o transcurso diario e cotiá daquel tempo. Ler unha soa páxina do ABC dun día calquera de 1956 (xa non vou máis alá, porque non é necesario para a proba) amosa en que tipo de país miserento houbo de vivir tanta xente.
Algún día este mesmo xornal (que construía todos os días o relato do réxime, baixo escusa de informar) pedirá perdón?

4 commenti:

Costadamorte ha detto...

Por curiosidade, quen era o persoeiro?...

Xaime ha detto...

Serían moitos os diarios que terían que pedir perdón...

Agrimensor ha detto...

Moi ben, moi ben!

Anglogalaico ha detto...

Eu creo que a maioria da prensa do ano 2010 tamen debera de pedir perdon