Caxigalines nella Reguera'l Campizu

21 novembre 2011

ELECCIÓNS (I)


A derrota sen paliativos do PSOE é o resultado natural dun proceso de desencanto político producido, a porcentaxes que eu non me atrevo a calibrar, por unha crise económica brutal e unha xestión demostrada e visiblemente ineficaz. Máis de catro millóns de votantes que deciden non dar a confianza a un governo socialista non admiten outra explicación. O PP recolle, como en calquera democracia de corte liberal (que é a que establece a constitución), ese rexeitamento. Non con aumento de votos, pero si cun chan eleitoral firme e resolutivo. En termos prácticos, os votantes consideran que o PSOE non pode arranxar isto e ofrecen a alternativa ao outro gran partido de poder. Non hai máis. Sobran, polo tanto, salvo que entendamos a política como unha loita a longo prazo para a revolución ou para o cambio radical polas vías que un queira, as mensaxes apocalípticas. Para os que levamos vivindo en Galicia desde a chegada da representatividade democrática, é o máis natural. Agás periodos excepcionais (de ademais convulsos movementos), eu sempre fun governado polo partido popular. Claro que ser governado xa me parece demasiada expresión para a nadería en que se está a converter o exercicio político en Galicia, pero en fin non é o momento de valorar a impertinencia galopante dun ente chamado Xunta de Galicia nestes momentos da historia. 
O PP é un partido democrático (con pulsións internas de todo tipo, desde fascistas declarados ata liberais de antigo cuño, con conservadores democratacristiáns na meirande parte ou neoliberais de libro, mesmo con socialdemócratas cansos ou expulsados do ventre pesoeiro) que gaña unhas eleccións. Nada máis lonxe das miñas ideas, pero entendo que se na meirande parte do país concita o apoio de máis da metade dos votos é porque a confianza que lle outorgan os cidadáns é indiscutible. Os lamentos ante tamaño poder poden aliviar as cargas deste luns, pero impedirán ver cal é a maneira máis intelixente de vencelos nas vindeiras (que serán moi vindeiras) eleccións. O resto é un planctus estéril.  

Nessun commento: