Caxigalines nella Reguera'l Campizu

30 agosto 2011

DESPEDIDA


Non era o mellor día para vérmonos, pero, entre tanta tristeza, sempre acaba un atopando ese intre de intensa emoción que reconforta. Na parroquial de san Cosme de Nogueirosa na estrada de Ombre, en Esteiro, Pontedeume, baixo o falso plátano da entrada. Coa maré baixa da ría, a ponte ferrada do tren e os piñeiros da praia de Cabanas ao fondo. Coa leve música dos cánticos algo apagados de adeus desde o interior da igrexa. Coa calorciña dunha tarde algo estraña de finais de verán baixo a ollada da torre dos Andrade. Coa conversa que desexas que nunca remate e con esas apertas longas de primos que agochan bágoa e lembranzas. 
No triste camiño de regreso, creo que aquela man nos ombreiros, aqueles bicos de despedida vencían á morte.  

Nessun commento: