Caxigalines nella Reguera'l Campizu

20 agosto 2011

HM ENZENSBERGER


Leo estes días en Italia a recensión do panfleto de Hans Magnus Enzensberger, titulado Bruxelas, un mostro soft, así como a polémica suscitada en Alemaña ao respecto das ideas alí presentadas. Non sei se en España foi comentado e pido desculpas se a miña atención á actualidade presenta serias lagoas. A tese de HME é que Bruselas é un mostro burocrático que vai instaurando un réxime autoritario. A idea principal é que pretende lexislar ata os mínimos detalles da vida íntima dos cidadáns, establecer unha homoxenización cultural do vello continente e destruir o que el chama o sentido cívico nas institucións. O emprego dunha linguaxe abstrusa nas comunicacións administrativas, o abuso das siglas misteriosas e enigmáticas, mesmo a utilización do termo comisario para os responsables da súa política son signos (e metáforas) desta deriva autoritaria. Preguntan a HME se non lle preocupa coincidir coas ideas dos euroscépticos: HME considera que precisamente a incapacidade de aceptar críticas ao sistema confirma que o pensamento de sentido único é tóxico, destructivo. A HME a liberdade de movemento, a desaparición das aduanas é un dos propósitos máis admirables da UE, pero considera que a tendencia a establecer que cousas se deben comer ou beber ou que deben facer os cidadáns (pon os exemplos sobre as medidas dos preservativos ou a denominación das coles de bruselas ou das cores das froitas) limita a liberdade: como fumador aos máis de 80 anos, afirma que "todo antropólogo sabe que o home non se move sen drogas". A moda dunha Europa "hipersana" resulta inaceptable. Como conclusión, HME pensa que entre os máis nocivos velenos dun sistema semellante é o que conduce a non poder pensar por si mesmo e a non ter o coraxe de proclamalo sempre. A falta do gusto individual (nunha especie de vontade anárquica) é o que considera máis perxudicial do sistema burocrático de Bruselas, avaro, segundo HME, cando se trata de cultura (11 céntimos por cidadán dedicado á súa promoción).
A polémica, pois, así está presentada. Eu quedo coa idea de que a burocracia, a extensión pérfida dun sistema mecánico de control, ofrece sempre o xermolo dunha sociedade autoritaria. Coa modestia de quen mira esto a diario no seu traballo, direi que algunha razón vai tendo o julai xermánico.

Datos: paráfrase do artigo Maledetta Europa, L'Espresso, 25 de agosto de 2011, pp. 100-103, de Stefano Vastano.

2 commenti:

Anonimo ha detto...

25 de agosto de 2011? Sempre alegra ver cousas do futuro

arume dos piñeiros ha detto...

As revistas levan sempre unha data posterior. A revista saiu onte.