Caxigalines nella Reguera'l Campizu

23 agosto 2011

OUTRAS ITALIAS, TAMÉN FERMOSAS


Cando un pensa en Italia e no seu legado histórico-artístico xorde case sempre un mix de imperio romano, medievo, renacimento e barroco. Adoitamos poñer no imaxinario un pouco das ruinas de Pompeia ou do Coliseum, as torres de san Gimignano ou de Pisa, cando non os palazzi góticos de Venezia, o edificio macizo da Signoria de Florencia coa ponte vella de engadidura e as igrexas xesuíticas de Roma coa columnata e o éxtase santateresiano de Bernini. Así, de primeiras, a bote pronto. Sempre podemos estar engadindo capítulos enteiros do summa artis, pero poucas veces sairemos deses periodos históricos.
E, porén, boa parte da beleza dese país depende deses enteiros barrios residenciais construidos no século XIX, moitos deles pouco despois do Risorgimento. Son agora mesmo zonas burguesas, de grandes avenidas, cheas de altas árbores (eses ippocastani, eses olmos, eses piñeiros, aínda conservados, non coma os que neste país foron arrasados de vez), dotadas de amplas beirarrúas, trazadas sobre un plano de liñas perpendiculares, cheas de edificios máis ou menos uniformes, trazados á maneira dos vellos palazzi renacentistas, cun pórtico enorme que dá acceso a un patio interior de columnas e xardín e unha secuencia habitual de tres pisos con fiestras grandes e paredes coloreadas de ocre, de terra ou de amarelo en perfecto contraste co azul inmaculado do ceo italiano. Nápoles, Xénova, Florencia, Bologna, Milán, Roma ofrecen miles de exemplos. En Ferrara, na vía Cavour que agochou il Canale Panfilio (que proporciona auga do Po ao foxo do Castello d'Este), foi reproducido este urbanismo elegante e mesmo pode un atoparse reliquias de certas veleidades modernistas, antes de se dar de bruces con insignes representacións da arquitectura fascista que Ferrara ben amosa, por ser esta cidade particularmente adicta ao réxime mussoliniano, como lembra Bassani nas súas extraordinarias novelas.
Escribo todo isto mentres lembro a inigualable beleza do Corso Ercole I d'Este de Ferrara, esa harmónica rúa deliñada no século XVI por Biagio Rossetti para non ser nunca esquecida.

2 commenti:

Eduardo Baamonde ha detto...

En algunha vila italiana tan fermosa como a da foto (a porta é toda unha declaración da luxuria modernista)imaxino ao sublime Boldini amando e retratando -a partes desiguais- á belísima Cléo.
Benvidos!!!!

Paz Zeltia ha detto...

que evocadora imaxe a da foto,
a cabesiña non para!